O sindicato Erne, maioritario na Ertzaintza, pediu sen éxito que fose retirada unha viñeta que forma parte dunha mostra ofrecida en Getxo sobre o setenta aniversario da Declaración Internacional de Dereitos Humanos. O PP levará o tema ao Parlamento Vasco, ao considerar que se trata dunha ofensa ás Forzas de Seguranza do Estado.

 

Viñeta del artista brasileño Elihu Duayer que forma parte de la exposición organizada por Naciones Unidas.                    Elihu Duayer

Hai humor que encrespa. Ao sindicato ERNE da Ertzaintza e ao PP vasco acaba de pasarlles algo diso: tanto a central maioritaria no corpo autonómico como os conservadores puxeron o grito no ceo por unha viñeta que forma parte da mostra realizada pola oficina de Unesco en Euskadi sobre a Declaración Internacional dos Dereitos Humanos. Na imaxe en cuestión aparecen uns Anti-disturbios rindo ás gargalladas en tanto len un libro intitulado ‘Human rights’.

A Unesco ofreceu esta exposición -organizada polo Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos- no polideportivo de Gobela, na localidade biscaíña de Getxo. Através de distintas imaxes, a mostra describe os diferentes artigos da Declaración dos Dereitos Humanos da ONU. A polémica chegou coa viñeta que acompaña o artigo número 5, que subliña que “ninguén será sometido a torturas nin a penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes”.

Ese punto aparece acompañado por unha viñeta do artista brasileiro Elihu Duayer, en que hai tres policías morrendo a rir en tanto levantan cunha man as porras e coa outra suxeitan un libro sobre os Dereitos Humanos. Tanto ese debuxo como os 29 restantes que forman parte desta iniciativa foron seleccionados pola plataforma Cartoon Movement, que -segundo informou días atrás o xornal Eñ Correo- foron sobmetidos a votación popular.

Aínda que a mostra conclúe nesta cuarta-feira, o PP non deixará que o tema se esgote. Na sexta, día de pleno de control na Cámara vasca, a parlamentaria Nerea Chairos fará unha pregunta á conselleira de Seguranza do Goberno autonómico, Estefanía Beltrán de Heredia, a quen consultará por que non protestou pola inclusión desa viñeta, en que -no seu parecer- “se califica a Ertzaintza como torturadora e escarnece a defensa dos dereitos humanos”.

Críticas de ERNE
“Resúltanos incomprensíbel que non só non se alzase a voz pola exposición, senón que mesmo desde o Goberno Vasco parece que se apoiou a mesma”, critica Chairos. A seu xuízo, a mostra sinala as Forzas e Corpos de Seguranza do Estado “como torturadores”.

Previamente houbo duras críticas por parte do sindicato ERNE, maioritario na Ertzaintza, que chegou a solicitar a retirada do cartaz e unha rectificación por parte dos organizadores da mostra, xa que entendían que a imaxe os sinalaba como ‘torturadores’. Agora a polémica é levada ao Parlamento.

DANILO ALBIN @danialri

Público