ESCULCA é unha plataforma creada por galegos e galegas, hai case 20 anos que ten por obxectivo denunciar situacións de abusos, inxustizas e vulneración de dereitos fundamentais acontecidas no noso país e en calquera parte do mundo. Esculca é deses fenómenos que ás veces se cruzan no noso camiño que nos fan conservar a fe no ser humano, pois ,con certeza, os seus activistas fan, co seu traballo, mellor á humanidade.Na actualidade desenvolven unha campaña, en colaboración con organizacións semellantes, a nivel do estado, para denunciar os casos das persoas presas sometidas a situacións de isolamento penitenciario.Para sabermos máis de Esculca en xeral, e desta campaña en particular entrevistamos a Fernando Blanco, un avogado ourensán activista de Esculca.

 

**********************************************

 

 

Para quen non vos coñeza, cóntanos que é ESCULCA?

ESCULCA é un observatorio de dereitos e liberdades civís, cuxa traxectoria arrinca no ano 2.003. Unha parte das nosas preocupacións é a defensa dos dereitos das persoas presas

Xa ides polos 18 anos de actividade ininterrompida?

Si. Ben, eu persoalmente non, pois eu cheguei un pouco máis tarde, pero as persoas que iniciaron a vida de ESCULCA si que levan eses anos traballando

Cal é o motivo que explica o nacemento de ESCULCA?

As mulleres e homes que o crearon tiñan unha ampla experiencia no activismo político e social e, naquel momento histórico ,percibían que viñan tempos escuros para as liberdades persoais e a dignidade de amplos segmentos de seres humanos.

Onde nace ESCULCA?, e que sobre que área xeográfica exerce o estudo e denuncia dos episodios que considera deben de ser estudados e denunciados?

Fundamentalmente nace en Santiago e Vigo. O noso ámbito fundamental de actuación é o país galego, alén de denunciar que moitos galegas e galegos sofren violacións de dereitos fóra do noso territorio.Pero non renunciamos a pór encima da mesa os abusos e inxustizas en ningunha parte do mundo na que se vivan este tipo de situacións, algunhas tan arrepiantes como por exemplo a que padece o pobo de Palestina.

 

Fernando Blanco Arce - Equipo Humano

 

 

O discurso que nos tratan de vender é que as “democracias” occidentais supoñen o lugar ideal final ao que a organización social da especie humana pode aspirar a chegar, e que non se pode cuestionar de ningún modo. Ti cres que, na sociedade actual, esta forma de entender a realidade calou de maneira xeralizada? ou hai esperanza en que as voces que a questionan poidan algún día converter en realidade as visións alternativas que denuncian que tamén se dan abusos e violación de dereitos, constantemente, ao noso carón?

Para contestar a esta pregunta vou falar do meu caso persoal.Eu veño do mundo do dereito, e, malia que sempre tiven un espírito crítico, nese mundo nalgún momento chegas a aceptar que vivimos nun estado de dereito relativamente perfecto.Esa visión da realidade si que se trata de trasladar da maneira constante á xente de a pé.Tamén penso que moi aos poucos si que se comeza a albiscar unha certa creba desa forma de entender a realidade

E a que o achacas?

No que se refire ao estado español creo que o tema de Catalunya influiu. Nese país están aparecendo moitos vasos comunicantes entre quen sufría tradicionalmente a represión e entre quen agora mesmo a están recibindo

En Esculca estades a desenvolver unha campaña sobre a situación das persoas presas, explícanosla?

É unha campaña a nivel estatal da que nós facemos parte. A razón da campaña é denunciar a situación das persoas presas en réxime de isolamento penitenciario, tanto no réxime regulamentario como en determinados excesos que sufrían persoas consideradas perigosas e que chegaban a sufrir anos en total soidade.

Anos en total soidade¡¡¡ que espanto¡¡ algún caso en concreto en Galicia?

Pois por exemplo o caso do chamado “Hannibal Lecter”, que cando morre na prisión da Lama levaba máis de dous anos nun confinamento absolutamente solitario

Cales son as condicións concretas do réxime de isolamento?

É un réxime chamado pechado que equivale normalmente ao primeiro grao e ten dúas fases. A máis restritiva determina que a persoa afectada debe de estar en cela individual, nunca compartida, que se cumpre en módulos especiais e limita enormemente as prácticas en común.De feito, esta actividade en común limítase a tres horas ao día. Na maioría de casos , esta actividade supón pasear por pequenos patios interiores, en ocasión enreixados.

 

 

 

 

Estas persoas pasan 21 horas ao día absolutamente soas?

