Despois das típicas tirapuxas, parece que no próximo 28 de decembro, dia dos Santos Inocentes, serán aprobados os Orzamentos Xerais do Estado para o 2022, elaborados polo “Goberno máis progresista da historia”. No que nos toca, nós fixámonos primeiro no que vai destinar ao Ministerio de Defensa, que alcanza a algo mais de 10.000 millóns de euros. Mais é este o Gasto Militar real? Receamos ben que non. En cuestións militares, as contas nunca son claras.

 

Hai uns días foron publicados dous relatorios realizados por persoas e colectivos profesionais que demonstran que as despesas reais son muito, mais mesmo muito, máis importantes.

 

Un de cada cinco euros que investe a Administración central ten finalidade militar

 

O Informe nº 50 del Centre Delàs, intitulado “A despesa militar real do Estado Español para 2022″, elaborado por Jordi Calvo, Xabier Bohigas e Quique Sánchez Ochoa, cifrao en 22.796 millóns de euros, “un 124% máis que o asignado ao Ministerio de Defensa, o que supón un récord histórico e un crecemento do 5,75% a respecto do ano anterior”. E continúa “Este aumento explícase en parte polo aumento do 16,2% nos investimentos en armamentos, que atinxen os 4.581,5 millóns, o que supón que un de cada cinco euros que investe a Administración central ten unha finalidade militar”.

Noutro relatorio, Juan Carlos Rois, un dos maiores especialistas en analisar e aprofundar nos PXE dun ponto de vista anti-militarista, afirma que a Despesa Militar “atinxe de facto a arrepiante cifra de 22.256,33 millóns de euros, que chegará a alcanzar os 31.168,35 millóns de euros así que sexan acrecentadas as partidas que de maneira habitual viñeron sendo agregadas á execución final do orzamento de Defensa, que incomprensibelmente sempre falla e é calculado entre un 35 e un 50% menos do que finalmente se gasta”. Como exemplo, este ben recente, de hai apenas uns días: case 2.000 millóns de euros máis para comprar armas.

De ambos os documentos decorrren algunhas conclusións preocupantes, dentre as que salienta unha, incontestábel: a Despesa Militar é deliberadamente opaca.

A falta de rigor nas contas do Ministerio de Defensa sería inviábel noutros ministerios. A camuflaxe do Gasto Militar mediante o truque de o incorporar a outros ministerios revela a mala consciencia que deben ter os políticos e militares para ocultaren máis de dous terzos da despesa real e a falta de argumentos convincentes para xustificaren tal extravagancia nas necesidades de defensa cando non hai inimigo de quen nos defendermos.

 

Goberne quen goberne, a despesa militar defende

 

Mais a verdade é que as políticas militares dos sucesivos gobernos de dereita e esquerda, no que a Despesa Militar di respecto, non teñen sequera matices diferenciadores. Goberne quen goberne, o gasto militar defende. Sobe, sobe sempre, e o intervencionismo en países que ningún dano nos fixeron tamén. Os custosos programas de armamento non teñen contestación no parlamento nin se coñecen disensos na súa opaca comisión de Defensa.

Sangría de recursos e empobrecemento xeral

Os Programas Especiais de Armamento supoñen unha sangría constante de recursos coa escusa da modernización do exército, tarefa que levan tentando, sen o conseguiren, os sucesivos gobernos, porque non é un obxectivo, senón un medio, para continuaren dando progatonismo e recursos ao complexo político-militar-industrial con portas xiratorias ben engraxadas e intereses interligados. A tea de araña deste complexo ten como reféns os traballadores da industria de armamento que teñen que escoller entre o pan para a familia, construindo armas que levarán a fame e a morte a inocentes, ou ficaren no desemprego en rexións deliberadamente militarizadas. Segundo o Centre Delàs, estes programas supuxeron unha despesa de 51.644 millóns de euros, e xeraron unha débeda que, no parecer de Rois, atinxirá os 43.000 millóns de euros, contando con que só a despesa militar incorporada a outros ministerios ascende a 22.256,33 millóns de euros e con que cada ano a execución final do orzamento de Defensa sempre falla. Ano após ano, calcula entre un 35% e un 50% menos do que en realidade gasta.

Todo orzamento é limitado. A escolla do investimento dá conta das prioridades e os obxectivos de cada goberno. O que se investe en manter un exército custoso e equipalo con armamento de moda non se investe en sanidade, educación, pensións, investigación civil ou en acabar coas ringleiras da fame. O feito de que un de cada cinco euros que investe a Administración central teña finalidade militar revela ben as prioridades do Goberno e o enorme custo de oportunidade que supón non dispormos deses recursos para finalidades sociais. Estes orzamentos afástanos do cumprimento dos obxectivos da axenda 2030 e de avanzarmos nunha transición ecolóxica que a propia actividade militar hipoteca. En nome dunha seguranza que ninguén ameaza, o goberno sacrifica as necesidades básicas de millóns de persoas, negándolles o acceso a unha seguranza humana hipotecada e que impede unha vida digna.

 

Desarma MadridDesarma Madrid

 

Militarización progresiva da vida civil

O feito de a despesa oculta do Ministerio de Defensa duplicar o gasto oficial demostra que a maioría dos ministerios, comunidades, concellos e outros organismos oficiais son parasitados polo militarismo. Alén da militarización dunha parte da economía, os cada vez máis frecuentes convenios do Ministerio da Guerra con universidades e Ministerio da Educación, revela a súa infiltración na investigación e na cultura. A militarización tamén chega á banca, que, ao que parece, tira bons rendementos financiando a fabricación de armamento, mesmo de armas nucleares, que sen a súa axuda non poderían se fabricadas. Un dos feitos máis relevantes que mostra a militarización da vida civil é a UME (Unidade Militar de Emerxencias), non tanto polo seu volume de traballo, segundo algúns especialistas escaso e de baixa calidade, senón pola enorme propaganda que supón para lavar a cara a un exército que só sabe comportarse diante das cámaras. O feito de que se continúe reclamando militares como rastreadores é unha demostración palpábel dunha das máximas de Desarma Madrid: sobran militares e falta persoal sanitario.

Canto gastará en 2022 o goberno para ter contente e engraxado o Ministerio da Guerra? Talvez podamos sabelo dentro de 50 anos, cando foren desclasificados os seus papeis secretos. Entretanto, lean, somen gastos, investiguen… mais, iso si, con cuidado, que a honra militar española certamento non ha de gustar de que as súas vergoñas sexan ventiladas.Lembremos os casos de Julian Assange e de Luís Gonzalo Segura.

 

O feito se reclamen militares como rastreadores é unha demostración palpábel dunha das máximas de Desarma Madrid: sobran militares e falta persoal sanitario.

 

Non é tan importante a cantidade exacta que sexa o que supón a Despesa Militar real do estado español. Esa sábea o goberno. O máis significativo é a camuflaxe noutros ministerios, algo que se fixo sempre, mais que o goberno máis progresista non debería consentir. O é que ten vergoña de que coñezamos a cantidade real investida?