Detido en setembro de 2012, xa está de volta na súa comarca da Terra de Ordes. “Muitíssimas graças a tod@s, muitíssimas graças por tudo”, escribiu nas redes sociais.

 

 

“A liberdade, afinal, era que cheirava a erva recém segada em Loureda. Sinto-me abrumado e cheio de agradecimento a tanta gente que durante tanto tempo me deu tanto amor. Muitíssimas graças a tod@s, muitíssimas graças por tudo; vós sodes independência e socialismo. Também, a lembrança constante nos que continuam dentro (Raul, Teto, Hadriám e todos os demais) e que temos que libertar. Abaixo os muros das prisons!”. Con este breve texto en FB, o xa ex-preso independentista Carlos Calvo Varela (Loureda-Ordes, 1988) daba a coñecer a súa posta en liberdade. Pasou sete anos en diversas prisións españolas e da Galiza após ser detido o 15 de setembro de 2012 en Vigo e acusado, entre outras, de pertenza a banda armada.

En febrero de 2015 a Sala do Penal do Tribunal Supremo rebaixaba de 12 a 7 anos de prisión a condena a Carlos Calvo. O Alto Tribunal estimaba parcialmente o recurso presentado e consideraba que non había probas de abondo para condenalo polos delitos de integración en banda terrorista , como si fixera a Audiencia Nacional.

Ao longo destes anos diferentes iniciativas populares mostraron o seu apoio e solidariedade para con este xornalista e historiador que, embora estar preso, nunca cesou na súa actividade cultural e artística. Así, publicou artigos en diferentes medios (entre eles, Sermos Galiza), os seus debuxos saltaron reixas para chegar a exposicións que percorreron diferentes vilas e cidades do país e mesmo un blog, ‘Aldeias de Ordes, ’ recollía as súas achegas sobre toponimia e que derivaban en achegas de cultura, xeografía ou historia. Mesmo, estando preso, a editorial Através publica ‘Diários’, obra con textos e debuxos seus.

Nestas horas non foron poucas as mostras nas redes sociais de alegría pola recuperación da liberdade por parte de Carlos, que no seu post en FB non esqueceu os independentistas galegos que aínda continúan en prisión.

,Sermos Galiza