602 euros de multa. Esta é a sanción que o Goberno Vasco, en nome do seu Director de Coordinación de Seguranza, quer impor á radio libre Hala Bedi (Gasteiz), con 34 anos de traxectoria comunicativa na provincia de Araba. Para facelo apoiáse na Lei orgánica 4/2015 de Protección da Seguranza Cidadá, amplamente coñecida como Lei Mordaza. O motivo, a cobertura informativa que un xornalista do medio fixo durante o pasado 18 de maio, día en que un equipo de técnicos de Iberdrola e un numeroso continxente da Ertzaintza irrompeu no bairro autoxestionado de Errekaleor para cortaren a luz da viciñanza.

Sabendo o que ia acontecer, decenas de habitantes do bairro e dous xornalistas de Hala Bedi aguardaban pola mañá a chegada do operativo, no primeiro caso para resistir, no segundo para poder informar desde dentro do cordón policial.

As e os xornalistas que chegaron máis tarde, unha vez que a policía comezaba a retirar unha a unha as persoas que formaban un muro humano para protexeren o cadro xeral de electricidade do bairro, tiveron que facer o seguimento desde o outro lado do cordón policial porque a Ertzaintza lles impediu a entrada ao bairro. Desta feita, só Hala Bedi puido documentar o que acontecía durante a intervención policial.

Aquel mesmo día o medio xa denunciou que axentes antidisturbios romperan o teléfono móvel co que os dous xornalistas estaban informando. Por este motivo, o xornalista requereu ao axente da policía que o tería espancado que se identificase, despois de mostrar a súa acreditación de prensa. Daquela o policía teríalle collido o cartón para tomarlle a filiación, ao tempo que remachaba: “Sabemos quen sodes, sabemos que sodes do contorno radical”.

Dous meses e medio despois deste incidente, os membros de Hala Bedi recibiron con estupefacción a multa que o colectivo xa anunciou que non a pagarán. “Na medida en que se trata dunha lei inxusta, cremos que temos lexitimidade para a desobedecer”, afirman nun comunicado. O artigo que lles aplican é o 36.6, que fai referencia á desobediencia ou resistencia á autoridade ou aos seus axentes no exercicio das súas funcións.

No expediente sancionador afírmase que o xornalista “ultrapasou unha fita que servía de cordón policial e abalanzouse, acometendo con forza contra unha liña de axentes”. En troca, Hala Bedi califica o argumentario de “mentiras sen probas”, ao tempo que explican que as súas probas estaban “no móvel que a Ertzaintza nos partiu e non pudemos recuperar os arquivos”. Por este motivo conclúen que esta é “unha medida inxusta co obxectivo de ocultaren os abusos policiais”.

Ler máis.