O arquivamento da Queixa formulada por EsCULcA o 27 de abril, relacionada coa prohibición dunha  caravana de vehículos organizada pola CUT e outras medidas restritivas do dereito de reunión e manifestación de que foi obxecto a CIG, levounos a demandar ao Defensor del Pueblo que cumpra a súa función de garante dos Dereitos Fundamentais e continúe a tramitación do expediente pois entendemos que a nosa Queixa non foi examinada coa debida dilixencia.

 

El Defensor del Pueblo investiga los casos de prostitución de ...

 

Na opinión de EsCULcA, a Oficina do Defensor del Pueblo (DP) non examinou coa debida dilixencia a Queixa formulada o 27 de abril, onde non se pedía ao DP que se pronunciase sobre a celebración ou non da manifestación da CUT en Vigo, como parecen ter entendido os responsábeis da institución, senón que se lle demandaba que se procedese “a ditar recomendación -tamén urxente- ás administracións competentes para garantir a salvagarda do núcleo esencial do dereito de reunión e manifestación, así como do dereito de liberdade sindical e que estes dereitos poidan ser exercidos sen pór en risco a saúde pública (como acontecía nos supostos de que ten coñecemento o observatorio).”

No parecer de EsCULcA, o DP non reparou na auténtica finalidade da Queixa, debido talvez a “un exame superficial e burocrático da mesma que mal encaixa coa función protectora da Institución”.

“Ora, ese erro admite unha dupla solución: – sinala o observatorio no seu escrito de alegacións-  ou ben continuar coa tramitación da Queixa coa finalidade que pretendía EsCULcA e non coa que por erro (temos que deducir) interpretou a Oficina do Defensor, ou ben abrir CON URXENCIA expediente de oficio a fin de propor ás Administracións recomendacións que fagan compatíbel o dereito de manifestación e a saúde pública, evitando agravos comparativos que o Defensor estará constatando co mero exame da actualidade diaria.”

Por outra parte, se ben é verdade que o art. 17.2 da Lei Órgánica do Defensor del Pueblo (LODP) sinala que este “non entrará no exame individual de aquelas queixas sobre as que estiver pendente resolución xudicial ou o suspenderá se, iniciada a súa actuación, se interpuxer por persoa interesada demanda ou recurso xunto dos Tribunais ordinarios ou o Tribunal Constitucional” , tamén o é que o próprio artigo da LODP continúa así: “Iso non impedirá, no entanto, a investigación sobre os problemas xerais colocados nas queixas presentadas”. Quer dicir, o DP, segundo a súa propia Lei Orgánica, embora entendese que a resolución xudicial afecta o contido da queixa, pode e debe abrir expediente para investigar e formular recomendacións que fagan posíbel o exercicio do dereito de reunion co Estado de Alarma declarado (que é, por certo, o que se solicita LITERALMENTE na nosa Queixa).

Daí que se pida agora “a revogación do acordo de arquivamento do expediente e sexa tramitada a Queixa en relación coa cuestión xeral discutida, isto é, que se dite resolución con Recomendacións ás Administracións competentes igualmente urxente para salvagardar o núcleo esencial do dereito de reunión e manifestación, así como o dereito de liberdade sindical (arts. 21 e 28 CE) de maneira que se manteña o núcleo esencial e podan ser exercidos de forma ponderada coa protección da saúde pública (como acontecía nos supostos de que ten coñecemento esta Asociación).”

EsCULcA demanda tamén que esas instrucións sexan ditadas con carácter urxente por canto de se produciren despois do levantamento do estado de alarma a actuación protectora do dereito perdería a súa efectividade.

Ver aquí o escrito de alegacións.