O Código Penal (CP) de 1995 suprimiu a redención de penas polo traballo. Desde entón foron varias as reformas do CP e da lexislación penal que agravaban as penas no que di respecto á súa duración e execución. En 2016 estudos moi isolados reflectían un índice de delincuencia inferior nun 27% á media europea, moi por baixo de estados tan seguros como Suecia, Dinamarca ou Finlandia. Mais a taxa de encarceramento era a segunda máis alta de Europa (133 por 100.000 persoas). As penas no estado español duran un 900% máis que en Dinamarca e máis do dobre da media da Unión Europea. As penas cumpridas en réxime aberto ou de semiliberdade son apenas o 17%, cando na media europea son o 27%. Outra vez a Marca España.

A finais de marzo deste 2020 a comisaria dos Dereitos Humanos da ONU, Michelle Bachelet, ante os gravísimos riscos da pandemia, reclamaba a liberdade das persoas presas idosas, de pouco risco social e as que cumpran pena por delitos non violentos. Na administración prisional dependente do Goberno do Estado non se cumpriu esta solicitude. Pola contra, a supresión das visitas e dos licenzas penitenciarias agravou as condicións de vida das persoas presas.

A propia administración prisional do Estado, moitas veces coa colaboración da orde xurisdicional penal e penitenciaria, corrompe a finalidade constitucional rehabilitadora das penas. A lexislación penitenciaria sinala que as licenzas prisionais teñen que ser outorgadas desde o cumprimento dun cuarto da pena, mais hai algúns tribunais (como a Audiencia de Lugo) que non outorgan estes licenzas, aínda que se cumpran os esixentes requisitos legais e concorran acordos favorabeis unánimes das xuntas de tratamento das prisións, mesmo até a metade do cumprimento da pena. Moitas son as penas que se cumpren até o último día en réxime ordinario, sen ningún beneficio penitenciario.

 

A propia administración penitenciaria do Estado, moitas veces coa colaboración da orde xurisdicional penal e penitenciaria, corrompe a finalidade constitucional rehabilitadora das penas

 

A pena limita a liberdade da persoa, mais non pode gravar o seu contorno familiar e persoal. As persoas vinculadas a ETA (inoperativa desde hai nove anos e hoxe fóra da loita violenta), ao movemento independentista galego e a todas as declaradas culpabeis de calquera delito terían de cumprir a pena perto da súa familia e residencia. A dispersión das persoas presas é unha ferramenta represiva impropia dun réxime prisional democrático.

Despois está a cuestión das persoas presas políticas vinculadas ao soberanismo catalán. É absolutamente urxente por razóns humanitarias, políticas e xurídicas acabar coa vergoña do seu encarceramento (que chega a máis de dous anos e medio nalgúns casos). E iso despenalizando total ou parcialmente o delito de sedición, ausente na maior parte dos sistemas penais europeos; ou decidindo un indulto total ou parcial ad hoc que poña todos os presos políticos na rúa. A súa situación hoxe en día constitúe un escándalo democrático.

Sexa como for, o sistema xurídico que libere os presos políticos cataláns habería que desenvolvelo deixando totalmente operativas as vías de recurso xurisdiccional (a vixente, de tan pouca confianza, do parcial Tribunal Constitucional e a ulterior do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos) que indefectibelmente lles darán o recoñecemento da licitude da súa conduta, aínda que infelizmente non lles devolverán os anos, vida, oportunidades e -tamén- renda e patrimonio perdidos.

Xoán-Antón Pérez-LemaXoán Antón Pérez-Lema

El Nacional