O feminismo hexemónico recoñece o sistema penal como unha solución ao patriarcado e demanda penas máis severas para os homes acusados de diferentes delitos cometidos sobre as mulleres.

 

Resultado de imagen de feminismo carceles

 

Vivimos nun mundo de prisións. Unhas físicas, outras mentais e algunhas simbólicas. Estamos afeitos a estar encerrados, en nós mesmos, nas nosas formas de pensar, de ser e de sentir. O concepto de cárcere chegou a un punto que é útil para definir demasiados elementos da sociedade. O corpo é un cárcere, o traballo é un cárcere, a casa é un cárcere, as identidades son cárceres, as nacións son cárceres, as redes sociais, as ideoloxías, as epistemoloxías tamén o son, e como nos mostra Sirin Adlbi Sibai no seu marabilloso libro O cárcere do feminismo, o feminismo pode selo tamén.

Estamos tan afeitos a estar encerrados, que cada vez máis queremos encerrar os outros. Nunca antes as prisións foron un elemento tan importante das sociedades, e nunca antes foron tan aceptadas. Cada vez hai máis presos no mundo, e isto non sempre está relacionado en todos os países cun aumento da delincuencia.

 

Nunca antes as prisións foron un elemento tan importante das sociedades: apesar da redución de delitos que se cometen a poboación nos cárceres non diminúe

 

En España as infraccións criminais pasaron de 2.396.900 no 2008 a 2.131.000 no 2018 cun pequeno aumento do 4,1 por cento entre o 2017 e o 2018. E no entanto o número de persoas nos cárceres mantívose, mesmo chegou a aumentar, como mostra o relatorio Prisións en Europa 2005-2015. Por outras palabras, que apesar da diminución de delitos que se cometen a populación nos cárceres non diminúe, por causa, segundo diferentes especialistas da tendencia das mudanzas legais que levaron a endurecer e con iso prolongar as penas de cárcere dos delitos.

Como sinala María Ángeles Rueda, profesora de Dereito Penal da Universidade de Zaragoza nunhas declaracións a Ctxt, “unha causa que pode explicar a elevada taxa de populación prisional en España pode residir, por unha banda, en que o número de condutas consideradas delituosas e castigadas con penas de prisión superiores a dous anos é moi superior ao doutros países” xa que desde 1995 “se produciron case 30 reformas do Código Penal, e case todas elas cunha ampliación do número de delitos e unha agravación das penas”.

Sábese, e resulta evidente, que canto máis tempo pase unha persoa encerrada máis allea será á evolución social externa e máis complicado será o proceso de reinserción social, que é supostamente o fin último do modelo prisional actual tal e como se contempla no artigo 25.2 da Constitución Española ao afirmar que “as penas privativas de liberdade e as medidas de seguranza estarán orientadas á reeducación e reinserción social”. En base a iso, preguntábase Jacobo Dopico, profesor de Dereito Penal na Universidade Carlos III de Madrid, nunha entrevista ao eldiario.es, “de que modo analisarán que unha persoa está preparada para reinsertarse se pasou, por exemplo, 30 anos encerrada nunha prisión”.

Con penas cada vez máis longas, e cun maior número de caso de cumprimento íntegro, temos que o 69% das persoas se reintegra con éxito, ou o que é o mesmo, un 31% non o consegue, o cal non é en modo algún unha porcentaxe pequena pois  falamos da posibilidade de que persoas reais poidan vivir con todas as garantías en sociedade. A isto engádese a percepción social das persoas que pasan polos cárceres, xa que socialmente presuponse que a persoa que sae do cárcere vai voltar a delinquir. Neste punto achamos certas contradicións.

 

A poboación defende o modelo carcerario como a forma de castigo a que se debe recorrer, mais non confía na rehabilitación das persoas

 

A poboación defende o modelo carcerario como a forma de castigo a que se debe recorrer, mais non confía na rehabilitación das persoas. Isto é, podemos entender que o que se busca son condenas eternas. Parece que toda condena é pouca, mesmo cada vez que se mediatiza algún crime especialmente violento, colócase no debate público a prisión permanente revisábel e mesmo a cadea perpetua, chegando estes debates ás esferas políticas.

