No pasado 31 de marzo, EsCULcA enviou escrito ao Alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, para pedir información sobre o seu anuncio relativo ao endurecemento das medidas que tomará o Concello contra as persoas que incumpriren as normas establecidas durante o estado de alarma. Segundo este anuncio, aquelas que reincidiren serán levadas ao xulgado de garda e o Concello pedirá o seu internamento en prisión -“ou no centro en que o xuiz considere máis axeitado”.  Como este primeiro pedido non obtivo resposta, EsCULcA enviou novo escrito no pasado 8 de abril.

.

.

Agora, no seu segundo escrito (08/04/2020), EsCULcA lembra ao Alcalde que as persoas que foren acusadas de ter cometido un delito de desobediencia en máis dunha ocasión estarán amparadas pola presunción de inocencia , polo que, até recaer sentenza firme , non poderán ser consideradas autoras de infracción penal algunha.

EsCULcA lembra tamén o grave risco que para a saúde e mesmo a vida supón sempre, e nomeadamente nestes momentos de crise sanitaria, o ingreso no cárcere, onde a asistencia sanitaria é xa de por sí deficiente e a propia condición de confinamento dun número elevado de persoas en espazos tan pequenos contribúe a aumentar considerabelmente os contaxios entre as persoas recluídas.

Daí as denuncias de numerosas asociacións de defensa dos dereitos das persoas presas, que reclaman a liberación daquelas que están nunha situación de maior vulnerabilidade así como a suspensión da adopción da medida de prisión preventiva.

Unha realidade que a Directora da Oficina de Dereitos Humanos da ONU, Michelle Bachelet, trouxe a lume cando solicitou aos gobernos medidas urxentes para evitar ou minorar o contaxio. Como tamén fixeron no seu momento a OMS e o Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa (CPT), que recomendaron aos estados membros adoptaren urxentemente medidas alternativas a privación de liberdade para paliar os efectos do coronavirus nas prisións.

Paradoxalmente, frente a ese criterio, o Concello de Compostela fai pública a súa vontade de comparecer nas causas en fase de medidas cautelares para solicitar o ingreso de persoas supostamente reincidentes, sen declaración de culpabilidade , en prisión preventiva , solicitando expresamente que esas persoas sexan ingresadas nun contorno onde o risco vital é elevado e onde os Organismos Internacionais destacan a inexistencia de medios para evitar a infección por COVID 19.

Unha posición que, no parecer de EsCULcA, infrinxe o dereito á saude e integridade física de persoas non condenadas, polo que -en exercicio do Dereito de Petición- interesa do Concello de Compostela que revogue a decisión de pedir para as persoas que infrinxiren as medidas de confinamento o seu internamento en prisión.

Aquí o escrito