Con data 9 de agosto, o xulgado de instrución núm. tres de Betanzos ditou resolución en que desestima o recurso de reforma e confirma o arquivo da denuncia interposta por Fernando Blanco e Yolanda Ferreiro contra o funcionario do cárcere de Teixeiro identificado como mando de incidencias por un posíbel delito contra o dereito á defensa.  Na tarde do día 30/12 este funcionario impediu a comunicación de 3 internos do centro coa avogada Yolanda Ferreiro e o avogado Fernando Blanco.

O xulgado sinala que resulta evidente que o CP de Teixeiro actou de forma correcta (“legal y escrupulosa”) ao denegar a comunicacion partindo da premisa fáctica que probada de os presos teren rexeitado comunicar co letrado e a letrada. Chega o xuiz de instrución a esta conclusión despois de ler unicamente o informe do Centro Penitenciario e denegar as  dilixencias de proba pedidas polo denunciante (a declaración dos presos e da decana do Colexio de Avogados de Ourense, dona Pilar Guerrero) que lle tería permitido coñecer de primera mao se existiu a alegada negativa dos presos a comunicar.

Mais no expediente que se segue perante el Defensor del Pueblo consta que un dos presos (P.B.B.) xa manifestou a esta institución que os funcionarios non lle notificaron en ningún momento que Blanco Arce e Ferreiro Novo querían comunicar con el e portanto non puido en modo algún negarse a esta solicitude. O que en calquera caso nunca faría por canto fora el mesmo, declara P.B.B. no seu escrito ao Defensor del Pueblo, quen solicitara a comunicación. Segundo o seu criterio, a negativa a facilitar a comunicacion deriva en realidade da preocupación da dirección do penal ante o posíbel contacto coa letrada e o letrado xa que nesa altura (30 de decembro de 2016) ainda eran ben visíbeis os sinais físicos da recente agresión que sofrera a máns dos funcionarios do centro .

Esculca xa formulou recurso de apelación contra esta resolución en data 14 de setembro.