Eran Efrati, ex sarxento do exército israelita e director do grupo Researching the American-Israeli Alliance / Foto: BRENDA ALÓS

 

 

Nos últimos 71 anos, a historia da Palestina estivo marcada, en primeiro lugar, pola ocupación do paramilitarismo sionista e, en segundo lugar, pola súa institucionalización nas Forzas de Defensa de Israel (IDF), a partir da organización paramilitar sionista Haganà. Outra forza paramilitar foi o Irgun, que se convertería no partido Herut e máis tarde se integraría no Likud, partido do actual primeiro ministro israelita Benjamin Netanyahu. Non é complicado entender, portanto, o papel que teñen a ultradereita e o militarismo no ADN do Estado de Israel. Neste ambiente naceu e foi criado Eran Efrati (Xerusalén, 1986), ex sarxento do batallón 50 da división Nachal do exército israelita, membro de Jewish Voice for Peace (Voz Xudaica para a Paz) e actual director do grupo Researching the American-Israeli Alliance (Investigando a Alianza Estadunidense-Israelita). A disidencia de Efrati centrouse en desvelar, antes de mais nada, os incumprimentos dos dereitos humanos por parte das IDF, polo que foi encarcerado en 2014. Pasou despois a analisar a implicación de Israel nos negocios con outros países de armamento e seguranza.

 

 

Es coñecido como un activista que abandonou o exército israelita, mais de que ambiente procedías?

Nacín en Xerusalén. Son descendente de sobreviventes do holocausto asentados en Xerusalén, dunha familia con grande tradición militarista. O meu irmán máis vello serve nas forzas especiais, a minha nai foi oficial do exército israelita (IDF) e o meu pai foi un alto cargo do exército e, actualmente, é un dos principais oficiais da policía en Xerusalén. Este ambiente militarista estaba estreitamente vinculado cun ambiente sionista, que se vía reforzado na educación, tanto en casa como fora dela. A mensaxe era sempre a mesma, “temos de nos preparar para unha guerra, virá un segundo holocausto”.

Como se ven as IDF en Israel? Como é vivir nunha casa tan militarista?

Realmente todas as casas son militaristas. En Israel temos un sistema de milicia en que todos os homes teñen que facer tres anos de servizo militar e as mulleres dous anos. Despois, até os 45 anos, os homes teñen un mes obrigatorio de reserva militar por ano. Iso ten unha consecuencia directa, en cada casa de Israel está o exército, cada familia é parte do exército. Con este elevado nivel de militarismo, conseguen inculcar estas ideas en toda a populación. O sionismo e o militarismo están ligados. Desde crianza, explícanche que é preciso te defenderes do inimigo e a idea da defensa nacional é constante até chegares á milicia. De feito, sempre lembro unha frase que me dixo un soldado israelita: “Israel non é un país cun exército, é un exército cun país”.

 

“O sionismo e o militarismo están ligados. Desde crianza, explícanche que é preciso te defenderes do inimigo e a idea da defensa nacional é constante até chegares á milicia”

 

Ese ambiente fixo que tiveses o camiño cara ao exército case predestinado desde ben pequeno. Mais como entrache nas IDF?

Coa familia que teño era case inevitábel, aliás a milicia é obrigatoria. É moi fácil desexar ser parte de todo iso polo grande medo en que fun criado. Cando es xoven e che din que o xenocidio do teu pobo está próximo, o impulso é querer estar en primeira liña de batalla. O primeiro paso nas IDF é un dos máis impactantes. Este é o treino. Fanche crer que estás perto dese segundo holocausto, respírase un ambiente moi categórico. Dinche que a guerra é inminente, que tes de prepararte ben para que a historia non se repita. E cando pensaba que ía loitar nunha guerra, que tiña que loitar non sei ben contra quen, contra algún que quería aniquilarnos, mándanme ao meu primeiro destino e misión. E non encontrei guerra ningunha. Fun destinado á cidade de Hebron, a miña misión era protexer os case 800 colonos israelitas da cidade. Xunto con 500 compañeiros das IDF, ocupaba case o 20% dunha cidade de máis de 200.000 persoas, para crear un perímetro de protección para menos de 1.000 colonos.

E que aconteceu despois? Que che fixo mudar de opinión e pasar da primeira liña de fogo á disidencia?

Estiven destinado en Hebrón e tamén levei a cabo misións por outros lugares da Cisxordania. Había misións que distaban moito desa alegada defensa contra un segundo holocausto. Nas IDF dediqueime a deter persoas de entre 8 e 90 anos, abater casas, dar malleiras… Sobretodo dedícaste a estudar a poboación palestina. No final comecei a dubidar de todo o que aprendera durante a miña vida. Onde estaba aquela guerra? O que facíamos na Cisxordania non era unha guerra, non vin o inimigo contra o que fora formado. Sendo sarxento, decidin unirme a Breaking the Silence (Rompendo o Silencio). Nesta organización militares e ex militares israelitas poden dar testemuño das ilegalidade e inxustizas que presencian.

 

 

“Nas IDF dediqueime a deter persoas de entre 8 e 90 anos, abater casas, dar malleiras… Sobretodo dedícaste a estudar a poboación palestina. No final comecei a dubidar de todo o que aprendera durante a miña vida.”

 


Como funciona Breaking the Silence?

