A organización Amnistía Internacional publicou onte un relatorio en que valora e denuncia a actuación das tropas ucraínas respecto da poboación civil.

 

AI sinala que as tropas ucraínas utilizaron zonas residenciais civís, sen xustificación algunha, pondo en perigo os seus cidadáns. Así mesmo detalla que as tropas ucraínas utilizaron como enclaves lugares como hospitais e escolas, algo absolutamente prohibido.

Sinala que puideron comprobar como as tropas ucraínas non se preocuparon en absoluto pola poboación civil, non tendo o máis mínimo coidado na hora dunha posíbel evacuación ante a tomada dunha zona. Todo o contrario, Amnistía denuncia como viu e comprobou que non só non foi evacuada e protexida a cidadanía, senón que foi posta en perigo ocupando zonas residenciais, escolas, hospitais, que despois foron bombardeados polas tropas rusas en resposta polos ataques dirixidos desde esas instalacións.

«As forzas ucraínas puxeron a poboación civil en perigo, establecendo bases e operando con sistemas de armas aéreas en áreas residenciais poboadas. Este tipo de tácticas violan o dereito internacional humanitario e poñen en perigo persoas non combatentes, xa que os converten civís en obxectivos militares».

Uns feitos que a delegación Rusa ante o Consello de Seguranza das Nacións Unidas denunciou en reiteradas ocasións, como foi o caso a maternidade de Mariupol ou do teatro, entre outros enclaves coñecidos.

Sinala Amnistía internacional que as tropas ucraínas estableceron bases militares en áreas residenciais, incluíndo escolas e hospitais.

 

Tamén subliña os ataques lanzados desde áreas civís poboadas por parte destas tropas

No comunicado Amnistía tamén especifica que acharon un padrón, unha maneira sistemática de operar, o que demostra que non se trata de feitos isolados, senón dun modus operandi.

Entrevistas nas cidades, análises de imaxes de GPS

Sinala Amnistía Internacional que realizou a investigación durante os meses de abril a xullo, para analisar os ataques rusos. Concretamente nas rexións de Kharkiv, Donbas e Mykolaiv. A organización inspeccionou os lugares dos ataques, entrevistou sobreviventes, testemuñas e familiares de vítimas e levou a cabo análises de armas e sensores remotos.

Explica que «no decurso destas pesquisas, os investigadores acharon probas de que as forzas ucraínas lanzaron ataques desde áreas residenciais poboadas e se estableceron en edificios civís en 19 localidades. O Laboratorio de Evidencia de Crise da organización analisou imaxes satelitais para corroborar aínda máis algúns destes incidentes».

A maioría das áreas onde se situaron os soldados estaban a quilómetros de distancia das liñas da frente

Explica o relatorio que a maioría das áreas residenciais onde se situaron os soldados estaban a quilómetros de distancia das liñas da frente, polo que había alternativas viabeis disponibeis que non porían en perigo civís, como bases militares ou áreas densamente arboradas próximas, ou outras estruturas máis afastadas das áreas residenciais. Alén diso, Amnistía subliña que «nos casos que documentou, Amnistía Internacional non ten coñecemento de que os militares ucraínos que se situaron en estruturas civís en zonas residenciais pedisen ou axudasen civís a evacuaren os edificios próximos, o que non permitiu tomar todas as precaucións posibeis para protexer os civís».

Lanzar ataques desde áreas civís poboadas

Sinala Amnistía Internacional que sobreviventes e testemuñas de ataques rusos nas rexións do Donbas, Kharkiv e Mykolaiv dixeron aos seus investigadores que o exército ucraíno estivera operando perto das súas casas no momento dos ataques, expondo as áreas a fogo de represalia das forzas rusas. Os investigadores de Amnistía Internacional presenciaron este tipo de conduta en numerosos lugares.

Lembra Amnistía Internacional que «O dereito internacional humanitario esixe que todas as partes nun conflito eviten, na medida do posíbel, situar obxectivos militares dentro ou perto de áreas densamente poboadas. Outras obrigacións para protexer a poboación dos efectos dos ataques inclúen retirar os civís das inmediacións dos obxectivos militares e advertirlles de maneira efectiva dos ataques que poidan afectar a poboación civil.»

A nai dun home de 50 anos que morreu nun ataque con foguetes o 10 de xuño nunha aldea ao sur de Mykolaiv dixo a Amnistía Internacional: QOs militares aloxábanse nunha casa contigua á nosa e o meu fillo adoitaba levar comida aos soldados. Supliqueille varias veces que se mantivese afastado de alí porque temía pola súa seguranza. Esa tarde, cando pasou o paro, o meu fillo estaba no patio da casa e eu dentro. Matárono de inmediato. O corpo ficou esnaquizado. A nosa casa foi parcialmente destruída”. Os investigadores de Amnistía Internacional acharon equipamentos e uniformes militares na casa do lado.

Mykola, que vive nunha torre nun bairro de Lysychansk (Donbas) golpeado repetidamente por ataques rusos que mataron polo menos un home idoso, dixo a Amnistía Internacional: “Non entendo por que o noso exército dispara desde as cidades e non desde o campo”. Outro residente, un home de 50 anos, dixo: “Definitivamente, hai actividade militar na zona. Cando ouvimos disparar desde aquí, ouvimos despois como disparan contra a aldea”. Os investigadores de Amnistía Internacional viron como os soldados utilizaban un edificio residencial a uns 20 metros da entrada do refuxio subterráneo utilizado polos residentes onde mataron o ancián.

