España está en guerra. Non é unha frase esaxerada nin un exercicio retórico. A subministración de armas a Ucraína para combater terceiros (as milicias do Dombass e o exército ruso) ponnos na mira dos míseis e armas rusas. Non houbo declaración de guerra formal nin sequera debate parlamentar. O goberno do PSOE sabía que contaba, se for preciso, co apoio da dereita e a ultradereita; os grupos de esquerda, sen rumo, sen proposta alternativa, atordoados pola campaña publicitaria e con medo de perderen o seu espazo institucional, atiran frases ocas ou simplesmente calan como fixo Yolanda Díaz e dan por boa a situación. O saudoso Domenico Losurdo falaría da ‘esquerda ausente’.

 

 

Eduardo Luque

A poboación española continúa a estar allea ás nubes de tormenta que se avistan no horizonte. As decisións tomadas no cimeira da OTAN en Madrid (atizar aínda máis as guerras na África) non mereceron atención. A prensa tennos entretidos con banalidades: os grandes temas da reunión foron as indumentarias e os menús dos convidados. O anedótico oculta as graves decisións que foron tomadas. Poucas cousas transcenderon á opinión pública. O movemento anti-OTAN aínda que conseguiu mobilizarse estivo infestado, como case sempre, de sectarismos e divisións. A chamada “esquerda institucional” tentou controlar e amordazar o protesto. O peso dos cargos no executivo torna moi circunspectos eses dirixentes políticos, outrora moi críticos coa OTAN e que hoxe a xustifican como mal menor. O desarmamento ideolóxico da esquerda é en parte responsábel da actual situación de confusión na cidadanía.

O conflito ucraíno non acabará coa tensión OTAN-Rusia; será, cando esta guerra acabar, un episodio máis ao que seguirán outros. Non voltaremos á situación anterior ao 24 de febreiro.

A submisión do actual goberno ‘progresista’ aos ditados dos EUA debería nos envergoñar como país; tanto é así que o presidente Biden só informou o executivo español de que ía ampliar a base de Rota para dar acollemento a dous novos destrutores. Insisto, só informou. UP afirmou que o presidente español nin os consultou. Pedro Sánchez utilizou a cimeira da OTAN en Madrid como plataforma política persoal; tratábase de ofrecerse para outros cargos se chegar a ocasión. Quixo vendernos que Ceuta e Melilla ficarían baixo o amparo da organización através do artigo 5; Jens Stoltenberg, o Secretario Xeral da organización atlántica, corrixiuno rapidamente, esclarecendo que a suposta intervención non sería automática senón que estaría en función dos acordos políticos entre países (quer dicir dos intereses dos EUA).

Nese contexto enténdese a posición de submisión promovida por Pedro Sánchez e o seu ministro de Exteriores José Manuel Albares e as accións posteriores, é así como se explica a traizón perpetrada por este goberno ao Pobo Saharauí. E, por se fose pouco, o ministro de exteriores fixo o posíbel, coas súas declaracións, para acentuar a inimizade con Arxelia. A penúltima explosión do diplomático foi acusar Rusia da “agresión que recibiramos por parte de Alxeria”. Mais non é todo: a tomada de posición en favor da monarquía alauita vai nos arrastrar a unha guerra máis que probábel no Sahel. A tensión arxelino-marroquina subiu de ton desde esta última cimeira da OTAN.

O Sahel africano será o novo escenario bélico nos próximos meses. A visita do ministro de exteriores a Rabat no inicio do mes de xullo apunta a definir o apoio de España en caso de conflito. Se hai poucas semanas foron as tropas da OTAN as que fixeron manobras militares no reino de Marrocos coa participación de Israel (as denominadas African Lion 22), agora son as tropas rusas as que anuncian exercicios militares conxuntos con Arxelia. Para deter a ansia belicista marroquina que cre que a súa posición é de forza, Arxelia corresponde cun enorme desfile militar, mostrando o seu armamento máis sofisticado. Entretanto, a prensa fantasea coa posibilidade de a Rusia estar interesada nunha base naval en Oran. É evidente que a tensión na fronteira se agravou desde que Arxelia e Marrocos romperon relacións diplomáticas no ano pasado. Neste momento o control militar sela zonas fronteirizas onde o contrabando entre os dous países era unha forma de vida.

As inadmisibeis declaracións do presidente de Goberno sobre o masacre de inmigrantes en Melilla mostran, por se houber dúbidas, a nosa submisión aos intereses dos EUA. Marrocos é a potencia rexional na zona á custa do noso país. As declaracións de Pedro Sánchez, defendendo á xendarmaría marroquina, provocaron un profundo rexeitamento no conxunto da sociedade española. Non é, como se pretendeu xustificar despois, un problema de interpretación.

