Estreado en París o documentario ‘Fedayin, le combate de Georges Abdallah · O comunista libanés e activista palestino leva trinta e seis anos e sete meses de prisión.

.

                             Georges Abdallah e o seu avogado, Jacques Verges, o día do xulgamento

Georges Ibrahim Abdallah (Kobayat, Líbano, 1951), militante da Frente Popular para a Liberación da Palestina (FPAP) e da Fracción Armada Revolucionaria Libanesa (FARL), é un dos prisioneiros políticos máis antigos de Europa. Ten setenta anos. Non saíu das prisións francesas desde 1984. Hai trinta e seis anos e sete meses. Foi condenado a perpetuidade en 1987 por actos de terrorismo. Segundo o seu avogado daquela altura, Jacques Vergès, foi acusado sen probas de dirixir os pelotóns que mataron un axente do Mossad e un militar dos EUA., veterano do Vietnam.

O documentario Fedayin, le combate de Georges Abdallah (Collectif Vacarme(s) Films) comeza preguntándose que son os fedaíns: “Son os fillos deste pobo oprimido, expulsado da súa terra, privado do dereito de autodeterminación, aqueles a quen até hoxe se impediu de loitar para liberar Palestina. ‘Fedaín’ vén da palabra árabe fida, que significa ‘sacrificio’.”

O filme, freito na Alemaña, Bélxica, Francia, o Líbano e a Palestina, traza a historia deste militante libanés, marxista e de orixe familiar cristiá maronita, desde a súa implicación xuvenil coa causa palestina até hoxe, despois de case trinta e sete anos de prisión. Cando era novo, o Líbano era refuxio de moitos palestinos represaliados e expulsados da súa terra. O país recibiu o ataque das forzas militares israelitas. Os fedaíns foron expulsados e as cidades Sabra e Xatila foron obxecto dunha matanza. Georges Abdallah púxose ao carón dos seus. Antes de entregarse ao activismo foi mestre e viviu nun campo de refuxiados palestinos.

Da Nakba (1948) ao setembro Negro en Xordania (1970), pasando pola ocupación israelita do Líbano (1982), o documentario explica como a causa palestina implicou os mozos libaneses dos anos setenta. Cales eran os seus motivos e métodos de loita e como decidiu Georges que había que levar aquel combate en Europa, nun momento en que a extrema esquerda europea cría que Palestina era tamén un dos seus obxectivos de loita e aí actuaba conxuntamente.

O resultado non é unha haxiografía do protagonista, senón unha inmersión, con el como eixo, no complexo conflito entre Israel e Palestina, no contexto da política internacional. Expón, tamén, a fraqueza e a falsidade das acusacións contra el, acompaña seu proceso e o calvario dos anos de prisión, co apoio das opinións de historiadores, por exemplo Khaled Barakat, da súa familia, de activistas palestinos, dos seus avogados, dos grupos de apoio e de antigos camaradas de loita e de prisión. Entre eles, Bertrand Sassoye, antigo membro das células comunistas combatentes belgas e preso político do 1985 ao 2000. E Jean-Marc Rouillan, fundador do grupo armado Action Directe, condenado a perpetuidade desde 1987, que foi liberado en maio do 2018.

Manifestación de apoio na prisión de Lanamesa (Occitania). Collectif Vacarme(s) Films.

Un proceso político, unha condena a perpetuidade sen probas

No xulgamento que se fixo en París o 23 de febreiro de 1987, no paizo de xustiza do bairro dos Ourives, sometido a extraordinarias medidas de seguranza, Georges Abdallah declarou: “Que un combatente árabe sexa xulgado por un tribunal especial no mundo occidental é de todo normal. Que sexa tratado como un criminal e malfeitor non é nada novo. Mais cando o criminoso ianque, carrasco de todos os desposuídos da terra, é, alén do mais, o representante das supostas vítimas perante vós, entón hai unha razón para absterse de calquera comentario sobre a natureza do voso tribunal e a tarefa asignada.”

