A avogada, ex-maxistrada e eurodeputada até o 2019, Eva Joly, fala da situación de Assange e denuncia torturas e violacións de dereitos humanos por parte dos Estados Unidos.

Assange ficou coñecido por divulgar abusos irrefutabeis cometidos durante a invasión e a guerra dos EUA no Iraque e no Afganistán – dúas guerras travadas por mentiras – incluíndo a publicación en abril de 2010 do vídeo Collateral murder en que aparecen dous reporteiros da Reuters e varios civís vítimas de disparos realizados desde un helicóptero estadunidense Apache. No mesmo ano, WikiLeaks, organización de que Assange é fundador e porta-voz, publicou centenares de millares de documentos militares e diplomáticos que documentaban crimes de guerra e torturas cometidos polo exército estadunidense.

Para protexerse da acción xudicial dos EUA que se ocultaba por trás da orde de arresto sueca por cargos de violación que Assange sempre negou, o fundador da WikiLeaks pasou sete anos recluído na embaixada ecuatoriana en Londres, onde se refuxiou en xuño de 2012. A CIA espiaba todos os seus movementos, os dos seus familiares e os dos defensores dentro da embaixada através da empresa de seguranza española UC Global. O 11 de abril de 2019, o presidente ecuatoriano, Lenín Moreno, puxo fin ao dereito de asilo de Assange e este foi inmediatamente arrestado pola policía británica. Desde ese momento está detido na prisión de alta seguranza de Belmarsh. Acusado de espionaxe e outros 17 cargos, se a xustiza británica acepta a solicitude de extradición aos Estados Unidos, Julian Assange corre o risco de ser condenado a 175 anos de prisión despois dun xulgamento invulgar que comezou o 24 de febreiro.

Ex-maxistrada, Eva Joly deuse a coñecer durante a súa carreira por investigar casos político-financeiros como o da Elf (empresa petroleira francesa acusada de corrupción), que levou a unhas trinta condenas, incluíndo a do CEO Loïk Lle Floch-Prigent. Membro do Parlamento Europeo polo partido francés Europe Ecologie-Les Verts entre 2009 e 2019, é avogada membro do Colexio de Avogados de París.

 

 

Vostede coñece Julian Assange desde hai tempo, desde que traballaba en Islandia con aquel na altura xoven informático no proxecto de converter Islandia nun paraíso para o xornalismo e a protección da información. Durante a velada de solidariedade para apoiar Julian Assange que tivo lugar en París no pasado 21 de febreiro, vostede fixo referencia a un avión con axentes da FBI que aterrou na Islandia en 2011 sob o pretexto dun inminente ataque informático contra o goberno. Pode contarnos máis?

O FBI perseguia Julian Assange, os seus axentes sabían que estaba en Islandia e desembarcaron alí. Puxéronse en contacto co Ministro do Interior Ögmundur Jónasson, e dixéronlle que o sistema informático do goberno islandés estaba en perigo e que o FBI ofrecía a súa axuda. Mais Ögmundur Jónasson comprendeu a manobra e negouse. Isto pasou desapercibido, mais o seu testemuño aínda está disponíbel en Internet. O feito de que Julian Assange estaba sob vixilancia e que os Estados Unidos querían apañalo é un feito comprobado.

Cal é a situación de Chelsea Manning, condenada pola divulgación do vídeo Collateral Murder publicado por WikiLeaks?

Podemos ver que os autores do crime de guerra que aparecen neste vídeo non foron procesados apesar de seren facilmente identificabeis. Ao contrario, a denunciante que revelou este crime de guerra si o foi. Chelsea Manning foi arrestada e procesada. Foi condenada a 35 anos de cárcere por irromper nun sistema informático e divulgar información confidencial. Despois foi liberada polo perdón presidencial de Barack Obama no último día da súa presidencia, cando xa cumprira sete anos da pena. Paradoxalmente, continúa en prisión, despois de ser condenada en repetidas ocasións por ofensa ao tribunal (‘attempt of Court’) por se ter negado a testemuñar ante o grande xurado contra Assange. Isto demostra que Julian Assange non tería un xuízo xusto nos Estados Unidos, que é unha das condicións para recusar a extradición. O país a que é solicitada a extradición, neste caso o Reino Unido, debe ter a certeza de que o xuízo será xusto.