Fiquei pouco tempo no exército e centreime nesta organización. A idea era divulgar testemuños de membros das IDF, gardando o anonimato para preservarmos a súa seguranza e evitarmos que as persoas fosen perseguidas pola xustiza militar. Mais había moitas dificuldades. A censura militar chega a cada canto de Israel, xa que se queres publicar algo, antes ten de ser revistado polo exército. Claro, nós filtrábamos esas informacións aos media, mais por moito que tivesen querido, non poderían ter publicado nada. Nesa altura, entendim que así non poderiamos facer moito, e cando me dei conta que tiña constancia e documentos que probaban o uso de armas químicas polas IDF, comprendin que había que falar máis alto e investigar todo o asunto a fondo.

 

Na actualidade, Efrati dedícase a investigar e denunciar publicamente o exército israelita. BRENDA ALÓS

 

 

Despois de Breaking the Silence, decidiche unirte a Jewish Voice for Peace e máis concretamente ao grupo RAIA (Researching the American-Israeli Alliance). Que facedes neste grupo e que foi o que te levou a dirixilo?

En Jewish Voice for Peace xuntámonos xudeus e xudías que rexeitamos o sionismo e pensamos que é preciso chegar a unha solución pacífica do conflito xerado por Israel. Cremos na paz e na convivencia nese territorio. Despois, deime conta que o militarismo e a industria armamentística están estreitamente relacionados co sionismo. Sabías que durante a década dos 60 e 70 Israel foi un dos principais fornecedores de armas a réximes como o apartheid de África do Sur ou as ditaduras da América Latina? Comprendin que o sionismo non fai dano unicamente ao pobo palestino. O mercado das armas e da seguranza fai dano a moitos lugares do mundo, a vós, aquí, tamén vos fai dano. A ocupación da Palestina é tamén un campo de probas de armamento e técnicas. Agora mesmo, a economía está baseada nestas probas, e tanto ten se compras ou se vendes, as armas son postas a proba en situación reais.

O grupo de investigación céntrase na relación armamentística entre os EUA e Israel, imaxino que pola importancia desta relación, mais o qué acontece co resto dos países? Existe negocio de armas co Estado español?

Se ben é verdade que os Estados Unidos foron o aliado clásico de Israel, a realidade é que as alianzas e relacións armamentísticas con outros países son moi numerosas. Esta mesma semana pasei por Madrid e reunímonos co Ministerio de Defensa para explicarlles as consecuencias destas vendas. Insistíronos en que España non compra nin vende armas letais a Israel. En primeiro lugar, é preciso ter claro que o resto de armamento tamén inflúe e é indispensábel para a ocupación e a limpeza étnica actual en Israel. Hai informacións claras de que España vende componentes de míseis e outros tipos de proxécteis que son montados e axustados en Israel, e non aparecen como armas mortíferas. Mostráronse descoñecedores destes materiais, mais parece claro que un componente para fabricar proxécteis ten unha función evidente. Parece que o seguinte paso é o encubrimento destas relacións, e así comprobas que o poder de Israel non ven unicamente dos Estados Unidos. Procede de cada país que chama democracia a Israel e está disposto a comerciar armamento, ignorando a situación de ocupación, violación de dereitos humanos e o conflito.

 

“Hai informacións claras de que España vende componentes de míseis e outros tipos de proxécteis que son montados e axustados en Israel e non aparecen como armas mortíferas”

 

Como é o mercado da seguranza?

Desde os atentados de Nova York, existe unha obsesión crecente pola seguranza. Agora mesmo, policías de todo o mundo son treinadas por Israel. E si, entre elas a policía española, en diferentes níveis, e os corpos autonómicos cataláns e vascos. Nestes programas, os treinadores israelitas transmiten toda a experiencia adquirida na represión aos palestinos. Poderíamos dicir que, agora mesmo, os territorios da Palestina ocupados son a zona de experimentación das técnicas de represión de medio mundo. Se ben é verdade que a represión existía desde moito antes de Israel existir, agora aplican doutrinas perfeccionadas por Israel, que ve a represión e o que chaman “seguranza” en tres fases. A primeira consiste nunha monitorización e vixilancia externa da cidadanía. A segunda na segregación por ideas ou etnias, para determinar un inimigo claro e chave; e finalmente no final dos protestos de maneira inmediata. Israel ensina que compre pór fin a calquer tipo de protesto de maneira violenta e que é preferíbel causar mortes a deixar que a axitación se manteña e contaxie.

Como se poden combater estes dous sectores militaristas e autoritarios?

O único camiño é o boicote. O boicote armamentístico é o único camiño para acabar coa ocupación e colonización da Palestina. Tamén para esgazar parte dos aliados do sionismo, que son os que se fixeron e fan ricos con este conflito. Aliás, o boicote beneficia tamén as sociedades involucradas con boicoteadores. As liberdades civis de quen vive sob unha represión policial semellante á de Israel non están garantidas, así como tamén non os dereitos humanos e civis. No meu parecer, todo pasa polo boicote. Falo do boicote armamentístico, mais agora mesmo o movemento Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel (BDS) é a mellor ferramenta que hai no ámbito internacional para pór fin á ocupación da Palestina, xa que Israel depende moito do exterior e a comunidade internacional está cada día máis atenta á súa imaxe e reputación. Pensade senón en Valencia. Creo que hoxe por hoxe ainda é a maior cidade do mundo cunha declaración ELAI (Espazo Libre de Apartheid Israelita). Unha cidade tan grande está deixando de colaborar coa ocupación, se todas se unisen a este movemento, Israel tería de comezar a respectar os dereitos humanos.

ADRIÁN CABALLERO