“A criminalización da disidencia na arte e a cultura segue o seu curso no Estado español”, comeza o documento. A condena a prisión do rapeiro Valtònyc, o secuestro xudicial do libro sobre o narcotráfico Fariña -do xornalista galego Nacho Carretero- e a retirada da obra Presos Políticos da feira de arte contemporáneo Arco son os últimos síntomas da deriva que detectan “contra a liberdade de expresión e o dereito a pensar diferente”.

 

A City University de Nova York.

 

Mais non son os únicos. Os e as asinantes lembran outros sucedidos dos últimos meses, como a sentenza a un ano de prisión contra a estudante Cassandra Vera por facer piadas sobre Carrero Blanco, o ingreso en prisión de Alfredo Ramírez por chiar en twitter ou os xuízos a outros rapeiros –La Insurgencia ou Pablo Hásel.

O medio ambiente político e legal en que acontecen estes “atentados” aparece determinado pola denominada Lei Mordaza. “Impón fortes multas e perigo de encarceramento para quen queira exercer uns mínimos dereitos de reunión e manifestación públicas”, esténdese.

O texto indica que “este atropelo ás liberdades” non afecta unicamente á cultura, “senón que se estendeu á esfera política”. “Políticxs e membrxs de colectivos cataláns independentistas están sendo parte desta persecución xudicial que criminaliza a disidencia”: os líderes da Asemblea Nacional Catalá, Jordi Sànchez, e do Omnium Cultural, Jordi Cuixart, o líder de ERC Oriol Junqueras ou o ex conselleiro do PDeCAT Joaquim Forn atópanse en prisión preventiva.

“É responsabilidade do pobo velar polo respecto aos seus dereitos, para que non sexan vulnerados”, conclúe o manifesto, “é a nosa responsabilidade denunciar a criminalización das ideas e esixir a mobilización contra medidas inxustas que nos fan menos libres”.

A iniciativa partiu de investigadoras e investigadores que prestan servizos nalgunhas das universidades de maior prestixio dos Estados Unidos, mais axiña recibiu apoios doutros afincados en países como Reino Unido, Canadá, Bélxica, Brasil, Francia ou Portugal. Entra as galegas figuran Álex Alonso Nogueira ou Pablo García Martínez da City University de Nova York, Iria Ameixeiras da Universidade de Columbia, Cristina Martínez da Universidade de Lisboa, Javier Patiño Loira da Universidade de California, Noel Blanco Mourelle do College of William & Mary ou Olga Castro da Universidade de Aston.

Dani Salgado

Fonte: Sermos Galiza