O actual goberno mostra os límites do seu ‘progresismo’ e, parafraseando o poeta, o goberno PSOE-UP afánase en ser “brando coas esporas e duro coas espigas”. A aposta decidida pola guerra (aumentando en 1000 millóns de aquí ao final de ano o orzamento en Defensa), o abandono da reforma fiscal, o corte ás pensións mediante a privatización e o posíbel pacto de rendas debuxan os límites da acción de goberno. Pedro Sánchez móstrase incapaz de arbitrar solucións factibeis á crise social que está por vir. A devastación social na esquerda, provocada por unha política que quere paliar con xestos o que son políticas neoliberais, abre camiño á futura vitoria da dereita. Pedro Sánchez xa asume que o seu destino persoal non é renovar mandato no palacio da Moncloa senón, talvez, ocupar os despachos da OTAN en Bruxelas.

Entretanto, o ministro Albares móstranos ser un triste home, aínda que ignoro se é un home triste. Esquecido na cimeira Atlántica de hai unhas semanas, (obviamente o seu xefe o eclipsou) ninguén parece prestar atención ás declaracións do ínclito ministro de exteriores español. Ninguén prestou atención ao señor Albares porque a nosa posición de vasallaxe nos invisibiliza no concerto internacional. Para facerse notar e, como se a situación non fose xa suficientemente explosiva, o noso xefe de embaixadores toma a liberdade de botar máis gasolina ao lume. A arrogancia do personaxe é inversamente proporcional ao peso específico que ten como diplomático. Hai poucos días creou problemas con Mali facendo declaracións ameazantes. En plena cimeira da OTAN en Madrid (claro anuncio da orientación das futuras relacións co Sahel), ameazou coa intervención militar nese país. As súas palabras, recollidas polas axencias, son enormemente imprudentes. Afirmou que non se descarta unha intervención da OTAN en Mali se for preciso», «Se for preciso e a situación constituir unha ameaza para a nosa seguranza, farémolo«. Só resta unha dúbida, se se refería aos grupos yihadistas, (por certo, financiados como sabemos por Occidente) ou aos militares rusos da compañía privada Wagner. Sen dúbida estará satisfeito; alguén o ten en conta. O noso ministro compórtase, se me permiten a comparación, como eses pequenos cadeliños que supren a falta de altura con ladridos. As declaracións non son casuais: coinciden coa adopción por parte da Alianza Atlántica do novo concepto que considera o Sahel como zona de “interese estratéxico”. Non foi só unha fanfarronice de Albares. O actual incidente encádrase na deterioración crecente das relacións diplomáticas españolas cos países do Sahel e o Norte de África.

Mali chamou inmediatamente a consultas o embaixador español en Bamako. O home forte do país colocou o ministro na liña. O coronel Assimi Goïta denunciou publicamente que, desde a intervención da OTAN na Libia en 2011, o terrorismo foi espallándose por toda a zona. Pode apreciarse, desa perspectiva, que hai unha relación de causa efecto entre as intervencións militares de Occidente e o desenvolvemento de grupos terroristas. O surto destas organizacións, como no caso da Siria, é a escusa perfecta para invocaren a necesidade das guerras humanitarias. É un recurso amplamente utilizado nas últimas décadas: primeiro invadir un país para impor a “democracia” e eliminar o “ditador” correspondente que incomoda; despois ficar para defender o país dos terroristas que os “defensores” crearon, ao mesmo tempo que procede á súa depredación. É o caso do Iraque, a Siria ou a Libia.

Malí é un exemplo. Os grupos terroristas, instalados durante décadas en zonas cada vez máis amplas do territorio, contaron con armamento superior ao do exército. Unhas forzas armadas con graves problemas de corrupción que foron apoiadas polas potencias coloniais, neste caso Francia. Mali, como outras antigas colonias francesas, continúa en estado de postración social e económica que só se explica porque a antiga metrópole ainda parasita a riqueza desta nación.

O exército francés, que situara durante décadas uns 5500 efectivos, comezou a retirarse do país o 31 de xaneiro. Acababa para os franceses a operación Takuba Task Force, entre grandes mostras de alegría por parte da poboación. O seu lugar foi ocupado por uns 2500 soldados da compañía rusa Wagner que conxuntamente co exército maliano conseguiron moi bos resultados na loita contra os yihadistas. O enfado francés é maiúsculo. Emmanuel Macron e o presidente de Senegal, hai poucos días, pedían a retirada dos Wagners da zona. A marcha do exército francés provocará, por súa vez, o fin da operación europea EUTM-MALI, onde España. Alemaña e outros países mantiñan unha forte presenza militar (o noso país ten uns 600 militares na zona). Tamén o programa Minusma deseñado pola ONU para estabilizar politicamente o país e que contaba con 13289 militares e 1920 policías fenecerá a medio prazo.

A intervención da ONU, tal e como foi levada a cabo até o momento, supeditaba os intereses do país africano, como acontece noutros moitos, aos designios das antigas potencias coloniais. O noso goberno, por outra banda, implícanos en máis conflitos servindo os intereses de terceiros países. O noso papel nos novos escenarios é un triste papel. Así nos vai.

El Viejo Topo