Foi o 13 de novembro de 1966 que os distinguidos escritores e filósofos Bertrand Russell e Jean-Paul Sartre estabeleceron o Tribunal Internacional de Crimes de Guerra en Estocolmo. Tamén coñecido como Tribunal Russell, ou Tribunal Russell-Sartre polos dous intelectuais inglés e francés, o obxectivo era investigar e xulgar a política internacional dos Estados Unidos e a súa intervención militar no Vietnam. Un tribunal sen “precedentes históricos”, presentouno Russell. Un tribunal en representación de ningún Estado e sen capacidade para sentenciar o acusado.

 

Mohamedou Slahi & Nancy Hollander: THE MAURITANIAN - YouTube             No ‘xulgamento’ dará testemuño Nancy Hollander, avogada de Mohamedou Ould Slahi, encarcerado 14 anos en Guantánamo sen cargos.

 

 

“Coido que estas aparentes limitacións son, de feito, virtudes. Somos libres para levar a cabo unha investigación solemne e histórica para ser entregada á conciencia da humanidade”, argumentaba. O veredicto foi de culpabilidade. Esta semana, inspirado por aquel ‘proceso’, desenvolverase en Nova York o Tribunal Belmarsh para xulgar os supostos crimes cometidos polo Goberno estadounidense nas máis de dúas décadas da súa “Guerra contra o Terror”.

Foi hai 20 anos tamén que chegaron ao cárcere militar de Guantánamo os seus primeiros 20 prisioneiros. O 11 de xaneiro de 2002, xusto catro meses despois dos ataques con avións comerciais contra obxectivos militares e civís dos EUA, o Goberno do entón presidente, George W. Bush, decretou o seu estabelecemento. Desde entón, 779 homes e mozos de 49 países pasaron por esta prisión. Na actualidade, 39 persoas permanecen en Guantánamo, das que 27 non foron acusadas de ningún delito nin foron levadas diante dun xuíz, algo que especialistas en dereitos humanos da ONU e de organizacións humanitarias consideran que constitúe unha flagrante violación do dereito internacional.

Os detidos tamén denunciaron torturas e humillacións; moitos dos que por alí pasaron padecen graves problemas mentais; algúns suicidáronse.

Assange

Non son as autoridades estadounidenses, porén, as que enfrentan o peso da lei. Éo quen denunciou eses abusos, como o xornalista encarcerado Julian Assange, que o vindeiro mes de abril completará tres anos de encerramento no coñecido como o “Guantánamo do Reino Unido”: a prisión londinense de máxima seguranza HMP Belmarsh, que dá nome ao novo Tribunal Russell.

Os documentos publicados por Wikileaks en 2011, filtrados pola ex militar Chelsea Manning, foron os que revelaron as torturas en Guantánamo; os que revelaron que entre os detidos había moitas persoas que, oficialmente, non supuñan un risco para a seguranza dos Es-tados Unidos. Por iso, no xulgamento que se desenvolverá na quinta feira en Nova York, exixirase a clausura de Guantánamo, mais tamén a liberación inmediata de Julian Assange.

Dupla moral

Trátase da segunda sesión do Tribunal Belmarsh ─a primeira foi o 2 de outubro de 2020─ e realízase a iniciativa da Internacional Progresista, en colaboración co Movemento Democracia en Europa (DiEM25), a Courage Founda-tion, The People’s Forum, Socialistas Democráticos de EUA (DSA), as publicacións The Intercept e People’s Dispatch, e a Asemblea Internacional dos Pobos (IPA-AIP). Ao igual que en 1966, contará co testemuño de intelectuais, especialistas en dereitos humanos ou xornalistas. Algúns repiten, como a activista e escritora estadounidense Alice Walker, autora de A Cor Púrpura (1982).

Entre outros, contará coa presenza do correspondente de guerra Chris Hedges; do músico Roger Waters; do ex ministro ecuatoriano Guillaume Long; ou da avogada Nancy Hollander (interpretada pola actriz Jodie Foster no filme The Mauritanian). Tamén do intelectual Noam Chomsky, que cualificou Guantánamo como “unha das máis horríbeis cámaras de tortura”.

En 1966, Bertrand Russell xustificou o estabelecemento do tribunal sobre o papel dos EUA na Guerra do Vietnam citando as palabras de Robert H. Jackson, o fiscal xefe nos xultamentos de Nuremberg aos crimes nazis: “Se certos actos e violacións de tratados son crimes, son crimes, sexan cometidos polos Estados Unidos ou por Alemaña. Non estamos dispostos a impor a outros unha norma de conduta criminal que non queremos que sexa invocada contra nós”