O cárcere mata e produce doenzas, cunha relación directa entre o tempo de duración da condena e a probabilidade de adoecer e morrer unha vez cumprida esta

 

 

É posíbel ter saúde cando estás nun réxime privativo de liberdade, lonxe dos teus seres queridos e nun ambiente de supervivencia?

Desde o esquema dos determinantes sociais da saúde, o cárcere actuaría como un determinante estrutural máis relacionado cos diferentes eixos de desigualdade (clase social, xénero, raza…) e que dá lugar a recursos materiais particulares que, por súa vez, interaccionan coas persoas e os servizos de sanidade penitenciaria dando lugar ás denominadas desigualdades en saúde. O obxectivo deste artigo é entender desta perspectiva como opera o cárcere na saúde das persoas.

 

Marco conceptual de los determinantes de las desigualdades sociales en salud. Comisión para Reducir las Desigualdades en Salud en España 2010Cadro conceptual dos determinantes das desigualdades sociais en saúde. Comisión para Reducir as Desigualdades en Saúde en España 2010 – APDHA

A estrutura
Moito se leva escrito sobre o tránsito que estamos a realizar como sociedade cara a escenarios cada vez máis punitivos e securitarios: desde a reforma do Código Penal de 2015, pasando pola Lei Mordaza, a Prisión Permanente Revisábel ou a recente sentenza do procés. O resultado: España, apesar do diminución nos últimos anos da súa taxa de encarceramento, continúa a maner unha das máis altas de toda a Unión Europea (126 persoas presas/100.000 habitantes) ao mesmo tempo que ten a terceira taxa de criminalidade máis baixa de todos os Estados membros da Unión (45,6 delitos/1.000 habitantes). Contodo, o cárcere non afecta por igual toda a poboación; a cifra de mulleres ciganas presas é case vinte veces maior que a súa presenza na sociedade e algo similar acontece coa poboación migrante, cunha taxa de encarceramento de 395/100.000 en 2010. Alén diso, cabe destacar as novas formas de criminalización através de Centros de Internamento de Estranxeiros (CIE), Centros de Atención Temporal de Estranxeiros (CATE), centros de menores e deportacións en quente que, en moitas ocasións, non son concibidos como espazos prisionais embora cumpran unha función punitiva cada vez máis importante.

O intermedio
Sobre as condicións de vida dentro de prisión son numerosas as vulneracións de dereitos que foron denunciadas polas persoas presas e os seus familiares. Por pór só algúns exemplos, en plena vaga de frío de 2018 a APDHA denunciou a ausencia de aquecemento nas dependencias das persoas presas da prisión de Córdoba. Canto ao emprego, o traballo en prisión levado a cabo polo 40% da populación penal non chega en moitos casos a 50 céntimos/hora, con horas extra non reflectidas na nómina, ausencia de sindicatos que os defendan, ferias inexistentes e substitución do subsidio de excarceración pola prestación de desemprego cunha contía catro veces menor.

Aliás, o traballo doméstico levado a cabo dentro de prisión moitas veces é asignado ás mulleres como “parte do seu proceso de reinserción”; chegaron queixas denunciando a obrigación de limpar de forma gratuíta todos os departamentos (incluídos os masculinos) e o castigo de isolamento aplicado a algunhas mulleres ante a recusa a o faceren. Respecto da situación periférica e afastada dos núcleos urbanos que ocupan as prisións, cabe destacar o investimento de tempo e esforzo das familias para accederen a lugares mal comunicados en transporte público así como a facilidade de isolar os protestos e vulneracións de dereitos que ocorren entre os seus muros. Sobre a situación económica, a entrada en prisión leva unha diminución dos ingresos, alén de afectar a familia (incluída a descendencia que perde a figura dun pai/nai) e a comunidade que fica fóra, profundando nos círculos de exclusión, pobreza, consumo de drogas e maior encarceramento.

Sobre os factores que afectan a persoa, o cárcere non está adaptado á poboación prisional xorda e xordocega: reciben castigos por non comprender instrucións ou non acudir ao reconto, fican excluídas á hora de comunicar as súas necesidades, formular peticións, transmitir posibeis abusos… Tampouco o está para as persoas con diagnóstico de Trastorno Mental Grave, cuestión denunciada polo Comité para a Prevención da Tortura; estas deben ser aloxadas nun centro de atención sanitaria especializado adecuado ás súas necesidades.

Para terminar, sobre como o sistema sanitario se relaciona cos espazos privativos de liberdade, cabe facer unha mención especial á atención sanitaria na fronteira Sur, CIE e CATE, provista por ONG, persoal voluntario ou contratado directamente polo Ministerio de Interior, e non polos servizos públicos de saúde. Son numerosas as denuncias por vulneracións de dereitos, ausencia de tramitación de partes de lesións inflixidas polo persoal de seguranza e as defuncións (ou asasinatos, que canta Nacho Veigas) producidas no seu interior.

No cárcere, a situación da sanidade é crítica: lugares de Atención Primaria Prisional non cubertos, competencias en sanidade dependentes do Ministerio de Interior (non transferidas ás comunidades autónomas, tal e como se estipulou hai máis de 15 anos na Lei 16/2003), dificultades para acceder aos servizos médicos, rexistros de lesións incompletos, perda de citas no hospital, contencións mecánicas prolongadas e sen supervisión ou isolamentos prolongados autorizados polo persoal médico son só algúns dos problemas máis inmediatos.

As desigualdades
O resultado na saúde das persoas presas mostra unha clara desigualdade respecto da poboación xeral: maior prevalencia de doenzas infecciosas como o VIH, a hepatite C e a tuberculose, dificultades no acceso ao tratamento, peor control de doenzas crónicas, falta de atención apropiada aos problemas de saúde mental que o propio encerramento e as condicións de vida dentro de prisión facilitan, persoas presas con doenza terminais sen atención médica apropiada e privadas de liberdade, consumo de drogas e mortes por sobredoses, aumento dos suicidios…

Neste sentido podemos afirmar que o cárcere mata e provoca doenzas, cunha relación directa entre o tempo de duración da condena e a probabilidade de adoecer e morrer unha vez cumprida esta, ao punto de nos Estados Unidos ter sido declarado problema de Saúde Pública pola súa relación coas mortes por sobredoses e a diminución na esperanza de vida que leva: dous anos menos por cada ano pasado en prisión.

Trátase pois dunha dupla condena; tempo privado de liberdade e tempo restado de vida.

Maribel Valente

eldiario.es