VilaWeb     A  directora do CNI, Paz Esteban, onte no congreso español. (Fotografia: Juan Carlos Hidalgo)

 

A comparecencia, onte, da directora do CNI na comisión de Segredos Oficiais aprofundou ainda máis o foxo aberto entre o goberno español e Catalunya pola espionaxe co Pegasus.

Apesar do segredo oficial, uns e outros, españois e cataláns, acabaron explicando moitas cousas, algunhas delas ben suculentas, para termos unha idea do que aconteceu. E o principal en que todas as fontes, españolas e catalás, parecen coincidir é que o CNI recoñeceu ter utilizado o programa Pegasus para espiar. Entre outras, como mínimo, parte das persoas que Citizen Lab certificou foran atacadas e espiadas, e iso é moi importante, sob control xudicial. Quer dicir, que un xuiz autorizou unha operación de espionaxe.

O primeiro e principal é teren recoñecido de maneira oficial, despois de dar voltas tentando negalo, que o estado español comprou o Pegasus e o utilizou. Parece que nin iso entende esta xente: a alarme mundial e, nomeadamente, a alarme europea polo uso do Pegasus baséase nas capacidades deste programa, que van moito alén do que pode ser considerada unha espionaxe legal en calquera lexislación, e moi en particular na europea,

O segundo é unha proclamación coñecida, mais que neste contexto, a medio deste escándalo e no punto en que se encontran as relacións entre os gobernos catalán e español, é moi importante: o goberno español, o goberno socialista e de Podemos, considera inimigos perigosos seus todos os dirixentes independentistas. Non apenas o president Puigdemont, que iso xa o sabíamos, senón mesmo o president Aragonès, que como dixen na cuarta-feira, non podía ter feito máis esforzos para chegar a un entendemento con Pedro Sánchez que repoña novamente no bo camiño a vía negociadora que tanto defendeu o seu partido. Nin así.

Finalmente, hai unha terceria constatación que ten un valor político incalculábel para o proceso de independencia. Esta operación con Pegasus é a proba definitiva e irrefutábel de que o estado español é capaz de pasar por alto os seus límites legais e violar todas as súas propias leis para combater a disidencia política, neste caso o independentismo. Co cal se pode demostrar de maneira fidedigna que o famoso “imperio da lei”, aquel que tentaron contrapor ás leis de desconexión e á proclamación da independencia, non existe en España.

 

VilaWeb