O Goberno galego entregou os fondos públicos á Conferencia Episcopal através dun convenio que detalla os pormenores do acordo e que a Xunta oculta.

 

 

Unos 12.000 peregrinos llegaron a Santiago de Compostela con la Peregrinación Europea de Jóvenes.Unhas 12.000 persoas chegaron a Compostela coa Peregrinación Europea de Mozas. EFE/Óscar Curral

Beatriz Muñoz

O debate non é novo, mais as cifras record de turistas que visitan Compostela este ano e a presenza na cidade de grandes grupos de peregrinos puxeron en primeiro plano as dificultades para conciliar a vida dos veciños coa afluencia diaria de millares de persoas a un municipio que non chega aos 100.000 habitantes. En plena intensificación das críticas ao modelo turístico do Xacobeo durante este verán, chegaron entre o 3 e o 7 de agosto ao redor de 12.000 camiñantes que participaron na Peregrinación Europea de Mozas (PEJ), unha iniciativa de carácter relixioso, organizada pola Conferencia Episcopal Española e a Arquidiocese de Santiago. A Xunta achegou para este encontro cristián máis de 360.000 euros de fondos públicos para a “organización e realización de actividades”.

Os cánticos dos millares de mozos e as dificultades para moverse pola zona vella compostelá durante esas xornadas foron a gota que fixo transbordar o vaso da irritación dos veciños das áreas que atravesa o itinerario xacobeo na cidade. Vídeos de grupos ocupando rúas e lanzando berros en honra de Xesucristo comezaron a circular polas redes sociais entre críticas. A chegada en masa destes mozos católicos produciuse pouco despois de que, ante as tensións na convivencia e as queixas de residentes de Compostela, varias asociacións veciñais da cidade decidisen divulgar un decálogo de boas prácticas en que piden aos peregrinos un comportamento cívico no seu último treito cara á Praza do Obradoiro.

 

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, saíu en defensa dos mozos católicos -tamén se ocupou de recibir ao enviado do papa- e acusou as persoas que expresaron o seu malestar pola continuada presenza de grandes grupos na cidade de facelo por motivos ideolóxicos: “Dependendo de quen veña [os turistas], xúlgase a súa actitude dunha maneira ou doutra”. O xefe do Goberno galego, que se reservou para si as competencias directas sobre turismo, vóltase para chamar a visitaren Galiza máis viaxeiros neste primeiro verán sen restricións após a pandemia e no segundo ano dun Xacobeo duplicado. Celebra tamén todas as cifras que reflicten unha presión crecente. En xullo deste ano foron entregadas 67.374 compostelás -un certificado que dá a Igrexa a quen percorre polo menos 100 quilómetros de itinerario e que non todos os peregrinos solicitan-. Son 10.000 máis que as entregadas en agosto de 2019, o mes que até ese momento tiña a marca. As estatísticas que elabora o Instituto Nacional de Estatística sobre viaxeiros indican que no mes de xuño chegaron a Compostela case 83.000 persoas.

(…)

elDiario.es