O seu irmán Robert lembra que aquel día Georges mencionou en particular o alto número de mártires que caeron no Líbano e en Beirut, sobretodo durante o ataque israelita no Líbano que causou máis de vinte e cinco mil mortos: “Para el –reflecte o irmán–, aquel xulgamento foi feito seguindo as políticas occidentais de apoio a Israel e ás agresións contra os nosos pobos, nomeadamente a Palestina e o Líbano naquel momento.”

“Naturalmente –proseguiu Abdallah ante o xuíz–, os espíritos tolerantes e demócratas poden estar indignados polo aumento do fanatismo e do terrorismo internacional. Nunca se esquecen de mostrar a solidariedade humanitaria que teñen coa resistencia ao ocupante, sempre que as vítimas obedezan as leis dos seus torturadores. Quer dicir, que a guerra nunca tería que ir alén das rexións das periferias e nunca tería que incomodar a súa paz criminosa.”

Explicaba hai anos o seu avogado Jacques Vergès no documentario O avogado do terror (2007), de Barbet Schroeder, que a personalidade e a serenidade de Georges Abdallah o impresionara. O seu defendido pediulle que, fose cal for a sentenza, el non quería que se interpuxese ningún recurso nin apelación. Ou a liberdade ou a perpetua. E foi a perpetua.

Jacques Vergès morreu en 2013. O avogado actual de Abdallah, Jean-Louis Chalanset, declara no filme que “a sentenza que se ditou contra Georges, e mesmo a acusación de complicidade de asasinato, baseábase apenas no feito de que el tiña armas, mais non hai ningún elemento que probe que estaba no lugar das execucións. Nada. Só as armas. Podería ser demandado por pose de armas cunha sentenza de cinco anos ou seis de prisión como máximo.”

“Retírome da sala de audiencia deste tribunal deixándovos co pracer de ver como o representante do carrasco e a súa defensa vomitan odio contra os desherdados da terra”, dixo Abdallah como despedida.

“O ministerioi público pedira sete anos ou dez e sentenciárono a cadea perpetúa”, afirma o avogado Chalanset, que engade un dato inquietante á descrición da actuación da xustiza francesa nun caso que, segundo moitos observadores, foi unha farsa política desde o primeiro momento, como se foi demostrando todos estes anos coas declaracións de avogados e de responsábeis policiais.

Lembro as palabras do comisario Yves Bonnet, que declarou: “Tiña o dereito de reivindicar as accións cometidas pola FARL como actos de resistencia. Podemos non estar de acordo, mais isto é outro debate. Hai que lembrar o contexto, tamén, das matanzas totalmente impunes de Sabra e Xatila. E hoxe Francia manteno encarcerado, en tanto liberou Maurice Papon, cómplice do xenocidio nazi.”

Lembramos que Maurice Papon era un político do réxime de Vichy, colaborador dos nazis, responsábel da persecución e deportación de millares de xudeus. Condenado o 1998 por crimes contra a humanidade, ingresou na prisión e foi liberado tres anos despois, aos noventa e dous anos de idade, por motivos de saúde.

 

Fotograma do documental. Collectif Vacarme(s) Films.

Contra Abdallah hai unha conspiración política

Sobre o caso de Abdallah, Jean-Marc Rouillan, ex-xefe de Action Directe, afirma no documental: “É unha conspiración política. O caso de Abdallah é como as bonecas rusas, cada vez que levantas un elemento, descobres que fixeron o dobre. Coa complicidade dos xornalistas franceses que sabían perfectamente que as probas achegadas polos servizos secretos eran falsas.”

Chalanset corrobórao: “É sorpresivo. Paris Match, Le Monde, creo que tamén Libération, todos dixeron que os irmáns Abdallah eran responsábeis daqueles ataques. Deron por boas as declaracións do Ministerio de Interior sen verificar nada de nada. Os irmáns Abdallah estaban no Líbano entón. Un é profesor universitario. A consecuencia disto, nunca viñeron a Francia visitar a George, porque non se sabe nunca, de verdade. Mesmo, vinte anos ou trinta máis tarde, as sospeitas poderían rexurdir. E aínda hoxe, hai dous anos ou tres, cando o fiscal da EE.UU. alega contra Georges, lembra que os irmáns Abdallah foron responsábeis dos atentados de 1986, coa noticia de Paris Match, aínda que todo o mundo sabe perfectamente que é falsa.”