Tamén recolle o relatorio o caso ocorrido a principios de xullo, cando un agricultor resultou ferido cando as forzas rusas atacaron un almacén agrícola na área de Mykolaiv. Horas despois do ataque, os investigadores de Amnistía Internacional comprobaron a presenza de vehículos e persoal militar ucraíno na área de almacenamento de grans, e as testemuñas confirmaron que os militares estiveran utilizando o almacén, situado alén da estrada dunha granxa onde viven e traballan civís.

Cando os investigadores de Amnistía Internacional examinaban os danos nos edificios residenciais e públicos adxacentes en Kharkiv e nas aldeas de Donbas e o leste de Mykolaiv, ouviron disparos desde as posicións militares ucraínas próximas.

En Bajmut, varios residentes dixeron a Amnistía Internacional que o exército ucraíno estivera utilizando un edificio de apenas 20 metros frente a un edificio residencial de grande altura. O 18 de maio, un mísil ruso bateu na frente do edificio, destruíndo parcialmente cinco apartamentos e danando edificios próximos.

Tres residentes dixeron a Amnistía Internacional que antes do ataque, as forzas ucraínas usaran un edificio alén da rúa do edificio bombardeado, e que dous camións militares estaban estacionados frente a outra casa que resultou danada cando caeu o mísil. Os investigadores de Amnistía Internacional acharon sinais de presenza militar dentro e fóra do edificio, incluídos sacos de area e láminas de plástico negro que cubrían as xanelas, así como novos equipamentos de primeiros auxilios para traumatismos fabricados nos Estados Unidos.

“Non temos voz no que fai o exército, mais pagamos o prezoQ, dixo a Amnistía Internacional un residente cuxa casa tamén resultou danada no ataque.

Bases militares en hospitais

Os investigadores de Amnistía Internacional viron como as forzas ucraínas utilizaban hospitais como bases militares de facto en cinco lugares. En dúas localidades, decenas de soldados descansaban, daban voltas e comían nos hospitais. Noutra, os soldados disparaban desde o contorno do hospital.

Un ataque aéreo ruso o 28 de abril feriu dous empregados nun laboratorio médico nun suburbio de Kharkiv despois de as forzas ucraínas estableceren unha base no complexo.

O uso de hospitais con fins militares é unha clara violación do dereito internacional humanitario.

Bases militares nas escolas

O exército ucraíno estableceu rotineiramente bases en escolas en vilas e aldeas no Donbas e na área de Mykolaiv. As escolas estiveron fechadas temporariamente para os estudantes desde que comezou o conflito, mais na maioría dos casos os edificios estaban situados perto de bairros civís poboados

En 22 das 29 escolas visitadas, os investigadores de Amnistía Internacional encontraron soldados usando as instalacións ou probas de actividade militar actual ou anterior, incluída a presenza de uniformes militares, municións refugadas, paquetes de racións do exército e vehículos militares.

As forzas rusas atacaron moitas das escolas utilizadas polas forzas ucraínas. En polo menos tres cidades, despois do bombardeo ruso das escolas, os soldados ucraínos establecéronse noutras escolas próximas, pondo aos bairros circundantes en risco de sufriren ataques similares.

Nunha cidade do leste de Odesa, Amnistía Internacional foi testemuña dun padrón xeneralizado de soldados ucraínos que utilizaban zonas civís para aloxarse e como áreas de preparación, como colocar vehículos blindados baixo as árbores en bairros puramente residenciais e utilizar dúas escolas situadas en zonas residenciais densamente poboadas. Os ataques rusos perto das escolas mataron e feriron varios civís entre abril e fins de xuño, incluído un neno e unha muller idosa que morreron nun ataque con foguetes contra a súa casa o 28 de xuño.

En Bakhmut, as forzas ucraínas estaban instaladas nun edificio universitario tomado como base cando un ataque ruso o golpeou o 21 de maio e, segundo os informes, matou sete soldados. A universidade está situada xunto a un edificio residencial de grande altura que resultou danado no ataque, xunto con outras vivendas civís a uns 50 metros de distancia. Investigadores de Amnistía Internacional acharon os restos dun vehículo militar no patio do edificio universitario bombardeado.

O dereito internacional humanitario non prohibe especificamente que as partes nun conflito se instalen en escolas onde non hai actividade escolar. Contodo, os militares teñen a obrigación de evitar o uso de escolas situadas perto de casas ou edificios de apartamentos cheos de civís, pondo en risco estas vidas, a non ser que exista unha necesidade militar apremiante. Se o fan, deben advertir os civís e, se for preciso, deben axudalos a evacuar. Isto non parece acontecido nos casos examinados por Amnistía Internacional.

Os conflitos armados obstaculizan seriamente o dereito das crianzas á educación, e o uso militar das escolas pode resultar nunha destrución que as priva aínda máis deste dereito unha vez que termine a guerra. Ucraína é un dos 114 países que apoiaron a Declaración de Escolas Seguras , un acordo para protexer a educación no medio dun conflito armado, que permite ás partes faceren uso das escolas abandonadas ou evacuadas só cando non existe unha alternativa viábel.

Neste relatorio, Amnistía deixa claro que non se xustifica de ningunha maneira a invasión de Rusia, nin o uso de armas como as municións de fragmentación que están prohibidas internacionalmente.

Las Repúblicas