O caso de Mamadou Ba pon Portugal ante o seu pasado colonial, culminando o litixio unha persecución de longa data que amosa o aumento dos discursos de extrema dereita, denuncian organismos en defensa dos dereitos humanos.

 

SOS Racismo condena julgamento de Mamadou Ba

 

André Mauricio

Finalmente, confirmouse que o 11 de abril comeza o xulgamento en Portugal contra o activista anti-racista Mamadou Ba, un litixio en que falarán ao seu favor xornalistas, diplomáticos, a ex ministra de Xustiza Francisca Van Dunem ou o ex líder do Bloco de Esquerda Francisco Louçã.

Enfrenterá unha acusación por difamación e inxurias, ratificada pola Procuradoría Xeral portuguesa apesar das críticas de organizacións non gobernamentais e defensores dos dereitos humanos, e que pon de manifesto o impacto da extrema dereita no país, “cun aumento significativo dos discursos de odio” desde que a formación ultradereitista Chega chegou ao Parlamento en 2019, sinala o xornalista Filipe Teles.

Ba cualificou nas redes sociais como un dos maiores responsábeis do asasinato de Alcindo Monteiro a Mário Machado, fundador de varias entidades de extrema dereita lusas, e condenado a catro anos de cárcere por agresión en 1995, cando un grupo de neonazis efectuaron 11 ataques violentos contra persoas de orixe africana no centro de Lisboa, incluíndo a agresión a Alcindo Monteiro, asasinado con 27 anos.

Machado, que pide unha indemnización por dano moral, tamén foi sentenciado por outras causas por discriminación racial, difamación, secuestro, extorsión e tenencia de armas ilícitas. Ao tempo, reiterou en distintas publicacións que non se arrepinte da súa ideoloxía e que lle gusta apuñalar xente, tamén difundiu vídeos vestido de vaqueiro asasinando Ba. En 2012, Machado foi condenado a unha pena acumulada de 10 anos de prisión por delitos como discriminación racial, difamación, secuestro e tenencia de armas ilícitas.

Pola contra, Ba é un dos persoeiros do movemento antirracista en Portugal e fundador de varios grupos en defensa dos dereitos civís, e recibiu en 2021 o Premio Front Line Defenders para defensores dos dereitos humanos en risco.O seu compromiso levouno a ser un dos obxectivos principais da extrema dereita, recibindo múltiplas ameazas de morte. A ONG que dirixía, SOS Racismo, foi atacada en dúas ocasións e en 2020 foi agredido cando se atopaba coa súa crianza, cun nivel de ameaza que levou a que tivese protección policial algúns meses dese ano.

Persecución da extrema dereita

Até 30.000 persoas asinaron unha petición da extrema dereita para que fose expulsado do país, malia ter a cidadanía após vivir 25 anos no territorio. Esta persecución forzouno a abandonar Portugal para garantir a protección da súa familia. “Chegou ao punto de que non podo andar pola rúa só con seguridade”, asegurou Ba. Así e todo, tamén o perseguiron pola vía xudicial, con máis de dez procesos instados por Chega e polos sindicatos policiais.

Un estudo das redes sociais de axentes da Policía desvelou que Ba é a segunda persoa máis mencionada, iso si, co seu nome acompañado de insultos violentos e racistas.A entidade Front Line Defenders subliña que esta última denuncia só é o último caso “dun padrón de continuos ataques” que pretenden “silencialo e socavar a súa longa historia de loita contra o racismo en Portugal”.

“Hai moito que resolver en relación ao pasado colonial, cómpre abandonar a idea de que Portugal foi beneficioso para os que foron colonizados”, explica o antropólogo João Carlos Louçã, integrante da campaña solidaria de apoio a Ba, que salienta en Al Jazeera que o activista “representa todo o que estas persoas odian, un negro que está orgulloso das súas raíces, que non ten medo a falar ou ao peso das súas palabras, e que non baixa os ollos ante este pasado colonial”.

Pola súa parte, Ba critica que co seu xulgamento “as autoridades din que racistas e antirracistas son o mesmo”. “Tornouse imposíbel falar de racismo policial ou denunciar a violencia racista”, láiase, “calquera que o tente é atacado en liña, intimidado, eliminado en público, e as súas palabras son tiradas de contexto para reinventalos como inimigos”.

A avogada de Ba, Isabel Duarte, subliña que “falando obxectivamente, non houbo delito; e falando subxectivamente, diría que non hai honra para ser ofendido ou ferido.

Nós Diario