O Goberno de Francia presenta un proxecto de lei que tamén aumenta de 20 a 30 anos a prescrición dos crimes sexuais, o que permite que as vítimas presenten unha demanda por abusos que sufriron na infancia mais que só lembran ou se senten con valor de denunciar como persoas adultas.
A Secretaria de Estado para a Igualdade de Xénero, Marlène Schiappa e o portavoz do goberno francés, Benjamin Griveaux/AFP
O Goberno de Francia presentou na pasada cuarta feira (21/03/201) un proxecto de lei que imporá multas de entre 90 e 750 euros por acoso verbal na rúa ou no transporte público. O proxecto, que será votado na Asemblea Nacional antes do verán, crea unha nova infracción de “ofensa sexista” que permitirá ás forzas da orde sancionar aqueles comentarios que excedan o mero coqueteo. Servirá como “elemento de disuasión”, porque, segundo a secretaria de Estado para a Igualdade de Xénero, Marlene Schiappa, “nunca antes se escoitara tanto acoso na rúa”. “As testemuñas de tales actos saberán que a lei da República Francesa está do lado das mulleres”, subliñou.
A Lei Schiappa (que toma o nome da secretaria de Estado) tamén aumenta de 20 a 30 anos a prescrición dos crimes -principalmente sexuais- contra menores, un tempo adicional que se dá ás vítimas tendo en conta a chamada “amnesia traumática”, frecuente nese tipo de agresións. Desta feita, a medida permite ás vítimas presentaren unha demanda por abusos sexuais que sufriron na infancia mais que só lembran ou se senten con valor de denunciar como adultos.
A medida está en parte inspirada nos esforzos da presentadora de televisión francesa Flavie Flament, quen o ano pasado acusou o fotógrafo David Hamilton de violala cando tiña 13 anos. Flament non puido iniciar unha demanda porque o prazo de prescrición expirara no seu caso.
O proxecto de lei -que tamén aumenta as sancións contra o ciberacoso, especialmente cando se comete en grupo- cumpre algunhas das promesas de campaña do presidente, Emmanuel Macron, e chega cinco meses despois do estalido do escándalo de abusos sexuais protagonizado polo produtor estadounidense Harvey Weinstein, que tivo un amplo eco en Francia.
Fonte: Público