Así, teñen lugar os xuízos mediáticos paralelos en función de como narran os medios, desde unha lóxica do espectáculo, casos específicos. Dentro da propia sociedade do espectáculo en que vivimos, baséanse en elementos emocionais que buscan unha condena social movida pola ira. Isto é aínda máis radical nos casos onde se cruzan elementos raciais como no caso en que unha muller dominicana afrodescendente foi acusada da desaparición e asasinato dun neno. Espazos onde os odios son dalgunha maneira lexitimados e se xustifican socialmente consignas extremamente racistas, que neste caso implicaron que mulleres negras os días posteriores fosen insultadas pola rúa con algúns casos que chegaron a violencia física.

Non só hai unha constante de esixencias para endurecer o código penal, que non implican a mesma severidade para uns corpos e outros, se non que cada vez é máis habitual ouvir xente que non dubida en defender castigos físicos. Normalízase a violencia de tal forma que se chega a xustificar que un grupo de persoas rodee un centro de menores estranxeiros para mallar neles.

Nese xogo de sentimentos extremos aos que apelan os medios de comunicación e que son instrumentalizados desde a política, existe un desexo de captar espectadores de tal forma que parece que lles agrada crear percepcións de perigo sen que se corresponda cos datos. Así o denunciou o colexio de Criminólogos de Catalunya após o excesivo foco mediático sobre a delincuencia en Barcelona nos últimos meses a partir dun discurso racista coas poboacións inmigrantes. Falábase de Barcelona como dunha das cidades máis violentas de Europa cando segundo Numbeo na metade de ano situábase no número corenta no índice de criminalidade, ultrapasado por cidades como Bruxelas, Milán, Roma, París ou Londres.

Outro dos lados escuros das prisións son as mortes que teñen lugar nelas. Ao longo do 2017 morreron 188 persoas das cales 35 morreron por suicidio, o dato máis alto desde o 2013.

Aínda que é verdade que en España non existen prisións privadas como no caso dos Estados Unidos, onde segundo a organización The Sentencing Project o sistema prisional move 2.900 millóns de dólares anuais e é entendido como un negocio que debe ser rendíbel, polo que son encerradas de forma desproporcionada as comunidades racializadas, e concretamente as persoas afrodescendentes como unha dobre forma de control dos corpos negros e enriquecemento privado como relata perfectamente Michelle Alexander na súa obra The New Jim Crow.

Nos últimos anos houbo unha tendencia a externalizar mediante concesións privadas algúns elementos esenciais das prisións, os centros de menores e os centros de internamento de estranxeiros ou Cies. Desde a externalización da vixilancia con concesións á empresa Ombuds -recollido no Boe do 10 de decembro de 2012- á abertura á entrada da xestión privada co artigo 45.3 da Lei Orgánica de responsabilidade penal do menor (LORPM), que afirma que “As Comunidades Autónomas e as Cidades de Ceuta e Melilla poderán establecer os convenios ou acordos de colaboración necesarios con outras entidades, ben sexan públicas, da Administración do Estado, Local ou doutras Comunidades Autónomas, ou privadas sen ánimo de lucro, para a execución das medidas da súa competencia, sob a súa directa supervisión, sen que iso supoña en ningún caso a cesión da titularidade e responsabilidade derivada desa execución.” Con todas as consecuencias que iso ten e cuxa lección deberiamos ter aprendida con deitar unha ollada aos EUA.

Vemos entón como a sociedade está a evoluir a un sentir máis punitivo alimentada con cada vez máis discursos de odio normalizados en diferentes esferas mediáticas. Quere castigar máis e máis. E chama especialmente a atención como estas lóxicas punitivas foron interiorizadas polas esquerdas. Evidénciase como os movementos de esquerdas foron afastándose dunha das loitas que os caracterizaron durante moito tempo e que se baseaba no fin de modelo carcerario vixente.

