OBSERVATORIO PARA A DEFENSA DOS DIREITOS E LIBERDADES

.

Carta aberta a Fernando Grande-Marlaska – Ministro do Interior do Goberno de España

A Organización Mundial da Saúde (OMS) deu a coñecer o 23 de marzo un Guia  dirixido aos Estados en que recomenda tomar unha serie de medidas para abordaren a crise do Covid-19 dentro dos establecementos prisionais.

O esforzo mundial para facer frente á propagación da doenza pode fracasar se non se presta a debida atención ás medidas de control da infección dentro dos cárceres”, afirma a OMS. E, entre as que entende deben ser adoptadas de inmediato, salienta “a valoración cuidadosa do posíbel recurso a medidas non privativas de liberdade en todas as etapas da administración da xustiza penal”. A OMS insta os gobernos a aplicar estas medidas nomeadamente a casos de “supostos delincuentes e reclusos de perfis de baixo risco e especialmente vulnerabeis, dando preferencia ás mulleres grávidas e ás mulleres con fillos dependentes”.

Neste mesmo sentido, o Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa (CPT), na súa Declaración aos Estados membro, urxe tamén a realizar un ”maior uso de alternativas á prisión preventiva, conmutación de sentenzas, liberdade antecipada e liberdade condicional”.

Por outra parte, un nutrido grupo de asociacións de defensa dos dereitos das persoas presas de todo o estado español demandaron a ese ministerio, en escrito rexistrado o 16 de marzo, a adopción de medidas urxentes de asistencia médica para facer frente á emerxencia sanitaria ocasionada por el COVID-19.

Lembran tamén estas asociación que a ausencia de medidas de asistencia sanitaria efectivas, incluída a práctica inexistencia de medios de protección contra o virus no interior dos cárceres, ven acompañada dunha inxustificábel restrición dos dereitos das persoas privadas de liberdade. A Orde INT/227/2020, adoptada polo Ministerio do Interior o 15 de marzo ao abrigo do Real Decreto 463/2020, nega a posibilidade de manter visitas presenciais e non contempla a posibilidade de poder comunicar coas familias por outros medios apesar das solicitudes cursadas neste sentido.

Unha situación que xera, e non podería deixar de ser asi, grande preocupación e angustia nas familias, tanto máis cando se sabe que foron diagnosticados xa casos positivos nos cárceres. Na Galiza, que teñamos coñecemento, hai nestes momentos un caso en Bonxe e outros dous na cadea da Lama.

É por todo isto que, para garantir a saúde das persoas presas e o respecto aos seus dereitos básicos, urximos o Ministerio do Interior a tomar de inmediato as medidas que reclaman a OMS, o CPT e numerosas asociacións sociais do estado español ,

a) fornecendo aos presidios os medios materias e humanos para evitar o contaxio e atender as persoas que xa foron infectadas;

b) pondo en liberdade o maior número de penadas e penados posíbel, quer sexa por motivos humanitarios ou por baixo perfil de risco, como xa fixo Irán, por exemplo;

c) facilitando as comunicacións coas familias -mediante a instalación de medios para poderen comunicar mediante vídeoconferencia, como xa fixo Italia.

Lucía Barros Miñones (Presidenta de EsCULcA)

Carta aberta a Grande-Marlaska (texto na íntegrda)