O tempo que estivo en prisión tivo un contrato por prestación de servizos coa categoria de operario base.

                       CESAR QUIAN

 

O Xulgado do Social número 5 da Coruña acaba de admitir a trámite a demanda interposta por un ex preso de Teixeiro contra Institucións Penitenciarias, en que reclama o pagamento de horas extras que manifesta ter traballado cando estaba no cárcere. O demandante, representado neste procedemento polo avogado ferrolán Mario Sánchez Trigo, asinara un contrato con Institucións Penitencias para a prestación de servizos coa categoría de operario base. Ocupábase de levar o carro da comida para a súa distribución aos outros reclusos e esa relación laboral prolongouse entre o 2 de abril do 2018 e o 27 de abril do 2019.

Segundo se recolle na demanda, a realización dese servizo establecía unha xornada semanal de 37 horas e media, mais o afectado asegura ter realizado moitas máis, porque traballaba de 6.30 a 20.45 horas, incluíndo os fins de semana, xa que tiña que encarregarse da repartición dos almorzos, as comidas e as ceas. No contrato non figura importe algún polas horas extras realizadas e o demandante cifra en 85 horas a xornada laboral que estivo a realizar, sen ter ningunha compensación económica nin de tempo de descanso polo tempo que di ter traballado fóra do horario establecido.

Despois de saír de prisión -manifesta que non o fixo antes por temor a represalias- dirixiuse a Inspección de Traballo para expor a súa reclamación e alí remitírono á vía social, polo que presentou un recurso ante o organismo autónomo Traballo e Prestacións Prisionais. A resposta que recibiu foi que ese organismo non era competente para a resolución do seu caso e dirixírono á vía xudicial social.

No pasado día 10 de febreiro, a letrada de Xustiza do Xulgado do Social número 5 da Coruña asinou un decreto admitindo a trámite a demanda deste ex presidiario e anunciando a citación das testemuñas para o acto de conciliación. No caso de non se chegar a un acordo entre as partes, o xuízo xa está fixado para o día 9 de xuño do presente ano.

CARMELA LÓPEZ- La Voz de Galicia