Todo o mundo se parabeniza e respira aliviado despois de ter sido anunciado o cesamento do fogo na Faixa de Gaza, após 11 días de ofensiva militar e intensos bombardeamentos por terra, mar e ar. A vida continúa e a xente, aqui e no resto do mundo, xa pode pensar en facer proxectos para o verán, viaxes, festas e ferias máis do que merecidas despois de ter pasado a parte máis dura da pandemia. En troca, a pandemia en Gaza é o que menos importa. Alí teñen unha pandemia moito máis duradoura e que arrasa máis vidas, a ocupación, o bloqueo económico, as operacións militares e a  emerxencia humanitaria permanente que sofren máis de dous millóns de gazatís.

MOHAMMED SALEM | Reuters

 

A partir do último día do mes sagrado do Ramadán e durante once longos e durísimos días, a poboación de Gaza sufriu unha ofensiva militar demolidora. As consecuencias son máis de 240 civis asasinados, entre os que hai 65 crianzas e 40 mulleres, alén de case 2.000 persoas feridas, a metade crianzas, mulleres e idosos. Segundo datos da UNRW (Axencia da ONU para os refuxiados palestinos) foron contadas unhas 115.000 persoas deslocadas quer por as súas casas teren sido bombardeadas de forma total ou parcial, quer por elas teren fuxido das zonas máis bombardeadas.

Todos estes non poden ser considerados simples números, son datos que representan as persoas que perderon a vida ou parte dela. Xente que morre sen razón, xente que perdeu a súa vivenda e os seus negocios.

Como seres humanos que somos non podemos esquecer estas persoas e as deixar abandonadas á súa propia sorte. O que está acontecendo na zona de Gaza non debe deixar indiferente ninguén. Alí viven homes e mulleres de carne e sangue, iguais a calquer outro ser humano. Teñen famiias e seres queridos. Son crianzas, xovens e anciáns con, exactamente, os mesmos desexos e soños que calquer outra crianza, xoven ou ancián do mundo, e que outra cousa non é que o anseio de vivir en paz e prosperidade. Fago un chamado, non como palestino, nin árabe, nin musulmán, senón como ser humano.

En Gaza morre xente non só por causa dos bombardeos, senón tamén polo bloqueo económico que dura xa catorce anos, e por falta de atención médica, así como de produtos básicos. Morren persoas e antes morren os seus soños.

Todos debemos facer algo, mais nunca ollar para outro lado e manternos en silencio. Debemos reclamar liberdade, dignidade, dereitos e o fin da ocupación máis duradoura na historia recente.

Sami Ashour