Coa súa decisión no caso Dobbs contra Jackson Women’s Health Organization, a maioría de extrema dereita da Corte Suprema dos Estados Unidos eliminou o dereito constitucional ao aborto recoñecido no caso Roe contra Wade de 1973. O país está agora dividido aproximadamente pola metade entre estados a favor do dereito a elixir e estados en contra do aborto. O panorama xurídico muda case a diario, xa que as prohibicións estatais do aborto son impugnadas nos tribunais.

 

 

 

Charles Pierson

 

Trevor Noah, presentador do satírico Daily Show, resumiu a situación da seguinte maneira:

Desde que a Corte Suprema decidiu que ter un fillo é unha elección sacra entre unha muller e a lexislatura do seu estado, as leis sobre o aborto foron un caos. Porque, veredes, algúns estados prohibiron o aborto, outros o protexen, e outros estados prohibiron o aborto, mais despois os seus tribunais desfixeron esas prohibicións, así que o aborto volta a ser legal até voltar a ser prohibido.

O Grande Irmán vixía as mulleres

Como aplicarán os estados a prohibición do aborto? No seu artigo do 24 de xuño no New Yorker, “Non imos aos tempos anteriores a Roe. Imos a un lugar peor”, Jia Tolentino describe como será utilizada a tecnoloxía do século XXI para facer cumprir a moral do século XVIII. Tolentino escribe que

Os históricos de procura, os históricos de navegación, as mensaxes de texto, os datos de localización, os datos de pagamento… os procuradores poden examinar todo isto se cren que a interrupción da gravidez puido ser deliberada. Mesmo se os procuradores non conseguen demostrar que houbo aborto, as persoas investigadas serán castigadas polo proceso, responsabeis do que se achar.

Buscache no teu teléfono pílulas para abortar? Latice Fisher fíxoo e foi acusada de asasinato en segundo grao despois de que o seu fillo nacese morto. Fisher, que segundo nos informa Tolentino era “unha nai negra de tres fillos que gañaba once dólares por hora como operadora de radio da policía”, buscara no seu teléfono os medicamentos abortivos mifepristona e misoprostol. Non había probas de que Fisher tomase ningún dos dous fármacos. Tampouco había probas de que o seu mortinato non fose xenuíno. Estes feitos non a salvaron de pasar varias semanas no cárcere. Afortunadamente, o Mississippi Reproductive Freedom Fund e Cor of Change conseguiron que se retirasen os cargos contra ela. O calvario custou á Sra. Fisher tres anos de vida.

O teléfono dunha muller pode delatala doutras maneiras. Polo módico prezo de 160 dólares, unha empresa de rastrexo de datos proporcionará unha lista de persoas que visitaron clínicas abortistas fora do estado, obtida a partir dos rastreadores de localización dos teléfonos intelixentes Quen compra estas listas? Quen quixer e tiver 10.000 dólares. A lei SB 8 de Texas permite aos cidadáns demandaren os fornecedores de servizos de aborto ou calquera que “a propósito axude ou instigue”… a realización dun aborto. Iso podería incluír o condutor de Uber que leva unha muller a un centro planificación familiar. A lei HB 8 permite ao delator gañar 10.000 dólares, un auténtico pagamento de cazador de recompensas. Pagar 160 dólares e gañar 10.000 dólares é un retorno do investimento moi atractivo.[1]

Mesmo a tecnoloxía deseñada para axudar as mulleres pode traizoalas. As aplicacións de seguimento do período menstrual, como Clue ou Flo, poden revelar que unha gravidez foi interrompida. Iso pode alertar os procuradores de que se produciu un aborto. Eliminar as aplicacións non serve de nada. O teu teléfono ten outras formas de delatarte. Os procuradores examinan as procuras na web, os datos de localización do smartphone e as visitas a sitios web sobre o aborto. Tamén as mensaxes de texto. É posíbel que enviases unha mensaxe anunciando que estás grávida ou que tomache pílulas abortivas. Ningunha destas tecnoloxías intrusivas existía en 1973. Jia Tolentino ten razón ao predicir que os próximos anos serán peores para as mulleres que o período anterior a Roe.

The Guardian cita a Cooper Quintin da Electronic Frontier Foundation:

Hai un paralelismo total coa mudanza climática: encádrase moito como un problema dos consumidores individuais, cando en realidade son as empresas e as institucións as que están a causar o maior dano e as que teñen que traballar máis para resolvelo.

(…) As empresas teñen o maior poder para protexer aos usuarios… En primeiro lugar, encantaríame que as empresas deixasen de traballar con brókeres de datos, e que deixasen de venderlles datos de localización. [Mais o] máis importante que poden facer as empresas é reducir a cantidade de datos que almacenan sobre os seus usuarios, sobretodo porque poden non ter o poder ou a capacidade de rexeitar un pedido legal como unha citación xudicial.

