Un perturbador vídeo viral mostra como unha muller preta grávida é deitada no chan por gardas da seguranza da SNCF (compañía nacional dos camiños-de-ferro da Franza)  na estación de Aulnay-sous-Bois, nos suburbios de Paris.

 

 

A muller é atirada ao chan en canto grita “Non me empurres”. Despois dois axentes proceden a inmobilizala presionando no estómago, a muller quéixase da dor. No momento en que a deitan no chan, óuvese a voz dun home, o seu compañeiro, que tenta axudala e implora aos axentes: “Déixenna, está grávida”. Tenta intervir, mais outros dous axentes da seguranza de SNCF impédenno de o facer.

Os axentes ignoran as súplicas do home e ordenan ás persoas que tentan intervir saíren da estación. Despois un deles bate na cabeza da muller. A grabación interrómpese cando outros dous axentes tratan de inmobilizar a parella da muller.

A SNCF defendeu os seus empregados alegando que o vídeo non mostra o incidente enteiro e que a muller grávida se negara a usar a máscara, cuspira e mordera os axentes, que só actuaron como o fixeron despois de lle ordenar tres veces abandonar a estación.

A muller, identificada como Diatou, de 23 anos, foi levada ao hospital onde se confirmou que está grávida de sete meses. Despois pasou sete horas detida antes de ser posta en liberdade con fianza e sob supervisión xudicial. Descoñécese cal é o estado do feto.

Ao que parece, a parella tamén foi posta sob custodia policial por ‘desprezo e violencia’. Diatou, pola súa parte, tamén presentou unha denuncia perante as autoridades. Segundo afirma ela non fixo nada para provocar o comportamento dos axentes.

Insurgente