Si. E as tres horas restantes en compañía dun preso ou dous como moito.Incluso ás veces as visitas e curas médicas poden realizarse a través dunha porta enreixada

Un preso en estado de isolamento ten as comunicacións cos seus familiares en cantidade e cualidade igual que calquera outro preso ordinario?

Moitos destes presos sofren o fenómeno da dispersión que xa supón unha dificultade enorme para recibir visitas da súa familia.En principio normativamente as comunicacións poderían ser as mesmas, pero unha das sancións máis frecuentes e a suspensión das comunicacións.Dicía o profesor Julián Ríos “ se me tratas como un animal o normal é que responda como un animal”.E nestes módulos a conflitividade soe ser máis elevada e as sancións que acarrexan suspensión de comunicación son frecuentes

Supoño que as condición que determinan que un preso pase a estar isolado estarán reguladas por algún tipo de normativa. Ao voso xuízo a aplicación dun castigo tan duro responde aos criterios obxectivos que marque a norma?, ou pode acontecer que as simpatías ou antipatías determinen que un preso poida ser isolado?

Si, a regulación existe. Pero claro establécese que unha persoa pode ser isolada se experimenta “inadaptación ao réxime ordinario”.E ese é un concepto normativo amplísimo. De feito todos os presos cuxo ingreso en prisión estivese motivado pola suposta relación coa violencia política ingresaban e primeiro grao, sen que tiveran protagonizado ningún episodio que puidese presupor algún tipo de inadaptación.

Ás veces a actuación reivindicativa reiterada pode ser considerada “inadaptación” e supor que a persoa presa pase ao primeiro grao, e polo tanto ao réxime pechado

É frecuente que unha persoa presa reivindicativa sexa castigada por elo?

Si.

Os obxectivos concretos e ámbito temporal desta campaña cales son?

É unha campaña a medio e longo prazo.Temos confianza en que máis organizacións do estada vaian uníndose a ela.E en canto aos obxectivos, aspiramos a recoller a maior cantidade de información que poidamos sobre as situación de isolamento, a comprender e combater as secuelas que produce esta situación e a longo prazo limitar absolutamente os casos de isolamento a circunstancias moi puntuais.E xa por último provocar unha modificación lexislativa para eliminar do noso sistema penitenciario o réxime pechado.

Eu teño moitas máis dúbidas que certezas, pero unha das poucas certezas que son capaz de manifestar é que, en grande medida, a delincuencia é consecuencia da pobreza. Ti que opinas?

Estou absolutamente de acordo.O cárcere é o último reducto da fábrica de pobreza que é a nosa sociedade

O tema da relación entre a sociedade e as persoas presas é para min intelectuamente apaixonante.Nun principio, o modelo finés de prisións : abertas, con moitísimas actividades de ocio e de traballo, cun trato digno para todas as persoas presas e cun réxime de condeas que castiga cun máximo de 15 anos ata os crimes máis horrendos, paréceme o máis adecuado, pero nin sequera así son capaz de atopar unha resposta a esta pregunta: que facer cos individuos sádicos, aqueles que son proclives a practicar a violencia contra os demais?

As penas, canto máis longas sexan máis dificultan o reigreso na sociedade da persoa que as sofre. O réxime de actividades é esencial nun sistema de prisións que en teoría ten como finalidade reisentar. É certo, que hai individuos , para os que o discurso abolicionista podería non ter resposta.Pero neste tema, intelectualmente tan complexo, quixera mencionar as análises do profesor Iñaki Rivera, que sinala que ese número de persoas é tan pequeno que todo o enorme sistema penitenciario que temos non pode fundamentarse na existencia de individuos de natureza violenta.

Xa, pero aínda que sexan moi poucos, a sociedade terá que protexerse dese tipo de individuos?

Por descontado.Tamén teño que dicir que ese é un debate dunha profundidade elevadísima para o que non sei se na sociedade actual existe resposta. O profesor Rivera, que antes mencionei aboga por ir eliminando aos poucos o sistema penitenciario, primeiro cualitativamente e logo cuantitativamente.E hai moitísima xente, que inicialmente podería ir a sistemas de semiliberdade.Por último quedarían un número de persoas, que insisto son moi poucas, cuxa crueldade cara aos seus semellantes debe de facer que a sociedade se protexa delas.Se se fixese así, o sistema penitenciario sería minúsculo en relación co que hoxe temos

Rematamos Fernando, é posible, ou é ilusorio construirmos unha sociedade sen cárceres?

Esta é outra reflexión moi complexa e profunda, pero quero dicir que eu, persoalmente, maniféstome claramente abolicionista.É a única maneira de ir parando o monstro que supón o sistema penitenciario.Recoñezo tamén, que a niña posición pode deixar difícil resposta para algunha cuestión, pero entendo que é o ideal ético ao que debemos de aspirar.