Xusto é dicir que no oitenta houbo atentados importantes en Francia, por exemplo o perpetrado polo venezolano Carlos “o Chacal” e os reivindicados por grupos armenios prol-árabes, entre os cales a xihad Islámica, entón descoñecida. En 1986, unha bomba aos almacéns Tati de París causou sete mortos. O atentado foi reivindicado polo Comité de Solidariedade cos Presos Políticos Árabes e do Oriente Medio. As investigacións nunca achegaron ningunha outra proba clara respecto da responsabilidade daqueles feitos.

Jean-Marc Rouillan coincidiu uns cantos anos, desde o 1995, con Georges Abdallah na prisión de Lanamesa. Alí, di el, continuaron a actividade política diaria facendo comunicados e folgas de fame en solidariedade cos presos palestinos. “A prisión non é unha paréntese, senón unha actividade política. O gran respecto que Georges ten cara ás prisións francesas vén de aquí. Está presente, está aquí. Se o chamas, está aquí.”

Protesto palestino. Collectif Vacarme(s) Films.

Abdallah, refén a perpetuidade

Completados o primeiros quince anos de condena, desde o ano 1999 Abdallah ten dereito a solicitar a liberdade condicional, que lle foi negada oito veces con pretextos diferentes, principalmente que se nega a arrepentirse. É a escusa máis habitual. No caso de Jean-Marc Rouillan actuaron igual porque se negaba a arrepentirse, mais finalmente concedéronlle a semi-liberdade, e perdeuna máis tarde por unhas declaracións á prensa. No 2012 recuperou a condicional e no 2018 obtivo a liberdade.

Os EUA e Israel presionan a Francia cada vez que se fala de liberar Georges Abdallah. E a Francia cede. Durante o proceso xudicial do 1987 Ronald Reagan presionou, persoalmente, François Mitterrand. E fixeron igual os sucesivos presidentes, mesmo Hillary Clinton que, segundo explica o documentario, escribiu a Manuel Valls cando era o ministro de Interior francés. Era 2013. Os xuíces de aplicación de penas decidiran finalmente outorgar a Abdallah a liberdade condicional, con tal que fóra inmediatamente expulsado ao Líbano. En Beirut xa o esperaban e preparáronlle un recibimento de honra. Mais a orde de expulsión dependía da firma de Manuel Valls, que nunca chegou porque obedeceu as ordes da EUA, de Hillary Clinton. Unha vez máis, a política internacional e os intereses xudeus e imperialistas pasaron por cima da xustiza francesa. Liberté, égalité, fraternité.

O documentario mostra un fragmento dunha conferencia de prensa na Casa Branca. É o 11 de xaneiro de 2013. Un xornalista pregunta á porta-voz do Departamento de Estado se farán declaracións sobre a liberación na Francia de Georges Ibrahim Abdallah. A resposta é: “É evidente que estamos preocupados por esta liberación. Cremos que non ten que ser liberado e continuamos traballando neste caso co goberno francés. Preocúpanos que poida volver ao combate.”

Sobre as oito negativas de darlle a liberdade condicional, o seu irmán Robert di no documentario: “As respostas negativas son políticas porque sempre lle preguntan cal é a súa posición respecto da resistencia e que faría se as forzas israelitas volvesen invadir o Líbano. Georges sempre deu a mesma resposta: ‘Se o Líbano é atacado, eu estaría no meu país e a disposición da miña xente e comportaríame como calquera persoa dunha sociedade á que atacan o  seu país.’”

O outro irmán, Maurice, critica a fraqueza do seu país: “O estado libanés, sen excepción algunha, non está preparado para dicir ‘non’ aos norteamericanos ou para dicir ‘non’ aos franceses. Nós e moitos mozos libaneses puxémonos en contacto con todas as forzas políticas. As promesas continúan sendo promesas. Tinta sobre papel.”

Unha mostra de apoio a Georges Abdallah nunha manifestación anticorrupción. Beirut, 2019. Collectif Vacarme(s) Films.

