No pasado 29 de outubro, EsCULcA presentou Queixa perante o Defensor del Pueblo en que solicita inicio do pertinente proceso en relación co exceso na aplicación da suxeición mecánica ao penado F.J.S.R., preso no cárcere de Teixeiro, despois de constatar que na comunicación con letrados é obrigado a permanecer coas mans alxemadas nas costas, o que pode constituir infracción de dereitos fundamentais consagrados nos arts. 1, 15, 24 e 25 da CE de 1978.

 

Resultado de imagen de teixeiro carcel

 

Con efecto, os días 21 e 27 de setembro deste ano, F.J.S.R. foi conducido ao locutorio coas mans alxemadas nas costas e foi obrigado a permanecer así durante o tempo que durou a comunicación con Fernando Blanco Arce, avogado de EsCULcA, sen haber razón de seguranza algunha que pudese xustificar tan extrema medida: non existía risco de fuga nin posibilidade de inflixir danos a terceiros ou a si mesmo. F.J.S.R. era o único interno que estaba comunicando en ambas as ocasións e os funcionarios estaban protexidos nun cubículo envidrazado a distancia do penado.

No escrito de Queixa, EsCULcA lembra que o artigo 45 da LOXP e os artigos 71 e 72 do RP, que regulan a utilización deste tipo de medios coercitivos, establecen que só se há de recorrer a eles para impedir actos de evasión ou violencia, evitar danos a cousas, a terceiras persoas ou a si propios e vencer a resistencia activa ou pasiva dos internos ás ordes do persoal prisional no exercicio do seu cargo. En todo caso, durante o tempo mínimo necesario para restituir o restablecemento da normalidade e contando coa autorización do director, que deberá pór en coñecemento do Xuiz de Vixilancia Penitenciaria os feitos.

Nos artigos 71 e 72 do RP sublíñase a necesidade de levar a cabo estas medidas “co respecto debido á dignidade e aos dereitos fundamentais, nomeadamente aquelas que se practicaren directamente sobre as persoas”, a esixencia de proporcionalidade, a prohibición de seren aplicadas como sanción encoberta e a obrigatoriedade de recorrer a elas só cando non existir “outra maneira menos gravosa para conseguir a finalidade perseguida e polo tempo estritamente necesario”

Pois ben, obrigar FJSR a permanecer coas mans alxemadas nas costas durante a comunicación con letrados os dias 21 e 27 de setembro é sen dúbida desobedecer abertamente estas normas e só se pode entender tal conduta como unha sanción encoberta que a institución prisional utiliza para desencoraxar o penado de exercer o seu dereito á defensa frente á situación reximental que sofre, non axustada aos parámetros dun sistema penitenciario nun estado de dereito.

En consecuencia, no seu escrito EsCULcA demanda ao Defensor del Pueblo que ordene a medio de resolución o cesamento inmediato do alxemamento do penado na comunicación con letrados, requerendo en carácter cautelar medidas urxentes para evitar que en ulteriores comunicacións se manteña o réxime aquí descrito.

Escrito de Queixa ao D.P.