Xornalistas e activistas son as principais vítimas dunha estratexia xudicial exercida por poderes políticos e empresariais para os amedrontaren e acabaren coas súas denuncias públicas A UE está en proceso de elaborar unha nova directiva que inclúa indicacións aos xuíces para que traten de identificar as demandas que só buscan a intimidación así como un fondo para axudar na asistencia legal das persoas demandadas.
.
.
Concentración de periodistas frente al Tribunal Supremo en 2018 en defensa de la libertad de prensaConcentración de xornalistas frente al Tribunal Supremo en 2018 en defensa de la libertad de prensa EP

.

Xornalistas que investigan. Accións de activistas que cuestionan políticos ou grandes empresas. Historiadores que ultrapasan o relato oficial. Estes son algúns exemplos dos obxectivos que buscan as coñecidas como demandas SLAPP (Strategic Lawsuit Against Public Participation, pola súa sigla en inglés, e Demanda Estratéxica contra a Participación Pública, en galego), un asedio en forma de abuso do Dereito dirixido a intimidar e, como fin último, a silenciar as voces críticas co poder. Unha estratexia a que a Unión Europea quer pór freo ou, polo menos, tentalo mediante unha directiva para os xuíces poderen identificar estas manobras e levaren a cabo unha análise previa para as obstaculizar.

A xornalista maltesa Daphne Caruana Galizia sufriuno en primeira persoa. Recibiu á vez unhas vinte demandas por difamación presentadas en contra dela por un empresario a quen sinalara por corrupción. A xornalista acabou asasinada en 2017 por un coche bomba e no momento da súa morte estaban activas máis de corenta demandas. Este é talvez o caso máis extremo dos últimos tempos, mais a estratexia xudicial iniciada contra ela pode servir de claro exemplo das manobras que persoas poderosas poñen en andamento contra voces críticas, utilizando para iso todos os medios ao seu alcance nos tribunais para desgastar todo o que cuestiona os seus métodos.

Esta estratexia maliciosa atinxe xornalistas, por suposto, mais non son as únicas vítimas. Tal e como lembra Greenpeace neste artigo, en Europa houbo outros casos famosos: en Portugal, Celtejo, unha empresa explotadora de eucalipto, demandou o activista ambiental Arlindo Marquês por publicar vídeos en redes sociais evidenciando a súa relación coa contaminación do río Tejo; na Polonia, o profesor de Dereito Wojciech Sadurski enfrentou tres demandas civís e penais por difamación, por causa das súas críticas no Twitter ao partido no Goberno; na Francia, as compañías de aceite de palma asociadas ao Grupo Bolloré presentaron máis de vinte demandas contra xornalistas e varias ONG en resposta aos artigos, relatorios ou programas que denunciaron a vulneración de Dereitos Humanos relacionadas coas súas actividades no continente africano; no Reino Unido, o empresario pro Brexit Arron Banks demandou Carole Cadwalladr, unha xornalista investigativa, por dúas palestras e dous chíos sobre os papeis do paraíso polos que chegou a pedir un millón de libras; na Alemaña, o xigante do carbón RWE demandou un activista climático que chamara á desobediencia civil contra a crise climática.

No Estado español, a ONG destaca o caso de Manuel García, un agricultor da comarca da Limia, en Ourense, que denunciou en televisión e despois nos xulgados supostas prácticas contaminantes do Grupo Coren. A resposta da compañía foi reclamarlle un millón de euros en danos e prexuízos polas súas declaracións.

Obxectivo: a extenuación económica para silenciar

As institucións europeas xa mostraron a súa preocupación por estas estratexias de desgaste e intimidación, cuxo obxectivo non é tanto vencer nos tribunais, senón infundir temor nas súas vítimas para tentar que no futuro o pensen dúas veces antes de denunciaren as prácticas sospeitosas de políticos ou grandes empresas. Os que inician as accións xudiciais, que poden ser tanto civís como penais, teñen medios case ilimitados, en forma de despachos de avogados caros e moi prestixiosos, para iniciaren unha batalla nos tribunais contra persoas de ingresos moito máis modestos que dificilmente poden pagar anos de litixios.

Jacobo Dopico, catedrático de Dereito Penal da Universidade Carlos III e director do Grupo de Traballo sobre Liberdade de Expresión Libex, utiliza unha palabra que resulta moi elocuente para describir este tipo de prácticas: o fin último é a “extenuación económica” do xornalista, activista, escritor, etc., “esgotalos” en procesos que se eternizan. Segundo explica a infoLibre, o medo que se trata de impinxir non vén tanto de expor os críticos a unha derrota xudicial, senón a ter que enfrentar os altos custos procesuais que toda causa xudicial leva.

