Leo en La Vangardia a noticia de que o Parlamento Europeo comparecerá na vista que terá lugar o 14 de outubro no Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), de modo a argumentar sobre a resposta que este órgao xudicial debería dar á cuestión pre-xudicial exposta polo Tribunal Supremo (TS) acerca do contido e alcance da inmunidade de Oriol Junqueras, quen, como é sabido, foi proclamado candidato electo pola Xunta Electoral Central (XEC) após as eleccións do 26M, mais non puido tomar pose do seu lugar no PE aínda, por o TS ter recusado a autorización penitenciaria para acudir á sede da XEC a prometer ou xurar a Constitución.

Contra a decisión do TS interpuxo recurso Oriol Junqueras, solicitando a elevación ao TXUE dunha cuestión pre-xudicial, a fin de que o máximo órgano xudicial europeo determinase a partir de que momento debe entenderse que un deputado electo goza de inmunidade parlamentar e cal é o contido desa inmunidade. O TS acordou expor a cuestión pre-xudicial mediante Auto ditado o 1 de xullo de 2019. Admitido a trámite, o TXUE fixou para o día 14 de outubro a celebración da vista oral, co fin de as partes con lexitimidade para o facer poderen argumentar o que estimaren pertinente. O TXUE considerou que unha desa posibeis partes lexitimadas era o Parlamento Europeo e dirixiuse ao seu Presidente para que decidise se comparecía e formulaba alegacións ou non. O asunto foi discutido no Comité de Asuntos Legais, que por unha maioría integrada por socialistas, verdes e liberais, fronte á oposición de populares, conservadores e reformistas, aprobaron a comparecencia do Parlamento na vista, indicando ao Presidente David María Sassoli que encargase aos servizos xurídicos do Parlamento a redacción do escrito en que se fixase a posición da Cámara.

A noticia é importante, porque até non se celebrar a vista e o TXUE non tomar a decisión acerca da inmunidade de Oriol Junqueras, o TS non pode ditar sentenza. Esta é unha consecuencia incontornábel da formulación da cuestión ‘pre-xudicial’. Exponse porque o órgao xudicial do país membro entende que necesita ter a opinión do TXUE para poder tomar unha decisión. Unha vez exposta, non pode decidir antes de ter a resposta.

Coa decisión do Parlamento Europeo esta conclusión, que deriva da propia regulación da cuestión pre-xudicial no Tratado de Funcionamento da Unión Europea, vese reforzada aínda máis. O Parlamento podía decidir non ser parte do proceso, por entender que Oriol Junqueras non é parlamentar europeo e que, en consecuencia, o Parlamento non tiña nada que dicir. Ou pola contra, podía decidir ser parte por entender que o debate sobre o contido e alcance da inmunidade parlamentar de Oriol Junqueras pode ser relevante para a integridade da Cámara.

Obviamente, unha vez que o Parlamento tomou esta decisión, o TS non pode actuar sen esperar a ter coñecemento da mesma. Que será a que for, mais que até o 14 de outubro non se saberá. A opinión do Parlamento Europeo non é vinculante para o TXUE, que é quen terá que tomar a decisión definitiva. Caso o Parlamento Europeo non tivese decidido comparecer, o TS veríase fortalecido na súa posición de non considerar Oriol Junqueras parlamentar europeo e potencial portador de inmunidade e mesmo é posíbel que vise nesa decisión unha sorte de aval para facer pública a sentenza sobre o ‘caso procés’. Após a decisión do Parlamento Europeo iso xa non é posíbel.

Quere dicir, pois, que nas primeiras semanas de outubro non se poderá facer pública a sentenza sobre o ‘caso procés’, como se está dando por suposto. Haberá que agardar a decisión do TXUE e, en función de cal sexa a resposta á cuestión pre-xudicial, comezaremos a poder facer unha idea de en que momento poderá ditarse. Se o TXUE entender que, dada a situación procesual en que Oriol Junqueras está, o TS non tería que solicitar o suplicatorio ao Parlamento Europeo, a sentenza podería ser feita pública de forma inmediata. Caso entender que non é así, a sentenza sería adiada por tempo imposíbel de calcular neste momento.

Despois da investidura ou non do presidente do Goberno, a decisión do TXUE após a vista do 14 de outubro é o acontecemento que máis impacto vai ter na axenda política na Catalunya, certamente, mais tamén en España.

Javier Pérez Royo

El Diario