Formulan Queixa por vulneración de dereitos na Comisaría Local de Compostela

O avogado Brais González Pérez interpuxo Queixa xunto da Dirección Xeral da PN e solicitude de amparo xunto do Colexio de Advogada/os de Compostela por quebra do art. 24 CE -dereito á defensa
material e aos dereitos e garantías das persaos investigadas- na comisaria de Compostela. Os feitos que motivan ambos os escritos aconteceron no pasado 11 de marzo e afectaron a un defendido seu, interrogado en calidade de “investigado non detido”.

 

 

Segundo a Queixa presentada polo letrado, o seu defendido foi recollido o 11 de marzo de 2021 no seu lugar de traballo, conducido en vehículo policial ás instalacións da Comisaría, e sometido a preguntas e repreguntas sen asistencia de avogado, cuxa presenza non foi requerida até unha hora despois de iniciado o interrogatorio, o que constitúe manifesta lesión do dereito fundamental de defensa. Apesar desta irregularidade e da falta da información completa sobre os seus dereitos os axentes accederon, tamén irregularmente, ao contido do teléfono móbel do investigado.

Xa en presenza do avogado, e por indicación deste, o investigado opta por acollerse ao seu dereito a non prestar declaración. Isto provoca que o axente e as axentes actuantes reaccionen de maneira agresiva para o presionar, pondo en causa, reiteradamente, o criterio do Letrado e suxerindo que esta decisión só obraría no futuro en prexuízo do investigado. Sinalan unha e outra vez, sen base legal algunha e contradicindo o contido constitucional do dereito fundamental a unha defensa material e a expresión concreta do dereito á asistencia Letrada, que esa atitude lle traería consecuencias negativas  ( “Usted verá lo que hace, no declarar sólo se está perjudicando”, “nosotros sólo queríamos ayudar”; “lo convocamos como investigado por su situación económica, simplemente para hacerle el favor de que no tuviera que pagar un abogado privado como testigo, porque en esa condición no tendría justicia gratuíta”, “no está obligado a seguir los consejos de su Letrado”, “todo podía ser más fácil, ahora tendrá que declara ante el Juez y en Murcia”, “sólo vinimos a buscar su versión exculpatoria y ahora se va a complicar todo” … e así por diante).

Non existe título xurídico que autorize os axentes da autoridade a realizar ningún tipo de manifestación que cuestione ou se dirixa a cuestionar o criterio do Letrado, debendo limitarse a súa actuación profesional estritamente a deixar constancia de tal manifestación e que o procedemento continúe o seu curso. O seu rol é o de investigadores, nunca o de asesores técnico-xurídicos do investigado con fins inquisitorios, e moito menos con expresións trapaceiras e capciosas sen soporte legal algún.

No entanto, e apesar da manifesta negativa de I.S.T. a prestar declaración, as axentes diríxenlle (ver videogravado) un cuestionario co propósito de provocar unha declaración.

Solicitude de Amparo e Queixa à Dirección Xeral da PN

Por estas razóns, o avogado solicita do Colexio de Avogada/os de Santiago de Compostela a súa intervención xunto da Comisaría Local de Santiago de Comostela e a Dirección Xeral da Policía Nacional (á que o letrado dirixe tamén a súa Queixa) para que sexan adoptadas as medidas necesarias para garantir que nas súas instalacións sexa respectado o dereito fundamental de defensa, se apuren responsabilidades por esta forma de proceder contraria ás garantías e dereitos das persoas investigadas, e se requira aos axentes para que no futuro se abasteñan de realizar interrogatorios sen presenza letrada, así como de facer manifestación algunha que poña en cuestión a decisión das persoas investigadas de non prestaren declaración, o que implica non sinalar eventuais consecuencias negativas do exercicio de tal dereito ou pór en causa o criterio da asistencia letrada, co fin de conseguir unha declaración contraria ás súas garantías e dereitos.