O 29 de xaneiro, Fernando Blanco Arce, en nome e representación de EsCULcA, rexistrou Queixa dirixida á Oficina do Defensor del Pueblo en que se solicita a abertura de expediente en relación cos violentos malos tratos que alegadamente inflixiron funcionarios do cárcere de Teixeiro ao penado P.E.G. Os feitos aconteceron o pasado 21/01 e deixaron secuelas ainda visíbeis varios días despois como puido constatar un representante de EsCULcA.
No seu escrito, Fernando Blanco Arce demanda a abertura de expediente por posíbel violación dos dereitos fundamentais consagrados no art. 10 (dignidade), 15 (integridade física e moral) e 17 (seguranza) da Constitución Española de 1978.
“Son dunha enorme gravidade -sinala- porque non hai xustificación algunha legal ou regulamentar para unha actuación tan desproporcionada e desmedida”. E lembra que a Defensoría del Pueblo ten coñecemento por outras queixas apresentadas no seu día que estes feitos acontecen amiúde no módulo de isolamento de Teixeiro, como constata no seu relatorio o Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa despois de visitar o cárcere no ano 2016.
“Este relatorio é coñecido pola Defensoría del Pueblo”, subliña Blanco Arce, que acrescenta: “Interesámos da Oficina del Defensor del Pueblo que extreme o celo na tramitación das queixas por malos tratos nos Centros Penitenciarios por canto, salienta, “o CPT constatou ‘un padrón de malos tratos inflixidos por funcionarios de prisión'”.
“Se a Defensoría del Pueblo non quer ficar reducida a unha mera institución lexitimadora, debe adoptar unha posición máis activa na investigación destas queixas. É lamentábel que un órgao integrado no Consello de Europa constate un padrón xeral de malos tratos sen que o Defensor del Pueblo teña adoptado máis do que unha posición meramente burocrática na tramitación de queixas por estes motivos”, conclúe, para a seguir lembrar que o CPT tamén sinala no seu relatorio a graves eivas detectadas na actuación dos servizos sanitarios prisionais e o incumprimento sistemático da obrigación de emitir partes de lesións e de enviar copia á Dirección do Centro Penitenciario, o Xulgado de Garda e á persoa presa que padece as lesións, así como de incorporar tamén copia ao seu expediente médico.
Neste caso, o médico do Centro non só non emitiu parte algún, senón que mesmo se negou a prestar a atención e os cuidados que o estado do preso requerían, polo que o representante de EsCULcA interesa no escrito de Queixa à Oficina do Defensor del Pueblo que sexa aberto igualmente expediente en relación coa actuación dos servizos sanitarios do cárcere.