No pasado 22 de abril, EsCULcA enviou ao Alcalde de Compostela a sentenza de 16/04/2020, en que o titular do xulgado núm. 2 de Pontevedra, Xermán Varela Castejón, afirma que o feito de “unha persoa ser denunciada varias veces non supón que necesariamente que se deba “entender que comete delito” e decreta portanto a posta en liberdade da persoa xulgada. Unha resolución que contrasta vivamente coa decisión de Sánchez Bugallo de pedir pena de prisión para as persoas que vulneraren reiteradamente o confinamento do estado de alarma.

 

Xosé Sánchez Bugallo: “La realidad es que los últimos doce meses ...

.

Neste terceiro escrito que dirixe a Sánchez Bugallo, EsCULcA lembra que está ainda á espera de recibir resposta aos dous pedidos de información sobre o anuncio da alcaldía relativo ao endurecemento das medidas que tomará o Concello contra as persoas que incumpriren reiteradamente as normas establecidas durante o estado de alarma. Segundo este anuncio, aquelas que reincidiren serán levadas ao xulgado de garda e o Concello pedirá o seu internamento en prisión -“ou no centro en que o xuiz considere máis axeitado”.

Como o seu primeiro pedido, de 31 de marzo, non obtivera resposta, no pasado 8 de abril EsCULcA enviou novo escrito en que sinala ao Alcalde que as persoas que foren acusadas de ter cometido un delito de desobediencia en máis dunha ocasión estarán amparadas pola presunción de inocencia , polo que, até recaer sentenza firme , non poderán ser consideradas autoras de infracción penal algunha. Subliña tamén o grave risco que para a saúde e mesmo a vida supón sempre, e nomeadamente nestes momentos de crise sanitaria, o ingreso no cárcere, onde a asistencia sanitaria é xa de por sí deficiente e a propia condición de confinamento dun número elevado de persoas en espazos tan pequenos contribúe a aumentar considerabelmente os contaxios entre as persoas recluídas. E recorda que os máis importantes organismos internacionais de dereitos humanos insisten na necesidade de evitar os ingresos en prisión e pór en liberdade o maior número posíbel de persoas presas.

Sentenza