Por se houber algunha dúbida sobre o verdadeiro obxectivo da visita do príncipe saudita ao Reino de España Mohamed Bin Salman. compre lembrar que foi recibido a pé de avión pola ministra de Defensa, María Dores de Cospedal, e que con ela se reuniu no Cuartel Xeral do Exército de Terra.

 

Comunicado del Centre Delàs - "España no debe continuar permitiendo la venta de armas a Arabia Saudí"

 

As cinco corvetas que fabricará Navantia, segundo o convenio asinado polo Reino de España e Arabia Saudita, pasarán a engrosar as cifras de exportacións realizadas de armamento español a Arabia Saudita, que entre 2015 e xuño de 2017 alcanzaron un valor de 728,5 millóns de euros, segundo datos da Secretaría de Estado de Comercio. A maior parte destas exportacións foron realizadas en 2015, ano en que Ryad iniciou a súa intervención militar en Iemen, como se recolle no relatorio do Centre Delàs d’Estudis per la Pau e a Escola de Cultura de Pau da UAB “Comercio de armas e conflitos. Análise das exportacións europeas a países en conflito armado”, publicado en novembro de 2017.

Arabia Saudita é un exemplo paradigmático de que armas europeas non só alimentan conflitos através da venda de armas a países directamente sumidos nunha guerra, tamén o fan através do aprovisionamento de Estados que participan activamente en ofensivas militares e cuxas armas terminan en mans dos contendentes dos conflitos. No caso da intervención no Iemen, obra da coalición liderada por Arabia Saudita, ambos os bandos en disputa foron acusados repetidamente de atacar obxectivos civís, incluíndo escolas, hospitais, mesquitas e portos, e da comisión de crimes de guerra. Todo iso é aínda máis grave se temos en conta que se detectaron -como se denuncia no relatorio- indicios do acceso, por parte de grupos armados hutís iemenís, a armas de orixe española vendidas no pasado a Arabia Saudita, incluíndo lanzagranadas e granadas de man fabricadas por Instalaza, e que a propia Arabia Saudita recoñeceu o uso de bombas de dispersión, un tipo de armamento que actualmente está prohibido, segundo o Tratado Internacional sobre Bombas de Acio do 2008, ao cal se sumaron 120 países, entre os cales non se conta ningún dos membros da coalición militar liderada por Ryad.

Este feito, que infrinxiría a Posición Común 2008/944/PESC sobre exportacións de armas, así como a lexislación española, xa motivou que o Parlamento Europeo expresase a principios do 2016 a súa preocupación polas accións que a coalición liderada por Arabia Saudita levaba e leva a cabo no Iemen.

No Centre Delàs, consideran moi preocupante que a venda de armas a Arabia Saudita non só non sexa vetada ou suspendida polo Reino de España, como xa fixeron outros estados europeos como Suecia ou, máis recentemente, Alemaña, senón que nin sequera sexa limitada, considerando o risco manifesto de que estas corvetas sexan utilizadas no bloqueo naval ao Iemen, e por tanto de que estes equipamentos militares sexan destinados a agravar as violacións do dereito humanitario neste país, no cadro dunha guerra que provocou xa máis de 10.000 mortos e o deslocamento de máis de 3 millóns de persoas, e onde máis de 20 millóns de persoas necesitan axuda humanitaria de emerxencia segundo a ONU.

Ver tamén: Arabia Saudita e os bombardeos no Iemen: A responsabilidade do Estado español, relatorio do  Centre Delàs d’Estudis per la Pau, 2016

Fonte: Centre Delàs