Un xulgado de Barcelona desestimou a denuncia contra a administración por non ter activado o protocolo de prevención de suicidio apesar das autolesións previas de Raquel E.F. A asociación Irídia, que representa a familia, asegura que levará o caso “até onde fixer falta, mesmo ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos”.

.

 

Cárcere de Brians I / BRAIS G. ROUCO

 

Poucos días antes da súa morte, o 5 de abril, Raquel E.F. explicaba nunha carta a súa vontade de morrer despois de diversos funcionarios lle teren aplicado a contención mecánica

 

Desde a súa entrada en Brians1, en novembro do 2009, constan 32 incidentes no expediente de Raquel, entre eles once contencións mecánicas, unha tentativa de suicidio, o incendio da propia cela e tres auto-lesións calificadas de leves. A primeiera coincide co seu ingreso no Departamento Especial de Réxime Fechado (DERT nas súas siglas en catalán), onde cumpría condena en confinamento solitario desde outubro de 2014, e a última na véspera da morte. “Era unha persoa que levaba seis meses encerrada só durante 21 ou 22 horas por día de maneira constante e que sufrira o deterioramento da súa súde mental pola situación de isolamento, mais mesmo así decidiuse mantela nese réxime”, asegura Andrés García Berrio, codirector de Irídia e avogado da familia. É por iso que a entidade para a defensa dos dereitos humanos considera que a administración prisional tiña indicios avondo para ter activado o protocolo de prevencion de suicidio e evitado a morte de Raquel E.F.

Contodo, a maxistrada do contencioso administrativo de Barcelona que levou o caso considera, como defendeu a Generalitat en todo omomento, que “as tentativas de suicidio protagonizadas pola interna tiñan un marcado carácter manipulador sen que existise unha verdadeira intencionalidade autolítica” e que “non hai organización algunha nin ningún programa de traballo que resulte infalíbel na hora de evitar a morte decidida e voluntaria dunha persoa e que, nun establecemento prisional, sempre se poderán encontrar momentos en que, se así o decidiu un/ha interno/a poda levar a cabo o que se propuxo”. En resumo, a sentenza conclúe que “nada facía prever que a interna tomase a tráxica e lamentábel decisión do suicidio” e que “non hai ningunha constancia de que a morte da interna fose consecuencia dun mal funcionamento dos servizos penitenciarios, razón pola cal non é posíbel apreciar responsabilidade patrimonial da administración”.

Romper o silencio sobre o confinamento solitario

“Cinco anos despois da morte de Raquel, continúa a estar ben presente no noso traballo cotidiano para honrar a súa memoria e para que non se repitan estas situacións, así que continuaremos loitando contra o isolamento e contra as vulneracións de dereitos humanos nos cárceres”, asegura Andrés García Berrio. “entendemos, tanto nós como a familia, que este caso tería que servir para bater co puño en cima da mesa, romper o silencio sobre o confinamento solitario e mudarmos as cousas”, acrecenta o avogado. Asegura que “se fixo xustiza en parte”, porque o que era director de Brians1, Joan Carles Navarro, xa non ocupa o cargo e desde que se denunciou o caso a normativa de confinamento solitario foi reformada, alargando o número de horas fora da cela. Tamén foi modificado o protocolo de prevención de suicidios, “o que proba que os protocolos non eran bos”.

“O que non entendemos é que a Generalitat non asumise a responsabilidade no seu momento, e hoxe ainda non pedise perdón á familia, e que a xuíza non nos dese a razón de maneira inxusta”, lamenta o codirector de Irídia. É por iso que a entidade e a familia xa interpuxeron un recurso de casación no Tribunal Supremo e, por agora, están á espera da resolución. O escrito que presentaron considera chave o feito de o protocolo de actuación “non ter sido aplicado de maneira correcta” ante condutas de risco autoítico dado o expediente da interna.

 

O escrito que presentaron considera chave o feito de o protocolo de actuación “non ter sido aplicado de maneira correcta” ante condutas de risco autoítico dado o expediente da interna.

 


Máis suicidios en réxime fechado

Segundo datos Departamento de Xustiza, entre o 2008 e o 2018, unha de cada catro mortes por suicidio nas cadeas catalás producíronse nos Departamentos Especiais de Réxime Fechado, embora só representen por volta do 2% da poboación reclusa. A prevalencia do suicidio é once veces superior nestes espazos de vida máis restrita que no conxunto dos cárceres -iso tendo en conta que a taxa de suicidios nas prisóns é xa moito máis elevada que no conxunto da sociedade. No período 2008-2018, a taxa de sucidio entre as persoas presas foi nove veces superior que no conxunto da sociedade catalá.

Segundo datos facilitados polo Departamento de Xustiza, no 2019 morreron 28 persoas nas cadeas catalás: sete por suicidio, sete por sobredose, dez por doenza, unha por accidente e tres por ‘causa descoñecida’. é a cifra máis baixa dos últimos doce anos.

Directa