Nova censura da xustiza española. A Audiencia Nacional decretou o encerramento “inmediato” da revista independentista vasca Kalera Info e da web Kalera Kalera por un suposto delito “de enaltecemento do terrorismo”.

 

Audiencia Nacional Cierre Revista Vasca Kalera Sortu   Captura Youtube Sortu

 

Berto Sagrera

 

Así o denunciou a formación abertzale Sortu, vinculada ao medio, que en conferencia de prensa adiantou que os seus avogados xa presentaron un recurso contra unha decisión xudicial que supón “un feito moi grave”. “O estado profundo arremete contra a actividade comunicativa dun partido político. Atenta contra dereitos fundamentais e actuacións lícitas, como é o dereito a informar”, destacaron a Haimar Altuna e Oihana Garmendia, integrantes da formación.

Unha revista para informar os presos
Kalera Info é unha ferramenta para informar os presos e as presas vascas sobre as cuestións xudiciais que lles afectan, así como para ofrecer información de interese que lles sirva para o seu percorrido dentro da prisión e comunicar as mobilizacións que se levan a cabo para defender os seus dereitos. “Nada máis, mais tamén nada menos”, dixeron Altuna e Garmendia para referirse ao feito de a cabeceira non enaltecer ningún tipo de terrorismo.

É unha revista informativa que publicou dezaseis números nestes últimos anos. Inclúe información sobre a situación das persoas presas ou a evolución da política carceraria, pondo o foco sobretodo na batalla legal. Na web hai tamén colectáneas das resolucións xudiciais e unha listaxe dos presos e as presas, onde se indica o tempo que levan dentro da cadea, o grao que lles é aplicado, se terían de estar en liberdade condicional, se sofren algunha doenza…

Romper o consenso
Que a xustiza española feche esta revista “supón unha agresión contra un movemento político, mais vai alén diso”. “Atenta contra a convivencia que queremos e que temos que construír neste país”, sinalaron os membros de Sortu. Ao mesmo tempo, critican que a Audiencia Nacional quere “fechar a todo custo a xanela de oportunidade aberta para a solución, en contra da vontade da maioría deste país, tratando de impedir a convivencia democrática”.

Altuna e Garmendia manifestaron que o pobo vasco “non pode tolerar este novo ataque dos sectores máis reaccionarios do estado español, e menos agora, que se teceron enormes consensos para resolver a cuestión das presas e presos políticos, grazas á vontade e o esforzo de moitos axentes.” Por iso lembraron que xa hai dez anos da Conferencia Internacional de Paz de Aiete: “Non podemos deixar que estes consensos sexan destruídos polas axendas dos sabotadores ao servizo do estado profundo”. “O estado español ten que renunciar ao uso da violencia para ofrecer unha solución democrática ao conflito”, esixiron.

 

 

Portada Kalera Info Cierre Revista Vasca Audiencia Nacional Captura Kalera                            Unha capa da revista Kalera Info / Kalera Kalera

 

Esta non é a primeira decisión xudicial que adoptou a xustiza española contra o independentismo vasco en xeral e Sortu en particular polo traballo realizado en defensa dos dereitos de persoas represaliadas do País Vasco. De feito, a Audiencia Nacional ten aberto un sumario contra seis integrantes da formación abertzale, entre os que están a Altuna e Garmendia.

Este sumario, en concreto, “criminaliza o traballo a favor dos dereitos dos presos e presos políticos vascos, así como a asistencia aos mesmos”, concluíron as integrantes de Sortu.

El Nacional