Desde a Asemblea de Familiares de Persoas Presas da Asociación Pro-Derechos Humanos de Andalucía (APDHA) sinalan que tres persoas morreron en menos dun mes neste cárcere e reclaman melloras na atención sanitaria e psiquiátrica, cuxa situación consideran “alarmante e absolutamente precaria”.
13 de xaneiro. Un mozo de 29 anos con patoloxías morre no cárcere de Sevilla II, en Morón de la Frontera. Embora Institucións Penitenciarias ainda non teña publicado as súas conclusións sobre a causa da morte, todo indica que esta foi debida a sobredose. En menos dun mes, no mesmo centro prisional perderon a vida polo menos outras dúas persoas, segundo afirman desde a Asemblea de Familiares de Persoas Presas da Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA).
Desde esta asemblea, presentaron unha queixa ante Institucións Penitenciarias polo descontrol no consumo de medicamentos neste cárcere e unha atención sanitaria que consideran “alarmante e absolutamente precaria”.
As mortes relacionadas co consumo de drogas de diferente tipo son unha constante nas prisións. En 2020, segundo datos do Ministerio de Interior, 26 internos morreron por reacción adversa a substancias psicoactivas, e entre 2015 e 2016, a quinta parte dos 862 falecidos que se contaron nos cárceres españois -sen contar as de Catalunya, onde as competencias en prisións son autonómicas- morreron tamén por esta causa, segundo publica Voz Populi.
Mais todas estas mortes non son producidas por drogas ilegais introducidas de maneira clandestina nos centros prisionais. Segundo alertaba o Mecanismo Nacional para a Prevención da Tortura (MNPT) no seu relatorio anual de 2020, en varios cárceres españois detectouse un “alto consumo de medicamentos identificabeis como adicións invisibilizadas por tratarse de medicamentos prescritos”. Como mostra diso, outro relatorio de Institucións Penitenciarias sinala que, das 28 mortes que houbo nos cárceres relacionados con sobredoses en 201, 20 foron de internos que non estaban incluídos no Programa de mantemento con metadona e en tres dos casos, nos resultados toxicolóxicos, foi encontrada metadona e benzodiacepinas, que é un dos tipos de medicamentos máis receitados dentro das prisións, segundo mostran varios estudos realizados en diferentes penitenciarias.
O MNPT recomendou ao Estado español abordar desde o programa de tratamento de adicións o alto consumo de medicamentos, aplicando alternativas terapéuticas, como poden ser actividades físicas ou laborais, ou técnicas de manexo da ansiedade, para reducir o consumo de medicamentos nas prisións, mais, aínda que esta recomendación foi aceptada polo goberno, a APDHA denuncia que nunca chegou ser executada.
Nunha visita realizada en xaneiro de 2021 ao centro prisonal de Sevilla II, o MNPT constatou que a atención psiquiátrica nesta prisión se limita a un psiquiatra externo que acude ao centro unha vez á semana
E é que o alto consumo de medicamentos, segundo sinala a APDHA, está relacionado con “unha deficiente ou inexistente atención psiquiátrica que na maioría dos casos se reduce a un control farmacolóxico”. A organización lembra que, nunha visita realizada polo MNPT en xaneiro de 2021 ao cárcere Sevilla II constatou que a atención psiquiátrica nesta prisión se limita a un psiquiatra externo que acude ao centro unha vez por semana, “aínda que con frecuencia acumula dúas visitas nunha e permanece mañá e tarde, atendendo un total de 20 persoas”, concretaba na altura o MNPT. “Trátase de citas breves, centradas exclusivamente na prescrición farmacolóxica”, engadía.
O MNPT recomendou aumentar a atención psiquiátrica e suxeriu para iso establecer concertos co Servizo Andaluz de Saúde e, entretanto, aumentar as horas do psiquiatra contratado para que as visitas poidan ser de polo menos 30 minutos, mais, segundo indica a APDHA, até a data esta suxestión non tivo resposta.
“A este factor, cómpre engadir o escaso ou inexistente control que existe sobre a dispensación e suministración de medicamentos”, acrecenta a Asemblea de Familiares de Persoas Presas da APDHA. “A combinación dunha atención psiquiátrica reducida ao tratamento farmacolóxico, a invisibilización de adicións xeradas pola propia medicación e un mal control da entrega dos medicamentos conducen á creación dun sobreconsumo de psicofármacos que, en non poucas ocasións, termina custando a vida ás persoas privadas de liberdad”, conclúe.