Entre os meses de outubro e novembro, EsCULcA fixo chegar ás novas Corporacións Municipais, electas nos comicios do pasado 26 de maio, as súas Propostas aos novos concellos. A implementación das medidas que se propoñen, quer sexa no ámbito do funcionamento das policías locais, da non discriminación das persoas con diversidade funcional ou do apoio ás que son vítimas de violencia, quer sexan aquelas que se referen á obrigada separación das actividades institucionais e as relixiosas, contribuiría sen dúbida a mellorar non só a calidade democrática da vida municipal senón tamén o benestar das persoas.

Resultado de imagen de concellos de galicia

 

No ámbito do funcionamento das policías locais, EsCULcA propón ás novas corporacións a regulación das actuacións dos axentes deste corpo e a limitación das súas funcións ás sinaladas no Art. 53 da Lei de Forzas e Corpos de Seguranza do Estado. Tamén se propón, para garantir o respecto dos dereitos das persoas detidas ou no seu caso a tomada de medidas para sancionar abusos, a creación dun instituto formado por tres persoas sen dependencia da Policía Local cuxa función será analisar e investigar as queixas interpostas contra este corpo.

Así mesmo se solicita a creación da figura dun/ha Valedor/a con funcións similares ás que lle son atribuídas nas municipalidades italianas, cunha dupla finalidade: garantir os dereitos das persoas detidas en dependencias municipais e dar apoio, en colaboraicón cos servizos sociais do concello, áquelas persoas que regresen á vida en liberdade despois de teren pasado un período no cárcere.

No relativo ás ordenanzas municipais, EsCULcA propón a eliminación daquelas que limiten a liberdade de expresión e a  reformulación daqueloutras que podan ser utilizadas para perseguir persoas pobres que procuran na reciclaxe de lixo un medio de vida.

Para garantir a inclusión de todas as persoas que habitan no concello, o observatorio solicita se estude a posibilidade de a) editar planos e ordenanzas municipais en formato de lectura fácil e accesível a persoas con algún tipo de diversidade funcional,  b) aplicar dos principios de deseño universal na planificación de instalacións da administración local, c) garantir o funcionamento de transporte accesível para todas as persoas, c) prestar apoio á vivenda independente e traballar pola inclusión social das persoas con diversidade funcional, d) formar persoal do concello en Língua Xestual e prácticas de inclusión da diversidade.

No que di respecto a colectivos vulnerábeis -migrantes, vítimas da violencia machista- EsCULcA reclama a creación dunha oficina de atención específica para as persoas que chegan do exterior e a municipalización dos servizos das casas de acollemento para crianzas e mulleres que sofreron violencia.

No que di respecto ao mandato constitucional de estritita separación de actividades de carácter relixioso e institucional, solicítase se regule a prohibición explicíta aos membros da corporación de asistiren na súa condición de representantes públicos a actos de carácter confesional e se prohiba igualmente a participación de axentes da policía local en actos relixiosos vestindo uniforme.

Ver aquí as Propostas