EsCULcA reclama medios non militares para facer frente á emerxencia sanitaria e alerta das posíbeis consecuenciasnocivas de propiciar un clima de alarma bélica.

 

O exército nas rúas de Vigo / Miguel Núñez

 

A presenza de militares armados e carros blindados do exército nas rúas das cidades son, no parecer de EsCULcA, medios innecesarios para combater a emerxencia sanitaria que vive a nosa sociedade e poden provocar, xunto coa retórica e as expresións belicistas que alagan desde hai uns días os medios de comunicación oficiais, efectos perversos sobre os dereitos, individuais e colectivos, que tan seria erosión padeceron nos últimos tempos.

Non sabemos se as autoridades que puxeron en marcha este dispositivo buscan provocar eses efectos adversos normalizando a presenza de patrullas armadas nas cidades ou se pretenden xustificar con esta visibilidade pública o aumento exponencial das despesas militares das últimas décadas, cando recortaron tan severamente o gasto en sanidade pública.

Tampouco temos noticia de que se teñan producido situacións perigosas -motíns armados, ataques violentos e multitudinarios a persoas ou establecementos públicos, ameaza de invasión dunha potencia estranxeira- que pudesen eventualmente xustificar a súa intervención.

 

Porque, para evitar que ocasionalmente poda reunirse nun determinado punto (estacións de ferrocarril ou de autobuses, por exemplo) un número de persoas elevado ou para advertir o propietario dun can de que o tempo de paseo da mascota é limitado, en absoluto é necesaria a presenza de militares, non digamos de militares armados e de carros blindados. Estas son funcións que calquera policía municipal desempeña sen problema.

Todo isto prodúcese nun contexto dramático de limitación de dereitos fundamentais que EsCULcA analisará no seu momento. Mais non queremos deixar de facer pública de inmediato a nosa preocupación, e a nosa desconfianza, polo exorbitante dispositivo militar posto en marcha polo goberno español.

                                                                                           Militares en Vigo. Foto: Xornal de Vigo

                                                                                        Militares en Ourense

 

                                                                                                       Militares en Ourense