A policía pode acceder aos teus datos con impunidade. As proteccións da Cuarta Emenda contra os “rexistros e confiscos irrazoabeis” só se aplican aos axentes estatais. As empresas de recollida de datos son actores privados. Non existe ningunha prohibición que lles impida vender as súas listas á policía. De feito, é probábel que xa deses o teu consentimento. O acordo de usuario do teu teléfono probabelmente conteña unha disposición que establece que a túa compañía non pode ceder os teus datos, excepto ás forzas da orde.

* * *

Dobbs obrigará moitas mulleres a cruzar fronteiras estatais para abortaren. Os inimigos do aborto están decididos a impedilo. Os grupos legais anti-abortistas traballan cos lexisladores republicanos en proxectos de lei inspirados na HB 8 de Texas. Jason Rapert, senador estatal republicano de Arkansas que dirixe a Asociación Nacional de Lexisladores Cristiáns, establece unha comparación coas leis contra o tráfico de persoas. (Ambas as categorías de leis castigan as persoas que cruzan as fronteiras estatais con fins inmorais, entendeche?)

Unha alternativa atractiva a viaxar, posibelmente centos de quilómetros, a clínicas de aborto fora do estado son as pílulas abortivas que poden ser entregadas através do correo. Os “abortos con medicamentos”, como son chamados, constitúen aproximadamente a metade de todos os abortos. O que se chama “pílula abortiva” son en realidade dúas pílulas -mifepristona e misoprostol- que se toman xuntas. As pílulas poden ser receitadas a distancia, por teléfono ou por video-chat. A Administración de Alimentos e Medicamentos (FDA) aprobou o uso de mifepristona e misoprostol até a décima semana da gravidez. Dado que estes fármacos están aprobados pola FDA, tanto o presidente Biden como o fiscal xeral Merrick Garland declararon inequivocamente que os estados non poden prohibilos. Os estados contrarios ao aborto non están de acordo e xa comezaron as demandas.

As constitucións estatais poden conferir dereitos máis amplos que a Constitución dos Estados Unidos. Os grupos pro-abortistas están a presentar demandas argumentando que o aborto está garantido polas súas constitucións estatais. Ningunha constitución estatal garante expresamente o dereito ao aborto. Contodo, algunhas cortes supremas estatais interpretaron que as súas constitucións estatais inclúen o dereito ao aborto. Mais, como ilustra Dobbs, os tribunais poden mudar de opinión; e Luisiana, Alabama e Virginia Occidental modificaron as súas constitucións para excluíren o dereito ao aborto. Os inimigos do aborto impulsan agora emendas constitucionais para prohibilo en Kansas, Kentucky e Missouri.

Un futuro atwoodiano?

Prohibir o aborto na metade dos estados non satisfará os conservadores. O 25 de xuño, o día despois da decisión de Dobbs, o ex vice-presidente Mike Pence dixo a Breitbart que “non debemos descansar e non debemos ceder até que a santidade da vida sexa restituída no núcleo do dereito estadunidense en cada estado do país” (énfase engadida). Os principais republicanos están a discutir unha prohibición nacional do aborto: unha viraxe estraña vindo dun partido que non pode calar a súa devoción polos dereitos dos estados contra o goberno federal.

Os Estados Unidos poden estar á beira do futuro distópico que imaxinou Margaret Atwood na súa novela de 1985 O conto da criada. Na novela de Atwood, os antigos Estados Unidos convertéronse nunha ditadura teocrática dominada por homes -a República de Gilead- en que as mulleres teñen poucos dereitos e están relegadas á condición de máquinas reprodutoras. Parece familiar? Dobbs é un paso xigante que leva os Estados Unidos cara ao futuro de Atwood.

Predicir un futuro atwoodiano para as mulleres estadunidenses pode ser unha hipérbole. Atwood escribe no Atlantic que cando estaba a escribir “O conto da criada”, “deixou de escribilo varias veces, porque o consideraba demasiado inverosímil. Que parva son. As ditaduras teocráticas non están só no pasado afastado: Hoxe en día hai varias no planeta. Que pode impedir que os Estados Unidos se convertan nunha delas?”.

Que, en efecto.

[1] A H.B. 8 é idea dun senador do estado de Texas, Bryan Hughes, e dun antigo procurador xeral de Texas, Jonathan Mitchell. Chegaron á conclusión de que as recompensas motivarían os cidadáns privados a faceren cumprir as prohibicións do aborto cando os funcionarios progresistas do goberno se negan a facelo. “Ducias” de procuradores de distrito, segundo NBC News, declararon que non perseguirán os individuos que violen as prohibicións estatais do aborto.

Sin Permiso