COMUNICADO

Ante a decisión da Subdelegación do Goberno de Pontevedra de prohibir unha manifestación programada para o día 1 de maio na cidade de Vigo por unha central sindical, e as manifestacións vertidas pola mesma Subdelegación en que cualifica de “irresponsábel” outras concentracións levadas ao cabo por outra central sindical, Esculca quere amosar a súa preocupación polo que considera unha limitación ilexítima dun dereito fundamental.

O dereito de manifestación é un dereito basilar de todo sistema democrático. A súa existencia dota de contido a outros dereitos civís e políticos, como o dereito á liberdade ideolóxica e de expresión ou o dereito á participación política. Así, o dereito de manifestación e reunión ven recoñecido en numerosos instrumentos internacionais de aplicación no Estado español, como o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos ou o Convenio Europeo de Dereitos Humanos. A propia Constitución española dálle o status de dereito fundamental, dotándoo, así, dunha protección xurídica reforzada. Isto implica que, toda dúbida acerca da necesidade de limitar este dereito debe ser interpretada no sentido máis favorábel ao seu exercicio.

Ese carácter reforzado provoca tamén que a súa limitación só pode decretarse en casos realmente extraordinarios. A propia Constitución española só prevé que se poda limitar o dereito en casos en que a orde pública estea en perigo. E a lei orgánica que regula este dereito é extremadamente coidadosa á hora de restrinxir as causas de prohibición, como cando se sospeite que con ocasión da manifestación cometeranse ilícitos penais ou se provocará unha grave alteración da orde pública. Tendo en conta esta regulación xurídica do dereito de manifestación, consideramos que é totalmente inxustificábel a prohibición ordenada pola Subdelegación.

Pero ademais consideramos que a situación particular na que nos atopamos como sociedade –na que para abordar a crise sanitaria do COVID-19 fíxose necesario decretar o estado de alarma- tampouco xustifica unha restrición total do dereito de manifestación. En primeiro lugar, porque nin a Constitución, nin a Lei Orgánica que regula o estado de alarma, nin o Real Decreto polo cal se declara este outorgan base xurídica para a prohibición. Noutras palabras, a regulación xurídica do estado de alarma protexe o dereito de manifestación. En segundo lugar, porque noutros Estados esta ten sido a interpretación a seguir. Así, en Alemaña, o propio Tribunal Constitucional declarou que o estado de alarma non pode servir de escusa para limitar o dereito de manifestación, e noutros países as autoridades teñen permitido diversas manifestacións.

Por suposto que as autoridades públicas poden esixir ás persoas organizadoras e participantes que cumpran estritamente coas medidas sanitarias precisas para evitar os contaxios. Tales medidas poden consistir no mantemento da distancia de seguridade entre manifestantes ou a utilización de máscaras. Con todo, como se puxo de relevo nos medios de comunicación, a entidade organizadora da manifestación prohibida prevía que a manifestación fose a través de automóbiles ocupados por unha soa persoa condutora, prevendo o uso de máscaras entre os participantes. Asemade, segundo se pode ler en todos os medios de comunicación, nas concentracións celebradas por outra central sindical, mantívose a distancia de seguridade recomendada entre os participantes, así como o uso de máscaras. Consideramos que estas medidas son razoábeis e idóneas para a protección da saúde pública.

Queremos aproveitar para lembrar que o dereito de manifestación non está sometido a autorización por parte dos poderes públicos e que a súa comunicación previa á autoridade só se realiza co obxectivo de garantir a orde pública no decorrer da mesma. Sendo así, parece necesario neste ámbito concreto desterrar prácticas baseadas na desconfianza das autoridades fronte o exercicio dos dereitos civís e políticos por parte da cidadanía e, no seu canto, instaurar unha cultura política realmente democrática, baseada no respecto ao exercicio popular das liberdades civís.

Galiza, 27 de abril 2020