Trátase, portanto, de “unha ameaza para o debate público pluralista, xa que poden conducir a que as súas vítimas se autocensuren”, en palabras da Comisión Europea, que advirte así mesmo de as SLAPP “poderen ter un efecto disuasorio sobre outras posibeis vítimas, que poden decidir non facer valer o seu dereito a investigar e informar sobre cuestións de interese público”. Os xornalistas e os defensores de Dereitos Humanos están “especialmente expostos ás demandas estratéxicas contra a participación pública”.

Así o destacan tamén desde EUSurvey, o programa de consultas da Comisión: as demandas SLAPP son “unha forma de asedio relativamente recente” e o seu principal obxectivo é “intimidar e, en última instancia, silenciar o acusado esgotando os seus recursos, por exemplo, presentando elevadas reclamacións por danos ou prolongando os procedementos”. O relatorio da Comisión Europea sobre o Estado de Dereito de 2021 mostra que as SLAPP son motivo de preocupación en varios Estados membros. O Consello de Europa, por súavez, tamén puxo de relevo a crecente presión sobre os xornalistas en Europa.

En conversa con infoLibre, Maite Pagazaurtundua, eurodeputada de Cidadáns, explica que Daphne Caruana denunciara antes da súa morte ante os grupos parlamentares a situación insustentábel en que estaba, en forma de contas embargadas, numerosas demandas e ataques á súa reputación. O impacto que xerou o seu asasinato foi o que deu lugar a que se expuxesen numerosas iniciativas no Parlamento dirixidas a pedir á Comisión Europea unha resposta en forma de directiva contra as SLAPP.

A última, do pasado 11 de novembro, segundo resalta o eurodeputado do PSOE Ibán García del Blanco. Nese día o Parlamento aprobou por ampla maioría (444 votos a favor, 48 en contra e 75 abstencións) un informe intitulado Protección para xornalistas, ONGs e a sociedade civil frente a preitos abusivos , en que se subliñaba a necesidade de a UE contar con “novas normas para frear accións legais maliciosas cuxo obxectivo é silenciar e intimidar voces críticas”. É unha cuestión que “preocupa moito” e éentendida como “urxente” na Eurocámara ante o “aumento de denuncias contra xornalistas, ONGs e outros actores da sociedade civil”, apunta o socialista, porque se trata dun asunto que dá mostra do “estado de saúde dunha democracia”.

Por iso, actualmente a Comisión Europea ten aberta unha consulta pública -até xaneiro de 2022- para recompilar opinións de cidadáns, xornalistas, Estados membros, ONG, sociedade civil, xuíces, profesionais do Dereito e outras partes interesadas en relación coas demandas SLAPP e que medidas deben tomarse para abordala no marco da UE.

Tamén elaborou un cuestionario específico para solicitar a visión dos xuíces dos Estados membros, con cuestións específicas sobre procedementos que poden ter relación con demandas SLAPP. Así, por exemplo, pregúntaselles se “algunha vez enfrentaron un caso nacional ou transfronteirizo que tentaba interferir abusivamente coa liberdade de expresión en relación con asuntos de interese público que serían considerados SLAPP”; se as leis do seu país “proporcionan unha definición legal e/ou recursos procesuais civís específicos contra a SLAPP” e se habería que facer modificacións lexislativas; que elementos específicos lle permitiron identificar un caso de SLAPP; que máis elementos poden ser introducidos para identificar este tipo de demandas -desequilibrio entre as partes, natureza abusiva da demanda, etc.-; ou que habería que mudar para mellorar a formación xudicial en relación con este tipo de casos.

Desde a Comisión Europea, o compromiso xa é firme. Agora só falta levar adiante unha directiva que free os casos de SLAPP. Para iso, foi nomeado un comité de especialistas (os seus nomes non foron comunicados) que está a estudar as propostas que elaboraron organizacións da sociedade civil, sobretodo relacionadas coa defensa da liberdade de expresión como Artigo 19. Espérase que o futuro rascuño sexa envaido ao Parlamento Europeo para a súa tramitación.

Despenalizar certos delitos e reforzar o trámite de admisión dunha demanda

Este tipo de demandas non son novas en absoluto. Os primeiros estudos sobre esta estratexia xudicial datan dos anos noventa nos Estados Unidos, segundo lembra o profesor de Dereito Penal na Universidade de Valladolid Alejandro de Pablo, quen explica que “abusar do Dereito para utilizalo contra o débil” para intimidalo, fíxose “desde sempre”, mais é certo que a aparición das redes sociais favoreceu que xornalistas e activistas teñan máis medios para denunciar, o que derivou en máis demandas. O que é relativamente recente é o termo acuñado, SLAPP, así como a preocupación de altas institucións como as europeas.

