A Fiscalía solicita penas de entre 6 e 12 anos de cárcere para 12 independentistas que acusa de pertenza a “banda criminosa”, o que levaría a disolución de da organización Causa Galiza e o colectivo anti-represivo Ceivar. As persoas procesadas apelan a colectivos e organizacións sociais, políticos e sindicais a “tomar parte” na denuncia do proceso.

 

Imaxe: @gzcontrainfo

 

Seis das doce persoas independentistas procesadas na ‘Operación Jaro’ compareceron esta cuarta feira no local da CIG en Vigo para denunciar a escalada represiva que supón a petición formulada pola Fiscalía da Audiencia Nacional: 102 anos de prisión. Unha petición de entre 6 e 12 anos de cárcere para cada unha das persoas encausadas e a acusación de ‘banda criminosa’, que implicaría a disolución das organizacións que están no albo deste operativo: Causa Galiza e Ceivar. As procesadas salientan que hai outras cuestións non menores: as multas de ducias de millares de euros ou o feito de, caso prosperaren estas peticións, algunhas das encausadas poderían ser suspendidas de emprego por traballar nas administracións públicas.

As persoas sometidas a este proceso da Audiencia Nacional española fixeron un chamamento a dar unha “resposta de país” fronte a esta escalada represiva. Así, apelan ao tecido social e político da Galiza a participar o 7 de decembro nunha reunión en que se informará polo miúdo de todo o que se refere ao proceso xudicial e se debaterán posíbeis accións e mobilizacións.

Manifestación nacional

“Hai diferentes proposta e e alternativas en cima da mesa”, afirma Joam Peres, unha das persoas encausadas, a Sermos Galiza, “como unha manifestación nacional, posibelmente en febreiro, presentar mocións, etc…”. Calculan que o xulgamento será entre a primavera e o verán de 2020, polo que tamén contemplan accións de denuncia nas datas das sesións.

“Estamos perante algo grave como é tentar tirar do mapa o independentismo organizado”, salienta, “mais tamén é un ataque aos mínimos dereitos e liberdades políticas”. Por iso, aponta, a resposta a esta vaga represiva debe de ser “ampla e plural”.

“O PSOE adiantouse a Vox”

“O PSOE adiantouse a Vox”, ironiza. Lembra a recente proposta da formación ultradereitista de ilegalizar organizacións independentistas e indica que iso é o que fai a Fiscalía (“e Pedro Sánchez aclarou hai pouco quen mandaba na Fiscalía”) con este proceso.

“Non nos encontrarán atemorizados, non baixaremos a cabeza”, afirmaron as encausadas na comparecencia de imprensa, en que pediron a “anulación total do xuízo”.

Sermos Galiza