Quen teme a Georges Ibrahim Abdallah?

No ano 2008 escribín en VilaWeb un artigo intitulado “Quen teme a Georges Ibrahim Abdallah?“. Entón el levaba vinte e catro anos de condena e xa lle denegaran a liberdade condicional unhas cantas veces. De feito, Abdallah convertérase nun refén dos servizos secretos franceses, norteamericanos e israelitas. Naqueles anos eu estaba en contacto con Jean-Marc Rouillan, recluído como Abdallah na prisión de Lanamesa. Rouillan mantíñame ao corrente das vicisitudes do seu camarada comunista libanés. Rouillan conseguiu a liberdade condicional despois de moitos empecillos, en 2012, despois de vinte e cinco anos. Abdallah continúa en prisión. Pouco podía pensar eu entón que o título daquel artigo do 2008 estaría plenamente vixente hoxe, trece anos máis tarde.

Naqueles anos os estados comezaban a resolver os casos máis graves de prisioneiros políticos dos anos do chumbo. Alemaña comezara a liberar os presos da RAF (Fracción do Exército Vermello) despois de moitos anos de condena. A Francia, timida e lentamente, os de Action Directe e Iparretarrak. Mais faltaba abordar o caso de Abdallah. Non se fixo. Nin se fai.

Este marxista libanés, activista palestino e de familia cristiá maronita era, e é, completamente alleo ao terrorismo xihadista que marca desde a mudanza de século o panorama xeopolítico. Hoxe non pode ser identificado co maligno. Despois dunha vida encarcerado xa pagou dabondo polo seu activismo revolucionario.

 

Xatila (Beirut). Campo de refuxiados. Xullo do 2019. Collectif Vacarme(s) Films.

No ano 2007 nunha intervención ante a xustiza francesa tinitulada “Por Georges Abdallah, contra George Bush”, o seu avogado, Jacques Vergès, afirmaba que era urxente resolver os casos dos presos que xa completaban máis de vinte anos de condena, como o seu defendido, e acababa a intervención dicindo: “O tempo dos procuradores pasou. Agora toca falar aos historiadores. É por iso que pedimos que a xustiza francesa siga o exemplo da xustiza alemá e faga ver aos nosos condescendentes amigos norteamericanos que Francia non é unha muller submisa, nunha palabra, unha puta.”

Portanto, trece anos despois, volto a preguntarme: quen teme a Georges Ibrahim Abdallah? E, sobretodo, por que? O labirinto diplomático, xurídico, político, policial e dos servizos secretos que ten que afrontar Abdallah é extenso e tenebroso. Enfróntase a tres grandes potencias e a todos os fantasmas do pasado, do presente e do futuro.

Unha das respostas dánola a contra-espionaxe francesa nunha nota sobre o da Dirección de Vixilancia do Territorio que se destaca ao documentario: “Personalidade emblemática da loita anti-sionista, a liberación de Georges Abdallah constituiría sen dúbida, no Líbano, un acontecemento. Será posibelmente aclamado como un heroe cando voltar ao seu país, mais tamén o será por uns cuantos movementos da loita revolucionaria.”

A medida que pasan os anos, a presenza firme de Abdallah por detrás dos muros da prisión de Lanamesa vai transformándose nun símbolo interxeracional e internacional da loita marxista árabe e da resistencia palestina contra o apartheid. Hai grupos de apoio e solidariedade na Francia, no Líbano, na Palestina ocupada, na Tunisia, na Xordania e na Arxentina. Constátano no documentario moitas testemuñas, entre as cales os seus irmáns: “Georges é un home honesto, un resistente. Georges danos bastante, apesar de estar na prisión. Inspíranos coraxe”, di Maurice Abdallah. “Cremos que algún día os franceses se verán forzados a liberar Georges, porque o manteren na prisión, co tempo, será para eles máis custoso que darlle a liberdade”, di Robert Abdallah.

Primeiras escenas do documental. Collectif Vacarme(s) Films.

Trailer de Fedayin https://www.youtube.com/watch?v=XKYHVTI6dmw&feature=youtu.be

Xavier Montanyà- VilaWeb