O 15 de maio, EsCULcA enviou escrito de Petición ao Secretario Xeral de Institucións Penitenciarias, ao abrigo do artigo 2 da Lei Orgánica 4/2001, en que solicita a adopción de medidas Administrativas, Xurídicas e Técnicas para adaptar a Instrución/Orde de Servizo de 13 de maio ao principio de hierarquía normativa co fin de salvagardar os dereitos das persoas presas e as súas familias, así como o principio de igualdade ante a a lei e os dereitos de tutela xudicial efectiva, dignidade e reinserción da pena.

 

cachopo carcel prisiones veto

 

A razón deste escrito reside na apreciación de EsCULcA de esta Instrución ou Orde de Servizo de 13/05 entrar en contradición co Real Decreto 190/1996, polo que foi aprobado o Regulamento Penitenciario (RP), e coa Orde Interna 407/2020, de 12 de maio, e por esta contradición prexudicar os dereitos das persoas presas e das súas familias.

En relación coas licenzas de saída do cárcere, tanto as de carácter ordinario como as de carácter extraordinario, na Instrución de 13/05 estipúlase que, para poderen desfrutala, as presas e presos deberán consentir expresamente en pasar un período de cuarentena en cela isolada -sen que se determinen as condicións- ao voltaren entrar na prisión. Un requisito non contemplado no art. 154 do RP e manifestamente discriminatorio por canto o mesmo non é exixido aos funcionarios, que supoñen un vector de transmisión maior xa que o seu contacto co exterior é permanente.

Por outra parte, non se regula a forma en as persoas presas poderán desfrutar das licenzas de saída caso os lugares en que se ubican o penal e o domicilio vinculado a esa autorización non se acharen na mesma fase do desconfinamento.

O mesmo acontecendo no que toca á comunicación coas familias e á transferencia dunha persoa presa a outro cárcere. No primeiro caso, o domicilio da familia pode estar situado nunha provincia diferente da do penal, o que impediría as visitas apesar de a persoa presa non ter escollido o seu lugar de residencia. No que se refere à transferencia, a execución supedítase tamén a calificación (Fase 1) das zonas en que están ubicados os penais, o de saída e o de chegada e, mesmo no caso de os dous cumpriren o requisito, as persoas presas son obrigadas a permanecer en cuarentena en cela isolada no cárcere de destino.

Estas restricións dos dereito das persoas presas, e mesmo incoherencias normativas, levan EsCULcA a formular as seguintes propostas:

Substitución das cuarentenas en celas isoladas por medidas de control exclusivamente sanitario; eliminación da submisión da concesión de licenza de saída á calificación da zona en que se ubique o penal e/ou o domicilio de destino; no caso de transferencia de penal, eliminación do requisito de o centro de saída e o de chegada estaren ambos en Fase 1 e o mesmo no que di respecto ás visitas familiares, que non deberán ser impedidas ainda que as familias residan en provincia ou territorio que ainda non se encontre na Fase 1 de desconfinamento.

Escrito dirixido ao Secretario Xeral de Institucións Penitenciarias