.
Fayez Badawi é desde 2002 o porta-voz na Europa da Frente Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), unha organización considerada terrorista pola Unión Europea e os Estados Unidos. Falamos con el sobre a situación do pobo palestino despois das últimas agresións militares de Israel. Foto: Óscar Valadares – Mar de Lumes
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

.

 

 —¿Que supuxo en Palestina a agresión militar de Israel nestas últimas semanas a raíz do conflito no barrio de Sheikh Jarrah, en Xerusalén?
Despois dos acordos de Madrid de 1991 e dos acordos de Oslo de 1993-1995, Israel está a roubar cada día máis ao pobo palestino, cada día ten máis terreo, porque eses mal chamados acordos de paz son de capitulación, antes dos acordos de Oslo había 200.000 colonos en Cisxordania, agora hai 700.000 colonos. Se antes tiñamos o 22% do territorio nacional palestino, agora non controlamos nin o 5%.

Unha de cada catro persoas novas pasou polos cárceres israelís, aplicáronse detencións administrativas, houbo asasinatos nos controis militares que hai entre as aldeas palestinas, unha situación terríbel. É importante lembrar que a FPLP foi a organización que se opuxo a eses acordos.

Hai tres ou catro barrios de Xerusalén que queren desmantelar para pór no seu lugar colonos de fóra, e iso xa é unha liña vermella. Entre a fame e o bloqueo de Gaza e a miseria en Cisxordania, a resistencia tiña a obriga de responder, o pobo palestino non ten armas pero con todo o que se pode fabricar de forma caseira fíxose fronte aos avións dos EUA, aos barcos de guerra que ten Israel, é a primeira vez que a resistencia puido botar o orgullo israelí e dos EUA á lama. Esta vez Israel estaba a correr detrás dos seus amiguiños en Europa e no EUA para que a resistencia non se defendese, e a situación segue, Israel de momento non parou a súa agresión, e creo que vai estalar outra vez porque queren aniquilarnos totalmente. Hai unha limpeza étnica.

—¿Cambia algo o novo Goberno de Israel?
En Israel non hai esquerda nin dereita porque non é un Estado natural, é un Estado fabricado, e esa clase de Estados fabrica a súa esquerda e a súa dereita, o seu obxectivo é golpear máis os palestinos, continuar a limpeza étnica, co cal non vai cambiar nada. Xa di a historia que, cando hai unha ocupación, a única solución é a resistencia en todas as súas formas: cultural, lingüística, social e a resistencia armada, aínda que non teñamos armas.

—Durante a agresión militar saltaron á palestra pública múltiples casos de linchamentos de palestinos en Israel. Como se sostén a imaxe internacional dunha suposta democracia?
Como palestino e como voceiro da FPLP, en primeiro lugar saudamos o noso pobo que ten dignidade e demostrou ao mundo que é un pobo unido, pero tamén queremos saudar a todos os xudeus antisionistas e antiimperialistas. A cuestión non é relixiosa, para nós o que é importante é o levantamento do noso pobo en Galilea, Acre, Haifa, no deserto do Néguev, o noso pobo estivo unido na diáspora, nos campamentos de refuxiados, unidos os que están dentro de Israel, en Gaza ou Xerusalén… Esa unidade nacional demostra que o noso pobo quere un só Estado para toda a cidadanía. En Israel hai categorías, estamos falando dun Estado formado por 14 nacionalidades, iso é a internacional fascista.

Aquí hai unha cuestión que esta moi clara: Israel non vai parar até dominar todo o territorio nacional palestino, esa é a política israelí, é vergoñento que non recibira unha condena clara por parte do Consello de Seguridade da ONU, non houbo ningunha condena por parte da UE. Todos queren lavar á cara desa agresión sionista, hai unha complicidade internacional no que está a facer Israel, refírome a países e Gobernos, non me refiro a pobos, porque todos os pobos do mundo están coa cuestión palestina.

A política israelí é de apartheid e de agresións continuas. Israel é como o vampiro, necesita sangue para vivir, e como a consegue? Machucando a diario. Hai detidos, mortos ou destrucións de casas cada día, cada xornada estamos no matadoiro. E que vai conseguir Israel? Garántoche que está a crear a súa propia tumba. Non podes ir toda a vida con agresións. Coas últimas accións da resistencia, un terzo dos israelís xa pensa en volver aos seus países de orixe. E a nós non nos queda máis que a morte. Ou a resistencia. Non nos queda outra alternativa, non hai luz, non hai auga, a industria esta medio destruída, hai 50.000 palestinos sen casa despois da ultima agresión, mais non imos permitir que nos destrúan nin que nos eliminen.

—Aínda defende alguén a solución dos dous Estados?
Si, a UE, a dereita palestina… porque está tendo beneficios disto, mais, renunciarías á túa vila para vivir nunha chabola como refuxiado e ser apátrida? Iso non o fai ninguén, e por iso eu non vou regalar nin un palmo da miña terra. Os acordos de Oslo son unha trampa para aniquilar o que queda dos dereitos palestinos. Eses acordos crearon unha Autoridade Palestina (AP) para representar intereses do colonialismo e da ocupación, polo que só nos representa a Organización para a Liberación de Palestina, na que estamos incluídas 13 organizacións.

—Como se explica a posición dos Estados árabes?
Para a FPLP os inimigos do pobo palestino son o imperialismo, sionismo, o Estado de Israel e as forzas reaccionarias árabes, as monarquías corruptas que están asasinando no Iemen, golpeando a xente en Bahrein, e eses réximes apoiados polo imperialismo normalizan a situación de Israel. Nos últimos días desde Mauritania até Iraq todos os pobos árabes saíron á rúa para apoiar o pobo palestino. A quen non apoian eses pobos é a eses réximes que lles rouban.

—E as eleccións en Palestina?
Como vai haber eleccións xustas baixo a ocupación? Aínda así Israel non as permite porque á dereita palestina tampouco lle interesan. Con tres correntes e tres listas dentro de Al-Fatah, se hai eleccións vai gañar o sector da resistencia. Como exemplo, en 2006 houbo eleccións en Cisxordania e Gaza, esas eleccións foron gañadas por Hamas limpamente, entón a UE e os EUA non quixeron respectar a madurez democrática do noso pobo e din que houbo fraude… Se os que perderon din que non houbo fraude, se o meu pobo di que non houbo fraude, por que Occidente ten que dicir que existiu para apoiar a dereita palestina e non recoñecer o que pasou? Eles non respectan nin a democracia nin as eleccións, só os seus intereses.

André Mauricio

Nós Diario