O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos só aceptou un do tres motivos dos recursos que interpuxeron Santiago Arrozpide, Alberto Plazaola e Francisco Mujika após negarse o Goberno español a descontarlles a condena cumprida no Estado francés. Ditaminou que non tiveron dereito a un proceso xusto, mais considera que non se vulnerou o seu dereito á liberdade e que tampouco se violou o artigo 7 (dereito a non ser condenados en base á lexislación vixente).

Tedh                           Os xuíces da Grande Sala do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

 

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) considera que o Goberno español non vulnerou os dereitos de Santiago Arrozpide, Alberto Plazaola e Francisco Mujika ao negarse a descontarlles as condenas que cumpriron no Estado francés, segundo se recolle na sentenza que fixo pública esta mañá.

Nunha resolución adoptada por unanimidade, o alto tribunal europeo só aceptou un do tres motivos da demanda que presentaron o tres cidadáns vascos ante os empecillos postos polo Estado español á aplicación da acumulación ou sumas de condenas cumpridas noutro estado da Unión Europea.

Desta feita, determinou que si se vulnerou o artigo 6, o relativo ao dereito a un proceso xusto, e especifica que o rexeitamento do Tribunal Constitucional aos seus recursos de amparo impediu o dereito de acceso a un tribunal. Por iso, condena o Estado español a indemnizar con 2.000 euros a Arrozpide e con 1.000 euros a Plazaola e Mujika.

Con todo, o TEDH considera que non foi violado o dereito á liberdade e seguranza destas persoas -artigo 5.1 da Convención Europea de Dereitos Humanos- nin o dereito a non seren condenadas en base á lexislación vixente (non hai pena sen lei), recollido no artigo 7 do citado convenio.

O fallo sinala que «o presente caso diferénciase claramente de [o caso] Do Río Prada» -que tombou a chamada ‘doutrina Parot’- e destaca que a demora na excarceración «non pode ser cualificada de imprevisíbel ou non autorizada pola lei» e que existe unha «relación de causalidade entre as condenas contra os demandantes e a súa permanencia en prisión».

«A Corte estima que no momento en que as condenas dos demandantes foron pronunciadas e despois, cando os demandantes pediron a acumulación das penas xa purgadas en Francia, o Dereito español non prevía a un grao razoábel que as penas xa cumpridas en Francia serían tomadas en conta para determinar a duración máxima de prisión de 30 anos», sostén o TEDH.

Os avogados de Santiago Arrozpide, Alberto Plazaola e Francisco Mujika comparecerán ás 11.30 para ofrecer pormenores da sentenza.

Naiz