 

O feminismo hexemónico recoñece o sistema penal como unha solución ao patriarcado e demanda penas máis severas para os homes acusados de diferentes delitos cometidos sobre as mulleres

Pola contra, estamos entrando nun modelo cada vez máis punitivo apoiado por movementos sociais de esquerdas. Un exemplo vémolo no caso das persoas condenadas por terrorismo. Cando estas persoas cumpriron as súas condenas e saen de prisión moita xente móstrase indignada, e sinala que continúan a ser unha ameaza para a sociedade no seu conxunto. Preténdese que fiquen inhabilitadas para sempre coa idea de que toda sentenza é pouca, pasando da condena legal á condena social. Outro caso encóntrase cos Centros de Internamento de Estranxeiros, que sen seren oficialmente centros prisionais serven para privar de liberdade en celas incomunicadas persoas inmigrantes. Socialmente non se cuestiona que persoas inmigrantes -polo mero feito de non teren papeis legais, debido a toda unha estrutura regulamentada que as impide de os teren- sexan perseguidas e poidan ser encerradas en centros sen teren cometido ningún tipo de delito.

 

Outro exemplo, quizais o máis actual, é o feminismo hexemónico que recoñece o sistema penal como unha solución ao patriarcado. Demanda sempre penas máis severas para os homes acusados de diferentes delitos cometidos sobre as mulleres. Ao final, encerrar persoa por persoa, o que fai é reducir problemáticas sociais e estruturais a meros incidentes individuais. Non se articula un discurso sobre a necesidade da reparación e simultaneamente sobredimensionanse os postulados de castigos. Asúmense así os postulados do chamado ‘populismo punitivo’ do que nos fala Laia Serra no seu artigo “Populismo punitivo, ou como se instrumentaliza a dor das vítimas” na plataforma Pikara Magazin cando sinala que “se define como a estratexia ideolóxica, manipuladora e reaccionaria do Estado de explotar as incertezas da colectividade para neutralizar certos debates sociais e criminalizar selectivamente certas condutas e sectores sociais para ir restrinxindo liberdades fundamentais”.

A partir do impacto emocional dos crimes refórzanse emocións de rabia que facilitan a defensa de decisións apresadas, así como a tomada de posicións que convidan a resolucións violentas dos conflitos. Esíxense modificacións legais para que as condenas sexan máis severas e dáse pé a que desde a política se reforcen discursivamente posicionamentos punitivos que á súa vez adoitan ser instrumentalizados para reforzar outros relatos racistas a partir da constante vinculación de violencia-inmigración.

De forma paralela, e á vez entrecruzada, o mediático permitiu visibilizar como, por exemplo, no caso dos delitos cometidos sobre os corpos de mulleres polo mero feito de o seren, as estruturas xudiciais continúan sendo amplamente machistas nas súas sentenzas. Iso, que serve para explicar, entre outros factores, a profunda raiba de tantas mulleres, non termina de ser un elemento que permita xustificar que por parte dos movementos do feminismo hexemónico se reforce a necesidade do modelo de xustiza carcerario da nosa sociedade.

 

Como solicitan diferentes colectivos feministas, debe ser levada a cabo unha transformación das lóxicas xudiciais sobre os dereitos das mulleres

Como solicitan diferentes colectivos feministas, debe ser levada a cabo unha transformación das lóxicas xudiciais sobre os dereitos das mulleres e sobre o que se entende por dominación machista en todas as formas de violencia que afectan as mulleres polo mero feito de o seren. Mais, a dor e a frustración ante un sistema xudicial intrinsecamente machista non deben levar a xustificar a violencia do Estado, en tanto que non hai figura máis patriarcal que o modelo de Estado actual.

O Colectivo de Apoio a Mulleres Presas en Aragón, cun posicionamento en contra do modelo carcerario sinala a necesidade de “avogar por unha xustiza restaurativa para mediar entre a reparación e a reconciliación”. É necesario xerar un debate que abra alternativas a todo este modelo. Ou máis ben, é importante que se comece a escoitar os colectivos, que levan tempo tratando de pór este tema nas axendas mediáticas.

Neste sentido, se hai colectivos que saben o que significa a perda de liberdade son as poboacións racializadas que tanto nos Estados Unidos, como no Reino de España, e como practicamente en todos os lugares do mundo, están sobre representadas nos centros prisionais.

