No que vai de ano morreron nove persoas reclusas na Galiza. Dez desde que en decembro do ano pasado a asociación de persoal funcionario das institucións penitenciarias Tu abandono me puede matar comezou a facer reconto en twitter do número de falecidos. Catro en Teixeiro, tres en Pereiro de Aguiar e unha en cada unha das outras tres prisións galegas; Bonxe, Monterroso e A Lama. Sermos Galiza conversa con Fernando Blanco, avogado e integrante de Esculca, o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades.

Até a súa morte, Esculca estivo en contacto con Pedro Escudero, un preso, enfermo crónico, que morreu no cárcere de Teixeiro o 15 de maio. A familia pide que se investiguen as circunstancias da súa morte. Pedro morreu o mesmo día que o acababan de transferir da prisión de El Puerto de Santa María para prestar declaración á mañá seguinte nos xulgados de Betanzos.

No prazo de tres meses, presentara dúas denuncias contra un grupo de funcionarios do cárcere de Teixeiro por abusos reiterados. Ambas acusacións recibiran cadansúa contra denuncia por parte do persoal da prisión. A primeira fora arquivada e acabou sendo condenado. A segunda prosperara.

De feito, tiña que declarar ao día seguinte da súa morte como testemuña, en calidade de prexudicado. A versión oficial di que, ben de xeito accidental, ben de forma voluntaria, Pedro prendeu lume na súa cela de illamento e morreu por inhalación de fume.

En que punto se atopa a investigación?

A familia acudiu ao xulgado a semana pasada para solicitar unha serie de dilixencias de proba ao xulgado de instrución Betanzos. No prazo dunha semana esperamos que determine se son procedentes ou non. De seren desestimadas dilixencias tan básicas como a identificación dos funcionarios presentes aquel día, o acceso ao informe de incidencias ou a revisión das gravacións, recorreremos ante o xulgado co apoio de Esculca.

Este é só un dos 123 casos de mortes producidas en prisión en todo o Estado desde o 1 de decembro de 2018, a última cifra facilitada pola asociación Tu abandono me puede matar. É moi preocupante. Non hai un sistema de control real que garanta os dereitos das persoas presas. O entramado institucional cumpre unha función burocrática. Actúa de forma tímida, feble e pouco proactiva. A sensación é de total impunidade. Moitas das mortes que se producen en prisión poden ter unha relación causal con neglixencias médicas, malas prácticas farmacéuticas ou situacións de acoso aos presos. Causas difusas, pouco analizadas e nunca removidas, polo que seguiremos contando por centos as persoas reclusas falecidas.

Significa que seguiremos sendo alleas a todas estas mortes?

O medio penitenciario é bastante descoñecido pola propia opacidade da institución. Ademais, creo que se dá unha certa normalización das mortes que se producen en prisión. Moitas, por sobredose, tenden a asimilarse como propias do mundo carcerario, onde cae o “refugallo” da sociedade e onde o abuso da droga é habitual. Con esta visión tan moralista da poboación reclusa, a cifra de mortes, 210 en 2018, pasa totalmente desapercibida.

De que morren as persoas presas?

A maior parte das mortes atribúense a enfermidades que determinan un episodio agudo, letal, sen que moitas veces se detecte, sobre todo en celas de illamento: un ictus, un infarto… Tamén se achacan a sobredoses. Un caixón de xastre no que entra o abuso de drogas ilegais pero tamén a descompensación das medicacións pautadas de forma temeraria pola sanidade penitenciaria. Os funcionarios falan da repartición habitual de medicamentos para varios días. A situación da sanidade penitenciaria é catastrófica. As visitas e o control das pautas de medicación por parte de psiquiatras é episódico, por iso se dan patróns de consumo absurdos e excesivos que desembocan na morte. Eu mesmo teño comprobado como medicacións pautadas por un especialista en Asturias foron modificadas en penais galegos por profesionais da sanidade penitenciaria sen especialización en psiquiatría. Hai falta de persoal. As unidades médicas teñen cadros moi limitados. Ás veces só responden a gardas localizadas e na fin de semana as ausencias son aínda máis acusadas.

De que depende unha mellor asistencia sanitaria no medio penitenciario?

Da urxente transferencia da sanidade penitenciaria aos servizos autonómicos de saúde. Quen coida da poboación presa e quen ten que informar do seu estado despois dun incidente co funcionariado, cando igual é preciso un parte de lesións, non pode seguir dependendo do Ministerio de Interior. O suicidio tamén está entre as causas ordinarias de morte en prisión. O último caso rexistrado na Galiza foi un suicidio no penal de Pereiro de Aguiar a finais de agosto. É outra das causas máis frecuentes e escasamente investigadas. Non pode ser que o protocolo determine que as persoas reclusas que saen da enfermaría e proceden dun réxime de illamento pasen a estar nun cubículo acristalado. Non pode ser a única saída. Os programas de prevención do suicidio que se están aplicando fan calquera cousa salvo evitalo.

Susana Rois

Sermos Galiza