En moitos países, as demandas fican na xurisdición civil, pois adoitan ser reclamacións por cuestións de honra ou de imaxe. Contodo, en España o Código Penal tamén establece un delito por inxurias e calumnias, o que pode ampliar a marxe de actuación contra os denunciantes. Por iso, sinala De Pablo, as propostas que recibiu a Comisión Europea para elaborar o rascuño da directiva anti SLAPP inclúen expor que aqueles Estados membros que aínda manteñen delitos contra a honra rebaixen as penas previstas, que non contemplen prisión e fiquen en multas, ou despenalizalos directamente.

Outro problema, subliñan tanto Dopico como De Pablo, é que, polo menos en España, as admisións a trámite de demandas civís son, en ocasións, “case automáticas”. Isto permite que os demandantes xeren un efecto intimidatorio reclamando cantidades moi elevadas e obrigan a que o xornalista ou activista deba realizar un grande esforzo económico para pagar os custos procesuais (avogado, procurador, etc.). Certamente, se a demanda é plenamente desestimada, pode anos despois recuperar todo ou parte dese esforzo financeiro; mais ese tempo pode desgastalo, esgotando os seus esforzos económicos e profesionais. E a estratexia SLAPP pode prolongarse, recorrendo a desestimación da demanda até a última instancia xurisdiccional. Isto xera unha tensión dificilmente soportábel, pois quen pode asegurar ao xornalista ou activista que a demanda será desestimada? Terá recursos para pagar custos procesuais durante anos até a última instancia?

Deste xeito, o que expoñen as propostas enviadas á Comisión Europea, tamén desde a Eurocámara, céntranse, segundo explican De Pablo e Pagazaurtundua, en que os xuíces teñan que facer un exame preliminar, antes de entrar a investigar o fondo da cuestión, para valoraren se a demanda debe prosperar ou se, pola contra, ten ánimo intimidatorio e portanto pode contemplarse a desestimación.

Para iso, é posíbel definir uns parámetros indicativos á hora de estudar cada demanda, segundo resume o profesor de Dereito Penal: expectativa razoábel de que a acusación prospere, esixencia de danos desproporcionados, balanzo de posición entre o demandante e o demandado; previas relacións entre as partes (incluídas máis demandas), as tácticas que utiliza o demandante, os custos estimados do proceso e os potenciais efectos disuasorios sobre o debate público. No caso de que a demanda for recusada, a proposta de directiva anti SLAPP que expoñen os actores implicados apostan por establecer sancións para o demandante co obxectivo de disuadir ante outras futuras accións.

Fondo para axudar a pagar a defensa de xornalistas e activistas

Segundo Pagazaurtundua, a futura directiva debería incluír unha parte puramente lexislativa, mais tamén unha non lexislativa en que se concrete un catálogo de boas prácticas mais tamén se contemple a creación dun fondo europeo para axudar á asistencia letrada dos afectados polas SLAPP así como formación para os operadores xurídicos dos Estados.

Nun principio, a Comisión Europea ía facer a súa proposta de directiva nos últimos meses deste ano, mais xa comunicou ao Parlamento Europeo que demora a súa entrega ao segundo trimestre de 2022. Para a eurodeputada, é preferíbel unha pequena demora se iso implica unha directiva mellor armada, con “bases sólidas” para defender a liberdade de información e de protección de todos aqueles que denuncian prácticas corruptas ou contra o medio ambiente, as liberdades públicas e os Dereitos Humanos.

Un texto ben consolidado tamén axudará, din Pagazaurtundua e García do Branco, a que países cuxos poderes públicos participan dese uso das SLAPP, como poden ser a Hungría ou a Polonia, non teñan marxe de manobra para saltalo. Iso si, ambos auguran unha oposición destes países, tanto no Parlamento como no Consello e a Comisión, a que se aprobe un texto contundente de tolerancia cero contra estas prácticas xudiciais maliciosas.

Unha vez que a Comisión Europea faga a súa proposta, o rascuño será enviado á Eurocámara para a súa tramitación, primeiro en comisión e despois en Pleno. Co texto definitivo aprobado, chegará o momento de negocialo co Consello Europeo, o órgao que integran os xefes de Estado e de Goberno dos 27, e que se fará através do país que nese momento ostente a Presidencia da Unión.

InfoLibre