Condenado en 2009 a 25 anos de cárcere por crimes de lesa humanidade, e con outras sentenzas por cargos de corrupción, o ex ditador Alberto Fujimori cumpre unha condena de 25 anos de cárcere pola súa autoría mediata nos asasinatos de 25 peruanos, incluíndo un neno de 8 anos, a mans dun grupo clandestino de militares, e agora deberá responder polas esterilizacións forzadas practicadas durante o seu réxime.

 

 

 

 

Suma outras tres condenas, dúas delas por corrupción e agora deberá responder perante os tribunais polas esterilizacións forzadas. Unhas 300 mil mulleres, na súa maioría campesinas quechua falantes das zonas máis pobres e excluídas do país, foron esterilizadas contra a súa vontade como parte dun sinistro programa para reducir a poboación dos sectores máis pobres.

O caso das esterilizacións forzadas é un dos máis emblemáticos de Perú, onde desde o poder político a fins do século XX se procurou frear a natalidade dos humildes e indíxenas sen reparar nos seus dereitos e como estratexia para diminuír a pobreza do país, segundo o Ministerio Público.

As mulleres esterilizadas loitaron dúas décadas para empurrar a Procuradoría a denunciar o ex presidente Fujimori. A investigación preliminar do Ministerio Público sufriu varias tentativas de arquivamento en 2009, 2014, 2016 e 2018, segundo relatan os defensores das vítimas.

Por dúas décadas as activistas que denunciaban as esterilizacións manifestáronse coas saias e pernas manchadas con tinta vermella. Tamén mostraban debuxos de trompas de falopio ensangrentadas. Foron ignoradas por presidentes de todos os espectros políticos.

O caso tamén gaña interese porque o actual ministro de Saúde, o doutor Hernando Cevallos, denunciou en 1997 a procuradoría, xunto con outros médicos, que os obrigaban a operaren até 60 mulleres por día nas campañas de esterilizacións.

O poder xudiciario dixo através da súa conta oficial do Twitter que o xulgamento tamén inclúe tres exministros de Saúde de Fujimori, un deles é o actual lexislador do partido fujimorista Alejandro Aguinaga, presidente da comisión de fiscalización do Parlamento. Fujimori, quen fuxiu en 2000 a Xapón asediado por escándalos de corrupción, chegou a Chile en 2005 onde foi capturado e despois extraditado ao Perú.

O xuíz Rafael Martínez precisou que o novo xulgamento contra Fujimori será suspendido até Chile outorgar autorización para o xulgar por esta acusación, debido a que Fujimori foi extraditado de Chile en 2007 e a xustiza dese país autorizou que o Perú o xulgase por outros casos. O Ministerio Público anunciou que pedirá a Chile ampliar a extradición contra Fujimori para que poda ser procesado polo caso das esterilizacións forzadas.

Especialistas estiman que o proceso de extradición podería durar por volta dun ano. Os ministros de Saúde que serán xulgados como responsabeis de planificaren, organizaren e dirixiren, xunto con Fujimori, as esterilizacións forzadas, son Alejandro Aguinaga, Mariño Costa e Eduardo Yong.

En marzo, despois dun cuarto de século de acontecidos os feitos, un procurador en representación de máis de 1.300 mulleres esterilizadas á forza denunciou ante a xustiza Fujimori e os ex ministros de saúde.

A decisión xudicial avanzou devagar desde o 14 de setembro, cando o xuíz Rafael Martínez comezou a ler a súa decisión. Pasaron case tres meses de audiencias interrompidas e noutros casos adiadas porque o xulgado sinalaba que levaba outros procesos.

O procurador Pablo Espinoza afirmou que entre 1996-2000 foron organizados numerosos “festivais de saúde” en pobos afastados que incluían fogos de artificio e bandas de música para atraer mulleres e despois, mediante enganos e coerción, as esterilizaren sen consentimento informado.

A política ordenada polo goberno de Fujimori tamén premiaba con tres billetes de viaxe os funcionarios sanitarios que acumulaban o maior número de esterilizacións, mais tamén os ameazaban con despedilos se non conseguían os obxectivos marcados. Segundo o Ministerio Público, foron realizadas unhas 273.684 esterilizacións e producíronse 1.599 complicacións.

O mandatario Pedro Castillo tamén prometeu xustiza ás mulleres esterilizadas días antes dunha axustada segunda volta presidencial en xuño cando venceu a Keiko Fujimori. Castelo lembrou que a súa propia familia campesina tamén sufrira as esterilizacións e comentou que “a dor das vítimas das esterilizacións forzadas é a miña”.

O proceso que se iniciará a Fujimori e os seus ex ministros, que se temeu puidese ficar na impunidade, inclúe só unha parte das vítimas, 1.300 mulleres, cinco das cales morreron como consecuencia das intervencións. “Esta decisión devólvenos a vida á alma, dános esperanza de xustiza, é un estímulo para nós”, sinalou María Elena Carbajal, unha das vítimas das esterilizadas forzadas. Reclama xustiza desde 1996, cando foi esterilizada contra a súa vontade.

As mulleres eran enganadas para seren esterilizadas. Os traballadores de saúde aproveitaban cando algunha muller ía a un centro de saúde para a someter sen o seu consentimento informado a unha esterilización, outras eran enganadas con ofertas de alimentos para que fosen aos centros de saúde e aí eran operadas, presionadas, ameazadas con retirarlles a axuda social ou dicíndolles que elas ou os seus maridos irían a prisión ou que lles podían tirar os fillos se non aceptaban a intervención cirúrxica.

A maioría destas mulleres é quechua-falante e dábanlles un documento en español para que o asinasen como autorización á intervención. Nunca lles explicaron de que se trataba, e moitas das que non asinaban eran igualmente operadas. A acusación precisa que as autoridades do goberno daban incentivos aos médicos para que realizasen a maior cantidade posíbel de esterilizacións e os traballadores de saúde que non esterilizaban a cantidade de mulleres ordenada eran sancionados, mesmo co despedimento.

Apesar da gravidade dos seus delitos, o ex ditador é un preso privilexiado. Cumpre condena de 25 anos por crimes de lesa humanidade nun amplo espazo acondicionado especialmente para el nun cuartel da Policía nos arredores de Lima, onde é o único preso e ten un cuarto, unha sala para recibir visitas, un estudo para pintar, cociña e unha pequena horta para sementar.

O actual ministro de Xustiza, Aníbal Torres, dixo que Fujimori debería ir a un cárcere común… mais Fujimori ainda está alí.

estrategia.la