Daí a importancia do feminismo antirracista como un exemplo de feminismo anticarcerario que está en contra do encerramento de persoas nos CIEs, do encerramento de mozos en centros de menores estranxeiros (sic) e que é consciente de que sob o sistema prisional as principais vítimas son os corpos racializados perseguidos, detidos, xulgados con maior severidade, e encerrados de forma explicitamente desproporcionada nunha percentaxe máis alta en todo tipo de centros de privación de liberdade.

Neste punto, é transcendental a figura de Angela Davis como un dos principais referentes que entende que o antirracismo debe ser feminista, anticapitalista e por suposto, anticarcerario. Angela Davis, un dos rostros máis importante no movemento abolicionista de prisións do mundo desde a militanza até a academia con publicacións moi transcendentes como Are Prisons Obsolete? no 2003 ou Abolition Democracy: Beyond Prisons, Torture, and Empire no 2005, sinala como o complexo de prisións de todo o mundo vén ser un modelo esencialmente racista e clasista que somete as capas máis vulnerabeis da sociedade. Este artigo bebe precisamente dos posicionamentos abolicionistas expresados por Angela Davis.

Os cárceres fan parte das tecnoloxías de poder fundamentadas en dispositivos bio-políticos que moitas veces se traducen no que Achile Mbembe sinala como a necro-politica. Todo o armazón do estado formulado a partir de políticas que supoñen a morte física e social de diferentes suxeitos coa finalidade de os converter en refugallo material e cultural.

O problema é o complexo que resulta a abolición dun sistema que está tan naturalizado que é dificilmente pensábel vivir sen el. Mais como sinalaba nun discurso na Universidade de Chicago o 4 de maio de 2013 que sería despois recollido no texto “Feminismo e abolición: teorías e prácticas para o século XXI” debemos aprender a pensar, actuar e loitar contra o ideolóxicamente entendido como ‘normal’.

Por iso, o movemento feminista hexemónico debería ser responsábel e frear os ataques racistas que se verten sobre os corpos dos homes racializados, a maioría das veces inmigrantes, como suxeitos naturalmente violentos, machistas, e en última instancia, violadores. O feminismo hexemónico debe asumir as lóxicas antirracistas que van da man de posicionamentos anticarcerarios e deixar de entender como conquistas sociais as reformas que endurecen o Código Penal recoñecendo que a estrutura penal e prisional só xera máis violencia.

Por súa vez, é preciso acabar co modelo mediático que transforma a violencia sobre as mulleres en espectáculo. Cando unha persoa comete un delito que se mediatiza, xa sexa un asasinato ou un secuestro, ou outros de carácter machista como violacións, moitas veces é posíbel ver fotografías en que se mostran os rostros desas persoas en todo tipo de plataformas. Vivimos nun momento en que unha persoa acusada de agresión, un home acusado de violación ou de asasinato é condenado socialmente moito antes de que o fagan as sentenzas xudiciais, que sempre son lidas como insuficientes. Iso, que pode ser moi recorrente baixo emocións de rabia ou frustración, convida de forma directa ou indirectamente a un modelo de xustiza paralelo próximo á cultura de linchamento e que unha vez máis se intensifican coas persoas racializadas.

É importante que redeseñemos o modelo de xustiza, as estruturas legais de castigo individuais, afastándoo de dinámicas autoritarias extremamente deshumanizadoras que convidan ao encerramento desmedido das persoas, e que fan parte cada vez máis de toda unha cadea de corrección mercantilizada onde se reproducen as mesmas estruturas de poder e pirámides pigmentocráticas das sociedades. Porque, no fin de contas, nos cárceres o que achamos son os corpos pobres, racializados, diverxentes e disidentes.

En definitiva, o sistema prisional vén defender o relato que narra como, por unha especie de natureza, estas persoas se converten en ladróns, violadores e asasinos de forma irremediábel, eliminando o carácter social dos individuos. Esa idea de que quen é un criminal sempre o será impide crer na reinserción. E se non se cre na reinserción entón non se cre no sentido dos cárceres, polo que esixir a entrada en prisión vén ser como esixir o castigo perpetuo establecendo unha idea de desforra e destrución social do suxeito.

Pablo Muñoz Rojo

El Salto Diario