ESCULCA REXEITA A INVASIÓN DE VIGO POLAS FORZAS ARMADAS

Entre os días 26 e 31 de maio Vigo vai ser invadido polas forzas armadas do Estado Español coa escusa da celebración do Días das Forzas Armadas. O lema elixido é “Todos Unidos defendemos España”, xustificado, segundo o almirante xeneral Teodoro Estaban López Calderón e o alcalde de Vigo Abel Caballero, no artigo 30.1 da Constitución Española que recoñece o dereito e o deber dos españois de defender España.

Tanto o lema como a súa suposta xustificación constitucional son utilizados nun contexto mundial de belicosidade progresiva similar aos comezos do século XX. Ao igual que entón, o capitalismo, ante unha nova crise, utiliza o fascismo e a guerra como saída. Nestes casos, tanto o patriotismo como o exército son postos ao servizo dos intereses económicos e contra a vida da poboación civil. Facer hoxe ostentación do exército ao tempo que se avisa do “noso deber” de defender España é un exercicio de irresponsabilidade histórica que vulnera dereitos fundamentais desa constitución que tanto gustan de nomear, dereitos como o da vida, da integridade, da liberdade persoal, da liberdade ideolóxica…

O goberno español presume de ser abandeirado do pacifismo en Europa e elemento discordante co tándem bélico que conforman EEUU e Israel, pero ao mesmo tempo alimenta o militarismo e contribúe á guerra psicolóxica facendo ver que os exércitos son necesarios e debemos respectalos e investir neles. Quen aposta pola paz non inviste en armas, non comercializa con elas e non contribúe na consolidación de ferramentas bélicas internacionais como a OTAN.

O galego é un pobo pacífico que ao longo da súa historia ten demostrado o rexeitamento de toda forma de ocupación ou violencia armada dos estados, chega con lembrar a paralización da Volta Ciclista a España no ano 2025 en protesta polo xenocidio do estado de Israel en Gaza, e unha vez máis demandamos que a paz e a liberdade sexan premisas básicas da nosa relación co resto da humanidade. Ningún exército ou arma algunha poden garantir outra cousa que violencia e imposición. Ningún exército vale máis ca unha vida.

ESCULCA, observatorio para a defensa dos dereitos e das liberdades, non pode máis que rexeitar que Vigo sexa o escenario dun exercicio de louvanza á guerra, porque defender os dereitos e as liberdades é defender á humanidade e non a súa destrución.