Edward Fitzgerald, avogado de Julian Assange, dixo que o primeiro día do xulgamento, iniciado en Londres o 24 de febreiro, o seu cliente foi espido e revistado dúas veces, alxemado 11 veces e encerrado cinco veces en diferentes celas de detención. Durante o xulgamento, Julian Assange non se sentaba cos seus avogados como é costume, senón que foi confinado no fondo da sala do tribunal, encerrado nunha gaiola de vidro a proba de balas. Estas condicións penalizan o acusado e parecen inxustas xa que lle impiden acompañar os debates, mais non parecen incomodar a maxistrada, Vanessa Baraitser. Este dispositivo sen precedentes cumpre coa lei?

Aquí vemos que os británicos non tratan Assange con normalidade, porque primeiro foi condenado a 50 semanas por incumprimento do control xudicial en 2012, cando foi obxecto dunha solicitude de extradición sueca. Despois foi deixado en liberdade e obrigado a fichar. Julian Assange comprendeu que sería extraditado a Suecia, convenceuse de que era unha manobra para entregalo aos Estados Unidos e refuxiouse na embaixada ecuatoriana en Londres, onde lle foi concedido asilo consular. Alí ficou sete anos. Cando Lenín Moreno, o Presidente de Ecuador, deu por terminado o asilo en 2017, a policía sacouno da embaixada de maneira violenta. Foi levado á prisión de Belmarsh, unha prisión de alta seguranza, apesar de Julian Assange ser un xornalista multipremiado, non un terrorista. Ademais, sabemos que a orde de arresto en que se apoia a solicitude de extradición sueca tiña unha base legal moi débil. Sabemos que foi un caso de manipulación. Condenaron Julian Assange case á pena máxima por incumprimento do control xudicial -50 semanas, sendo o máximo 52- e fixéronlle cumprir a pena entre aqueles que fan estalar bombas e matan civís. Este é un sinal enviado polo Reino Unido, unha decisión indigna da xustiza inglesa. É evidente que a administración prisional ten instrucións de que facer que cumpra a pena e a súa seguinte detención preventiva nas peores condicións posibeis.

En prisión, foi recluído en confinamento solitario, e cando terminou de cumprir a condena, ficou en prisión preventiva, á espera do xulgamento que se leva a cabo agora. O confinamento solitario terminou apenas dous ou tres semanas antes do xulgamento. Tamén houbo movementos de prisioneiros que simpatizaron e pediron que lle fose levantado o isplamento. Todo isto é anormal. O lugar de Julian Assange non está nunha prisión de alta seguranza. A situación política é mala para Assange. Sabemos que foi torturado e humillado, e o relator da ONU que o avaliou constatou o impacto producido pola tortura.

Na vista xudicial, cando os seus avogados pediron que se permitise ao seu cliente sentarse á beira deles, a presidenta recusou o pedido. A fiscalía, en representación do Estado, apoiou o pedido dos avogados alegando o carácter habitual de tal práctica. No entanto, a presidenta opúxose. Esta situación é anormal. Segundo a norma, quen ten que pronunciarse é o Westminster Magistrates Court e no entanto a vista xudicial de Assange ten lugar no Belmarsh Magistrates Court. Co fin de cumprir a lei, o persoal de Westminster e os xuíces foron transferidos a Belmarsh para evitar ter que transportar Julian Assange.

Poden ser impugnados por iso ou polas condicións inxustas en que se desenvolve o xulgamento?

Poden. Assange é  tratado como un terrorista. Foille recusado o uso das lentes durante seis meses, o que, xunto co confinamento solitario, constitúe malos tratos.

Se os tribunais británicos acordan extraditalo aos Estados Unidos despois do xulgamento, podería enfrentar Julian Assange a pena de morte por espionaxe?

Hai unha regra fundamental: Non se extradita a un país que practique a pena de morte a non ser que se teñan garantías de que non se pedirá esa pena nin lle será imposta.

Mais tampouco se extradita por delitos políticos…

Certamente. Hai xa máis dun século que os prisioneiros políticos non son extraditados. Ao contrario. Imaxine que fosen extraditados os chilenos que fuxían de Pinochet, os kurdos que foxen de Turquía, e así sucesivamente. O mundo está cheo de conflitos e de refuxiados políticos que se senten seguros porque saben que non poden ser extraditados unha vez obteñen o visto. É verdade que neste xuízo a fiscalía tenta demostrar que, aínda que os delitos do que é acusado Assange son políticos, el podería ser extraditado.

 

Julian Assange tamén estivo sob vixilancia dunha empresa española que traballaba para a CIA en tanto estaba hospedado como asilado político na embaixada do Ecuador en Londres

 

Non se podería impedir a extradición con base no artigo 10 do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos que protexe a liberdade de expresión?

