Europa traballa nun monumental proxecto que pretende modernizar os corpos de policía e mellorar a cooperación internacional entre axencias de seguranza. Un dos puntos deste Código de Cooperación Policial, que se encadra dentro Prüm II, que está a causar maior polémica, é o relativo ao sistema de recoñecemento facial a grande escala que se pretende implementar. Prüm II é por súa vez unha ampliación do Tratado de Prüm asinado inicialmente por 7 países en 2005 para a automatización da troca de datos de identidade e a loita contra o terrorismo e a delincuencia transfronteiriza.
Saioa Echebarria & Alberto Urrea
Até agora, a policía dos diversos estados europeos tiña ao seu alcance un enorme arquivo de impresións dixitais, información xenética ou matrículas de vehículos que podía cruzar cos doutros corpos para localizar un posíbel delincuente. Agora a intención é engadir millóns de fotos da cara de persoas ‘sospeitosas e criminosas convictas’ nestes sistemas. Segundo a Comisión Europea, as medidas buscan crear un marco de traballo en que os oficiais teñan moito máis fácil a troca de información con homólogos noutros países. A proposta permite a unha nación comparar unha foto cos arquivos doutra e ver se hai coincidencias, creando así un dos sistemas de recoñecemento facial máis grandes. Os documentos que serviron de base para comezar a discutir Prüm II revelaban que xa existían cantidades inxentes de fotografías de caras nos almacéns dixitais dos diferentes países: 30 millóns no caso da Hungría, 17 millóns no da Italia ou Francia con 6 millóns, o que fai pensar na envergadura do proxecto. Estas imaxes procedían de criminosos, encarcerados e mesmo cadáveres non identificados.
A avogada e escritora Ela Jakubowska, responsábel de políticas e campañas na European Dixital Rights, asociación internacional sen ánimo de lucro que loita polos dereitos civís, avoga pola limitación en materia de vixilancia biométrica e denuncia que as autoridades europeas optan por duplicar o número de bases de datos de recoñecemento facial. Jakubovska está na frente da iniciativa Reclaim Your Face, que esixe unha estrita regulación das tecnoloxías biométricas para impedir interferencias con dereitos fundamentais. Como reza o enunciado da campaña, gobernos e corporacións non dubidarán en utilizar o recoñecemento facial contra nós, invadindo o noso espazo público baseándose en quen somos ou que aspecto temos, con todas as implicacións racistas, clasistas e sexistas que este control poida supor. Varios estudos demostran que o recoñecemento facial ten moitas máis posibilidades de cometer erros cando se trata de xente nova, mulleres e peles escuras, o que deriva en traumáticas consecuencias.
Ella Jakubowska Copyright Twitter @ellajakubowska1
Na Inglaterra o rumo racista foi determinante na creación, por causa das revoltas de Tottenham de 2011, dunha base de datos que contiña millares de imaxes de mozos negros que supostamente formaban parte de bandas organizadas. A necesidade das autoridades de analisar unha hipotética ameaza, instigada polos argumentos fóbicos que culpaban as bandas de iniciarem as manifestacións, levou a policía a almacenar fotografías de persoas que non tiñan nada a ver con aqueles protestos. Co tempo foi demostrado que só unha pequena parte destas persoas tiña relación coas revoltas e a policía viuse obrigada a eliminar unha importante parte dos arquivos, coñecidos como GVM (Gang Violence Matrix).
Yoav Schlesinger, director da división de Intelixencia Artificial Ética de Salesforce, di que “a realidade é que se un goberno quer utilizar estes sistemas para vixiarnos , agora pode facelo dunha forma automatizada e a unha escala maior da que nunca antes fora posíbel. Se es home branco é máis fácil pensar que este tipo de tecnoloxías contribúen á túa seguranza, mais se non estás dentro deste grupo, as cousas poden ser diferentes”.
Yoav Schlesinger Copyright LinkedIn @yschlesinger
Un caso similar ocorreu nos Países Baixos, coa exclusión de máis de 200000 imaxes de persoas que un día foron sospeitosas ou culpabeis de teren cometido algún acto delituoso. Estas accións fan con que nos demos conta das importantes cantidades de imaxes que teñen nas mans as autoridades e de como se multiplica o perigo de incorreren en identificacións erróneas. E é que os sistemas de vixilancia através de cámaras de circuíto fechado foron un medio de control habitual para os corpos de seguranza e a súa posta en funcionamento estivo no centro do debate desde hai anos. O recoñecemento facial, tal como está previsto nos novos planos, combina rastreo de fotos en redes sociais ou dispositivos do sospeitoso con arquivos da policía procedentes destas cámaras, móbeis ou fixas, e ten carácter retrospectivo. Jakubovska critica este factor retrospectivo pois o dano que se faría analisando imaxes de hai 3 ou 5 anos podería ser aínda maior, xa que potencialmente se admitiría o rastreo dos contactos pasados dunha persoa que na actualidade se mostra contraria ao goberno ou podería facer sair á tona a participación desa persoa nun protesto. A Comisión Europea subliña que o cruzamento de imaxes non se estenderá á poboación xeral e se limitará a convictos ou sospeitosos. Insiste tamén, referíndose ao guía que define o funcionamento do sistema, que os datos non serán almacenados nunha base central permanente, aínda que se existirá un ‘router central’ que actuará como bróker de mensaxería e evitará que a policía de cada país teña que solicitar as imaxes aos corpos individualmente. A activista, no entanto, móstrase preocupada ante a posibilidade que abre esta proposición de que se xeneralice a creación de grandes arquivos de imaxes e a maneira en que van ser aplicados os algoritmos para identificar suxeitos.
Cal é o límite entre protexer a cidadanía de certas ameazas e o respecto á privacidade? A vella discusión seguranza versus liberdade vive unha nova encarnación co desenvolvemento destes sistemas de recoñecemento facial a grande escala, cuxo alcance é difícil de calcular aínda.