—A derrogación do delito de sedición avanza no Congreso entre críticas e moitas dúbidas sobre o risco que pode supor para os movementos sociais. Que supón a súa reforma?
Desde unha posición antipunitivista pensamos que o Código Penal está cargado de máis. Neste sentido, o delito de sedición gozaba dunha penalidade absolutamente elevada ademais de comprender unha serie de condutas de relativamente fácil comisión. Era moi perigoso. O concepto normativo de alzarse de forma pública e tumultuosa para impedir pola forza ou fóra das vías legais a aplicación das leis reflectía moitas condutas que se podían dar dentro dunha protesta, nin sequera violenta, e polo tanto facilitaba que moitas cidadás e cidadáns puidesen verse sentados no banco por delitos de sedición. O único que impedía que moitas protestas non fosen sedición era a interpretación que se facía. Neste sentido a súa eliminación é moi positiva, non só polo que poida supor aos presos do Procés senón de por si, independentemente de que se pretenda, ademais, unha adaptación a Europa.
O que sexa ‘paz pública’ ou ‘ocasione perigo para a vida ou a saúde das persoas’ vai depender do que recolla o atestado policial, da interpretación das forzas de seguridade do Estado
—A supresión da sedición introduce no Código Penal un novo tipo agravado de desordes públicas. Que muda?
O novo tipo agravado parte da regulación anterior de desordes públicas. O que antes recollía o artigo 557 ter do Código Penal agora denomínase bis e mantense. E xa non era unha regulación lene, era unha regulación dura.Os que actuando en grupo ou individualmente mais amparados nel alteraren a paz pública executando actos de violencia sobre as persoas mais tamén sobre as cousas serán castigados con penas de seis meses a tres anos de prisión. O mesmo para os que invadairn ou ocuparen contra a vontade do seu titular o domicilio dunha persoa xurídica pública ou privada -despacho, oficina, edificio- e causaren unha perturbación relevante para a paz pública e a súa actividade normal. Son actos típicos de protesta onde o único que vai impedir que non haxa sancións fortes é un elemento normativo, moi preocupante nunha xudicatura como a nosa. O que sexa ‘paz pública’ ou ‘ocasione perigo para a vida ou a saúde das persoas’ vai depender do que recolla o atestado policial, da interpretación das forzas de seguridade do Estado.
—Onde está, entón, a novidade? A que responde ese novo precepto “agravado”?
O que fan é eliminar por arriba e deixar por abaixo un precepto que xa é moi perigoso. Unha especie de sedición en pequeno. Na miña opinión é moi preocupante que co pretexto de despenalizar [a sedición] se introduza un precepto agravado [de desordes públicas] absolutamente innecesario. Vai facer do tipo agravado o de aplicación xeral , a non ser que hai unha interpretación xurídica garantista e vai determinar que o tipo básico se aplique ao que antes era unha actuación de tres persoas que posibelmente se cualificase de actos vandálicos porque se entendía que non alteraba a paz pública de forma colectiva.
Moitas formas de protesta tradicionais, cívicas e pacíficas agora van ser duramente sancionadas
—Esta reforma compromete a desobediencia civil pacífica? Criminaliza as protestas cidadás?
As dúas cousas. Xa había unhas sancións por desordes públicas, moi frecuentes e con unha interpretación laxa. Agora introdúcese un tipo agravado que substitúe ‘tumulto’ por ‘multitude’, que seguramente non se considere o mesmo en Pereiro de Aguiar, en Ourense que en Vigo; que fala de violencia e intimidación ‘sobre as persoas ou cousas’, de forma que está criminalizando actuacións non violentas: ocupacións, encadeamentos; todo o que supoña forza, agora violencia, sobre a contorna ou o mobiliario urbano. Moitas formas de protesta tradicionais, cívicas e pacíficas agora van ser duramente sancionadas.
Lonxe da derrogación da ‘lei mordaza’
Segundo explica a Nós Diario o avogado do Observatorio pola defensa dos dereitos e as liberdades, Esculca, a reforma do delito de sedición “introduce tipos moi restritivos do dereito á protesta baixo a aparencia de despenalización”. Estamos, asegura, ante unha mudanza do Código Penal que, ademais, abusa de termos normativos indeterminados, subxectivos.
“Cando fala de multitude, cuxo número, organización e propósito sexan idóneos par afectar gravemente a orde pública; esa afectación grave, ese número, organización e propósito van quedar van ser interpretados pola xente uniformada, dunha forma relativamente flexíbel e contra reo, contra a cidadanía que protesta. Infelizmente, esta é a realidade”.
Neste sentido, Fernando Blanco non albisca perto unha derrogación da ‘lei mordaza’. “Mentres non haxa mecanismos de control e exixencia sobre as actuacións das forzas e corpos de seguridade, non avanzaremos”.