Todo isto debería protexer este xornalista multipremiado, mais vemos que non o protexe, o que nos fai temer o peor para o futuro. O FBI estivo seguindo este caso moito tempo. Julian Assange tamén estivo sob vixilancia dunha empresa española que traballaba para a CIA en tanto estaba hospedado como asilado político na embaixada do Ecuador en Londres. Se Julian Assange é extraditado, é o fin do Estado de Dereito en Occidente tal e como o construímos durante case un século. En nome da loita contra o terrorismo estamos a renunciar a moitas liberdades porque cremos que a seguranza é un valor superior. Non entendemos que de feito imos sacrificar as liberdades sen conseguir seguranza. Este xuízo trouxo a lume o que está a acontecer.

No que di respecto á acusación de violación contra Julian Assange, o tribunal sueco retirou os cargos debido á falta de probas. Sorpréndelle esta retirada dos cargos?

Tivo un custo moi alto para Julian Assange. Tamén sabemos que a fiscal sueca estaba disposta a dar por finalizada a investigación antes, mais foi alentada a mantela aberta polo fiscal inglés, o Crown Prosecution Service [A fiscalía da Coroa encarregada de decidir sobre os procesos en Inglaterra e Gales]. Temos probas. Tamén temos rastros da participación do FBI no caso, mais a fiscal sueca, Marianne Ny, destruíu os correos electrónicos que admitiu ter recibido do FBI.

Vostede criticou o silencio dos medios de comunicación despois de que uns 60 médicos internacionais alertasen ao mundo sobre o estado físico e psicolóxico de Julian Assange en novembro, cando consideraban seriamente que podería ‘morrer en prisión’. Un silencio por parte dunha prensa que beneficiou das revelacións ofrecidas por Julian Assange e a súa equipa sobre os abusos e crimes de guerra cometidos polos aliados no Iraque e no Afganistán. E que fixo un uso abundante das mesmas. Como explica tal mudanza de actitude por parte dos medios?

Por suposto. The Guardian, o New York Times e Aftenposten1 gañaron prestixiosos premios polo seu traballo cos documentos de WikiLeaks. Ten que entender que foi a manipulación da CIA e a FBI o que causou esta mudanza de opinión. A cuestión xa non era o que Julian Assange fora capaz de probar, a cuestión pasou a ser se Assange violara ou non.

Precisamente, como se pode demandar a Assange polas súas publicacións, e ao mesmo tempo deixar a salvo os medios de comunicación que se beneficiaron delas e divulgaron o seu contido? Non actuaron estes medios, da mesma maneira que WikiLeaks, difundindo información transmitida por un terceiro?

Nos Estados Unidos, os xornalistas estadounidenses gozan da protección da Primeira Emenda. Este foi o caso cos Pentagone papers, onde o DOJ (Departamento de Xustiza) tratou de procesar por espionaxe o denunciante Daniel Ellsberg que os publicou. O Tribunal Supremo sostivo que só utilizara a liberdade de expresión e que beneficiaba da Primeira Emenda da Constitución. Portanto, sabemos que os cidadáns dos Estados Unidos están protexidos por esta emenda. Mais non os xornalistas estranxeiros. Portanto, Julian Assange nos Estados Unidos non podería invocar a Primeira Emenda e, loxicamente, existe o risco de que os xornalistas europeos sexan procesados.

 

Permitirmos a extradición de Julian Assange é admitirmos a supremacía de facto da lei dos EUA sobre a nosa

 

Permitirmos a extradición de Julian Assange é admitirmos a supremacía de facto da lei dos EUA sobre a nosa. En Europa non é prohibido publicar información verdadeira de interese xeral, os xornalistas están protexidos polo Convenio Europeo dos Dereitos Humanos. Portanto, o que Julian Assange publicou non pode describirse como espionaxe no Reino Unido nin en ningún outro lugar da Europa. Julian Assange non pode ser extraditado por dobre incriminación e porque non tería un xulgamento xusto nos Estados Unidos. Estas son dúas razóns máis que suficientes para nos opormos á súa extradición.

Entrevista realizada o 2 de marzo de 2020.

* Chelsea Manning foi liberada o 12 de marzo de 2020 despois dun intento de suicidio o día anterior. As sancións financeiras establecidas para obrigala a testificar sobre WikiLeaks e o seu fundador Julian Assange seguen vixentes e terá que pagar 256.000 desbastares en multas.

Nils Melzer, Relator Especial das Nacións Unidas sobre a Tortura, di: “Non se trata só de protexer a Assange, senón de evitar un precedente que podería selar o destino da democracia occidental”. Van converter Julian Assange nun mártir para dar exemplo?

El Salto Diario