Familiares e persoas amigas de presos e presas no cárcere da Lama iniciaron, en coordinación co colectivo ‘Abaixo os Muros’, unha campaña para obter información sobre a dubidosa  legalidade das medidas adoptadas nese penal en relación coas comunicacións (confinamentos extremos despois de cada vis-à-vis) e a posibilidade de seren adoptadas medidas alternativas. A resposta ás preguntas formuladas por teléfono foi en case todos os casos ameazas e coaccións.

 

O cárcere da Lama sen médico de atención primaria en plena ...

 

En concreto, as persoas que chamaron ao cárcere da Lama tentaban averiguar que norma legal ou regulamentar permite impor confinamentos de dez días, con maior rigor que a sanción de isolamento en cela, ás persoas que comunicaron con familiares nun vis-à-vis. Tamén solicitaban información sobre a eventual valoración de medidas alternativas que non impliquen isolamento das persoas presas (PCR, uso xeral de máscaras, etc.) e as razóns de seren tan extremas as regras de isolamento (dez dias en confinamento solitario absoluto).

Esta información debía proporcionar ás familias o coñecemento da situación para poderen exercitar, sendo o caso,  accións legais que conducisen a cancelación do réxime extremamente estrito imposto no cárcere da Lama. Nótese que, segundo a propia Secretaria Xeral de Institucións Penitenciarias (SGIP), “as decisións sobre as comunicacións orais e especiais” son responsabilidade directa dos propios centros prisionais, o que significa que, alén de exercitaren lexitimamente o seu dereito á información, as familias dirixíanse ao órgao administrativo que ten con competencia directa sobre o obxecto das preguntas.

Porén, a resposta da administración foi na maior parte dos casos afirmar que, por orde da SGIP, debían tomar nota dos números dos teléfonos das persoas que chamasen pedindo información e que estas chamadas poderían xerar responsabilidades para quen as fixese. Todo isto, obviamente, co obxectivo de as evitar.

EsCULcA presenta Queixa perante a Defensuría del Pueblo

O 11 de abril, EsCULcA formulou Queixa perante a Defensuría del Pueblo por esta actuación coactiva manifestamente irregular da administración do penal da Lama en que demanda sexan investigados os feitos denunciados e se formule Recomendación a administración da penitenciaría para que prohibia expresamente a súa práctica.

“É innecesario lembrar á Defensuria que a Lei 19/2013 de 9 de decembro de Transparencia de Acceso á Información Pública e Bo Goberno establece un dereito subxectivo ao Dereito á Información que non pode ser limitado de forma coactiva. Quer dicir, poderia ser discutido até onde chega ese dereito ou como há de ser exercido. Todo iso podería dar lugar á súa recusa, mais en caso algún o exercicio dese dereito subjectivo poderá determinar que as persoas que o exercen poden ser sometidas a coacción ou represalia alguna. Ignora a entidade que interpón a citada QUEIXA  se a actitude coactiva descrita decorre dunha Instrución da SGIP ou da Dirección da Lama. Mais nun e noutro caso, a actuación administrativa coactiva denunciada infrinxe o principio de interdición da Administración, o seu principio de actuación neutral e obxectiva e impede o efectivo dereito de reinserción que debe conter a pena ao dificultar a relación con familiares e achegados”, argui EsCULcA no seu escrito de Queixa.

Por estas razóns, requer que sexa aberto expediente de Queixa e se proceda a investigar os feitos denunciados, así como que se formule Recomendación á administración prisional para que esta se absteña de adoptar prácticas coactivas que restrinxan ou desincentive o dereito á información das/os familiares e achegada/os e as prohiba expresamente establecendo protocolos públicos de control de calidade do exercicio do dereito á información no cárcere da Lama.